#Feminino #Fútbol afeccionado

PM Friol – Athletic B, o destino de xogar a 50 km das túas raíces

Fotos: Athletic Club

A Reigosa inaugura este domingo a segunda fase da Reto Iberdrola. O PM Friol recibe ás 12:00h a un dos clubs modelo polo seu xeito de entendelo fútbol. Chega o filial do Athletic Club. No conxunto vasco dáse unha desas historias da emigración que xa traspasa xeracións.

Roberto Pampín López (05-01-1984, Arrigorragia – Bizkaia) é o actual adestrador do Athletic Fem B. Fíxose cargo do equipo a comezos de xaneiro. Xusto cando a ata daquela adestradora do filial, Iraia Iturregui, asumiu o cargo no primeiro equipo. Pampín xa levaba uns anos dirixindo ao conxunto cadete de Lezama.



Se botades a vista atrás, igual vos lembrades da estrea de Roberto co primeiro equipo. Si, Roberto foi porteiro, criouse na base do Athletic de Bilbao e chegou a debutar da man de Ernesto Valverde. Nada máis e nada menos ca nun derbi ca Real Sociedad en 2004.

O soño cumprido dun neno. Un soño que igual era similar ao do seu aita (pai en vasco). Un pai que marchou de moi novo do lugar de orixe. O aita de Pampín naceu en Brocos, unha parroquia da Agolada. A uns 50 quilómetros de onde o seu fillo xogará este domingo.

A familia máis próxima agora vive preto de Melide, a unha media hora de Friol. Cando llo dixen a miña nai, estivo falando con eles. Xusto o domingo tiñan un compromiso e estaban tentando cambialo para poder ir ao partido”, comenta Pampín. A súas circunstancias de vida non lle permiten vir moito a Galicia, pero ten boas lembranzas: “De pequeno veraneaba todos os anos con meus pais. Cómese ben (risas) e o polbo bótase de menos. Algunha vez volvín e é unha terra especial”.



A pesar da súa viaxe a Galicia, Pampín está centrado no fútbol e no encontro: “Chegamos bastante ben. Con gana de comezar porque levamos dúas semanas sen xogar e xa se fai longo. Nos filiais é habitual ir de menos a máis. Conforme avanza a tempada, os equipos van engrasando mellor. Agardamos seguir coa boa dinámica de resultados. E sobre todo, seguir formando xogadoras. O obxectivo é que moitas delas teñan a oportunidade de facela pretemporada co primeiro equipo e surtir ao Athletic”.

O PM Friol ten o gol average gañado ante o Pozuelo e o Parquesol. Fonte: Elaboración propia

O PM Friol encara esta segunda fase co claro obxectivo de salvarse. O grupo vai estar conformado por nove equipos. O cadro friolés xogará só cos conxuntos aos que non se enfrontou na primeira fase. Terá dez partidos (ida e volta) contra o Athletic Club B, Zaragoza CFF, Seagull, Collerense e Espanyol B.

Dos nove conxuntos, catro descenderán á Primeira Nacional. Polo momento, a clasificación calcúlase cun cociente, xa que hai equipos que teñen máis partidos xogados da 1ª fase. Non obstante, ao remate da 2ª fase todos os clubs terán o mesmo número de encontros desputados.

A diferenza de puntuación entre o conxunto vasco e o lucense é clara. A pesar de xogar dous partidos a maiores, o Athletic ten xa oito puntos máis ca o Friol. En principio, o filial bilbaíno non vai ter problemas para salvar a categoría.

Por terras vascas teñen referencias do cadro friolés. “Algún partido temos a nosa disposición porque foron televisados. Logo tamén temos a experiencia do ano pasado. Porque o equipo xa xogou alí e sabemos as características do campo. Pero o que máis nos importa é o noso. Queremos que as demais se amolden ao noso xogo”, salienta o míster.

O PM Friol e o filial do Athletic xa cadraron a campaña pasada como rivais no grupo norte da Reto Iberdrola. O conxunto de Bilbao foi o campión de grupo. Aínda que non puido optar ao ascenso pola presenza do primeiro equipo na Primeira División. Precisamente a situación do conxunto A abriulle a porta a Roberto Pampín. “Apareceu a oportunidade da noite á mañá. Foi un xoves e xa nos tocaba viaxar. Non obstante, xa estaba en Lezama e adestro a moitas xogadores que xa as adestrei en ateriores etapas. Non é nada novo e estouno desfrutando”.

Pampín ten clara como debe ser a aposta polo fútbol feminino: “Aquí a categoría cadete xa leva uns anos. Medrou bastante. Falta saber como quedará todo logo da covid despois de moitos paróns. Pero o importante é comezar dende abaixo. O fútbol base hai que traballalo ben e, sobre todo, ter paciencia”.

Pampín chegou a debutar co primeiro equipo do Athletic de Bilbao en 2004. Foto: Athletic Club

Roberto Pampín chegou a xogar dos partidos co Athletic de Bilbao en Primeira División. Era o porteiro titular do filial cando o chamaron para suplir a baixa por lesión de Lafuente. Logo o 25 de novembro do 2004 expulsaron a Aranzubía no derbi vasco. Debutou con derrota, pero puido resarcirse a seguinte semana. O equipo venceu na súa estrea en San Mamés nun duelo de proximidade ante o Racing de Santander.

O gardamallas continuaría a súa carreira no filial e afrontaría as cesións ao Real Unión e ao Sestao River. Posteriormente marchou ao Eibar en Segunda División e tivo que deixalo definitivamente con 25 anos por un problema nas costas. Unha carreira futbolística ligada sempre ao fútbol vasco. “Entro todos os días en Lezama e séguenseme poñendo os pelos de punta. Cambiou moito a cando eu comezaba. Pero véñenme moitas lembranzas da infancia”.

Esta fin de semana, Pampín reencontrarase simbolicamente coas súas orixes. De seguro que o cheiro á terra lle axudan a coller impulso para o que virá. “Vou día a día. Gústame o que fago. É como estar nun soño constante”. Nun soño continuo está Pampín e tamén o PM Friol competindo un ano máis na Segunda División do fútbol estatal. Agardemos que os dous soños podan seguir sendo compatibles.

PM Friol – Athletic B, o destino de xogar a 50 km das túas raíces

Alberto Suárez marca por primeira vez de

PM Friol – Athletic B, o destino de xogar a 50 km das túas raíces

O partido Fisioterapia Ronda . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *