O PM Friol B leva o derbi de filiais
-
- 0
- 9min de lectura
As friolesas recibiron esta fin de semana ao RC Deportivo B nun partido tremendamente igualado e intenso por parte de ambos conxuntos.
A primeira parte, aínda que igualada, foi de maior dominio das friolesas, porén, foron as coruñesas as que puxeron 2 goles no marcador. O primeiro das visitantes chegaría grazas a unha contra que culminarían cun tiro escorado. O segundo, dende un lanzamento de falta no que a defensa non estivo acertada para evitar que o balón rematara no fondo da rede.
Tamén nos primeiros 45 minutos anotou o PM Friol grazas a un gol, tamén de falta, de Balo. Así, co 1-2 no marcador se chegaría a o tempo de lecer e, tamén, ao final do partido xa que na segunda parte ambos equipos apenas tiveron ocasións malia ser un partido moi desputado.
Malia que o Lugo conseguiu resistir durante a primeira parte, conseguindo controlar o prtido defensivamente, sen demasiados apuros; o mal desenvolvemento no bloque alto poñíalle as cousas difíciles ás luguesas.
As albivermellas estaban imprecisas con balón e non conseguían xerar ocasións claras mais, na primeira metade, tampouco o Victoria se atopaba cómodo sobre o terrreo de xogo.
Xa tras o paso polos vestiarios, o CD Lugo comezou a xogar mellor con balón e a conseguir poñer pé na área contraria. Mais chegou o 1-0 do Victoria nunha xogada desafortunada para as luguesas e, ese gol, sentou como unha xarra de auga fría e sacou por completo ás albivermellas do encontro.
A partires de aí, o xogo do Lugo foi decrecendo, con moi malos minutos que remataron por desembocar no 4-0 final.
O derbi entre o PM Friol B e o CD Lugo B é un deses que se agardan durante toda a tempada e todas as xogadoras desexan desputar. Como bo derbi, foi un encontro moi igualado e moi emocional.
O PM Friol deseñou a estratexia do encontro para tratar de establecerse en campo contrario para tratar de dificultar a saída de balón do Lugo. Mais as friolesas comezaron moi mal o partido, moi precipitadas co balón e sen continuidade no xogo. Co paso dos minutos o seu xogo mellorou, conseguindo combinar e subindo ata a área do CD Lugo. Porén, malia que as amarelas tiveron algunha ocasión para adiantarse na primeira metade, chegaríase ao descanso cun 0-0 no luminoso.
Xa na segunda parte o PM Friol cambiou o sistema e o seu xogo mellorou, conseguindo máis accións e chegadas perigosas ata que Nerea Rodríguez poría o 1-0 no minuto 66′ nun centro que remata entrando directamente á porta.
Con ese resultado remataría o partido pese a unha xogada polémica na que o CD Lugo B semella anotar, co balón rebasando a liña de meta, mais non o viu así o colexiado. As luguesas tiveron tamén unha gran ocasión na segunda parte na que só terían que empurrar o balón para dentro, pero o remate rematou fóra.
Un derbi moi igualado no que, quizabes, o máis xusto tería sido o reparto de puntos.
De 3 en 3 segue sumando a SD Antas nun partido no que as azuis foron de menos a máis lideradas grazas a unha Elisa estelar. As seoanesas comezaron ben, e xa nos primeiros 10 minutos do encontro acumulaban catro ocasións claras de gol, pero a falta de eficacia na área rival creaba dúbidas ante un CF Noia que conseguía sacar proveito dos desaxustos da presión da SD Antas.
Elisa, cun disparo lonxano, consegue bater á porteira por arriba para pór o 1-0, pero o Noia era capaz de chegar a campo rival e, aínda que aparentemente non era con demasiado perigo, obrigaba ás locais a empregarse a fondo defensivamente para poder paralas.
Precisamente, nunha desas ocasións, un desaxuste defensivo propiciou o golpeo dende a frontal do Noia para empatar o partido antes do descanso.
Xa na segunda metade, o Antas foi mellorando o seu xogo e facéndose co dominio do encontro. O troco de posicións que pasou a poñer a Dana á fronte do ataque foi clave para que o xogo se desenvolvese no campo rival.
A SD Antas pasou a xogar case por completo só en campo contrario e a roubar moi arriba. Foi entón cando Elisa foi derrubada dentro da área para que, ela mesma, convertera a pena máxima amosando a súa frialdade e confianza sobre o verde e para volver a pór por diante ás locais.
As seoanesas non quixeron agardar para sentenciar o partido e, na seguinte acción, chegaría o gol da tarde e quizais da xornada das botas de Idoia que, nun rexeite dun saque dende o curruncho de primeiras, engancha para pór o balón pola cruceta da portería e deixar claro que a vitoria sería do Antas.
As de Abelairas seguiron xerando ocasións con facilidade, pero o marcador xa non se movería do 3-1 co que se chegaría ó final do encontro.
A SD Chantada recibiu no Sangoñedo ó SPC San Mateo, outro equipo metido de cheo na loita por manter a categoría.
O partido comezou con dominio das locais, conseguindo chegar con facilidade a campo contrario nos primeiros minutos, mais sen conseguir atopar boas ocasións de cara ao gol malia que Laura probou cun par de tiros lonxanos que non puxeron en problemas á porteira visitante.
No minuto 16 chegaría o gol do San Mateo e o único tanto do prtido. Un balón longo puxo en problemas á defensa chantadina para despexalo e, Pilar Fernández (San Mateo) atopouse cun man a man que non perdoaría.
A partires dese intre o Chantada quedou moi tocado e perdeu o dominio que, até o momento, tivera. Foi o San Mateo quen se fixo co balón e comezou a xogar en campo contrario aínda que sen xerar ocasións de perigo.
Tras o paso polos vestiarios a SD Chantada volveu ser dominadora do partido. Ao pouco de comezar a segunda metade, Noelia tería unha gran oportunidade grazas a un disparo franco dende fóra da área que, porén, marcharía desviado.
As locais merodeaban o campo rival pero só disporían dunha boa contra que foi levada por Laura rematando cun disparo dende fóra da área.
Xa co partido roto e a falta de 10 minutos para o final, ambos equipos tiveron ocasións para anotar. A SD Chantada volcouse arriba, o que o San Mateo aproveitaría para saír á contra e atopando unha defensa moi adiantada e con poucas xogadoras, xa que as chantadinas optaron por dalo todo ao ataque.
Esta derrota ante un rival directo pola salvación deixa moi tocado ó Chantada que, se non quere perder a categoría, terá que sumar ante tres rivais moi complexos da liga.
A pesares de chegar moi mermadas polas baixas, as xogadoras da Milagrosa foron quen de sacar un bo resultado no partido ante o Trazo grazas, en boa parte, ó desempeño das xogadoras cadetes que, xornada tras xornada, tiran do equipo como as que máis.
Os dous goles no Xeixo serían das visitantes. Abriu o marcador Leire Jauregui no 65′ e, unha habitual dos goles da provincia, Irene García, poría o definitivo 0-2 no 84′ para a vitoria da Milagrosa.
Con goleada volveu o Carballedo á senda da vitoria nun partido onde conseguiron recuperar o seu xogo.
As rosas saíron con todo ao campo mais acusando certo nerviosismo que, porén, foron pouco a pouco controlando. Un gran gol de Sara xa as adiantara no minuto 5′ do partido, porén, na primeira parte non foron quen de seguir aumentando a vantaxe.
Coa chegada do descanso, Sementa aproveitou para pedirlles ás súas xogadoras unha serie de cambios no xogo e, sobre todo, maior tranquilidade co balón e que non puidera con elas a présa por anotar.
As indicacións foron escoitadas polas xogadoras que, sen présa pero con grande eficacia, marcaron nos seguintes 45 minutos outros 4 goles (Sara, Uxía, Sheyla e, de novo, Sara) para pór o definitivo 5-0 con hat-trick dunha Sara Fernández excelsa.
Dous dos equipos fortes da Terceira, San Lázaro e Santiso, desputaron este partido de altura o venres. Un encontro que comezaba xa condicionado polo tempo, xa que o campo atopábase moi enchoupado de auga polas fortes choivas desa xornada, o que dificultaba o xogo.
A relevancia do partido provocou imprevisións en ambos conxuntos nun partido moi desputado. Porén, o San Lázaro conseguiu adiantarse grazas a un gol de Anita. Mais nun saque dende o curruncho o Santiso conseguiría devolver o empate ao luminoso.
Restando os goles, apenas houbo máis ocasións claras e sen que as porteiras tiveran que facer intervencións, aínda que o Santiso si tivo moitos córners a favor. O San Lázaro, que conseguiu chegar en máis ocasións á área rival pero sen conseguir materializalas agás o gol de Anita de falta.
As xogadoras da Comercial firmaron esta fin de semana un dos seus mellores encontros da tempada, amosando unha gran capacidade asociativa, de combinación de balón e, tamén calidade a balón parado.
Todo o traballo durante a tempada viuse recompensado neste partido contra a SD Negreira que gañaron as locais (2-0) grazas a un dobrete de Kathy.
Partido de claro dominio do Monte Forte, con numerosas ocasións grazas a boas xogadas combinativas e filtrando balóns ás costas da defensa do Arzúa, que tamén facía dano con pases longos.
Porén, foi o Monte Forte quen impuxo o seu xogo, parando as xogadas para, con maior tranquilidade chegar á área rival.
Laura Correas abriu o marcador no 23′ e Carla Vázquez sumou o segundo no 32′. Xa no final do partido, no 86′, chegaría o terceiro gol das botas de Paula Pérez e, ao borde do asubío final, Laura Correas volvería anotar para pechar o defintivo 4-0.