O partido Fisioterapia Ronda . . . Racing Vilalbés – Paiosaco: a pola terceira praza, cos deberes feitos

Chega a penúltima xornada da primeira fase de Terceira e faino cos obxectivos deportivos cumpridos para o Racing Vilalbés. Coa permanencia acadada de forma virtual desde fai varias xornadas e matematicamente desde o triunfo no campo do Somozas do pasado domingo, o cadro chairego afronta sen presión estes dous últimos encontros nos que ten ao alcance da man o terceiro posto. O primeiro escollo será o Paiosaco, ao que recibe o domingo ás 17 horas na Madalena coa arbitraxe do colexiado santiagués Martínez Barral.

É probable que o Racing Vilalbés se xogue máis no ámbito insititucional que no deportivo. Non existe candidatura algunha para coller o relevo do actual presidente Paco Ruíz e o club corre o risco de entrar en disolución. Con esa preocupación latente, o equipo afronta os dous últimos encontros da primeira fase nunha posición envidiable. Cuarto a tan só un punto do Somozas e co golaverage a favor cos de ferrolterra. Tampouco é inalcanzable o segundo posto que ocupa o Polvorín, con catro puntos máis que o Racing.

Para calquera obxectivo ambicioso é preciso gañarlle ao Paiosaco, para cando menos, chegar con opcións reais á derradeira xornada. O equipo adestrado por Juan Riveiro é o pechacancelas do grupo A con once puntos dos que só dous logrou a domicilio, un deles nas Eiroas diante do Bergantiños. O cadro larachés, malia súa mala campaña, non é un conxunto doado de dobregar, tal e como demostrou no encontro de ida na Porta Santa diante do Racing Vilalbés, onde foi quen de empatar.

O último enfrontamento entre os dous conxuntos na Madalena tivo lugar o 16 de febreiro de 2020 e rematou con empate a un. Jose Varela adiantou ao Racing, pero Eiroa igualou a contenda na segunda metade.

Falamos do encontro con Javi Varela, mediocentro do Racing Vilalbés que, unha vez recuperado da súa lesión, volta a ser importante nos esquemas de Simón Lamas.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

JAVI VARELA (RACING VILALBÉS)

 – A derrota co Fabril. “Foi máis abultada do normal. Eles xogábanse moito e iso notouse. Recibimos un gol moi cedo e xa trocou todo, aínda que en ningún momento nos fomos do partido, demos a cara e pisamos a área contraria e creamos ocasións para materializar algunha, pero ante un equipo da talla do Fabril se non as metes ao final rematas pagándoo. Pero nen moito menos nos vemos afectados por esta derrota de cara ao domingo. Quitando este pequeno bache viñamos nunha boa dinámica e estamos preparados para afrontar o encontro con toda a confianza do mundo e con ganas de facernos fortes no noso campo”.

– O Paiosaco. “Agardo un partido difícil no que eles non teñen nada que perder. A pesar dos poucos puntos que teñen sempre son un rival incómodo para nós e son quen de poñernos as cousas moi difíciles. Intentarán sumar o máximos puntos posibles para a seguinte fase, pero nós temos armas suficientes para facerlles dano e quedar cos tres puntos. Estamos nunha posición que todo o mundo firmaría ao comezo de temporada e non temos ningún tipo de presión. Vimos facendo as cousas moi ben e traballando duro cada semana e non existe ningunha relaxación no grupo, polo que se estamos ao nivel dos últimos encontros e coa intensidade que nos caracteriza, imos darlle moi poucas opcións ao rival”.

 – A tranquilidade da permanencia. “Despois de varios meses de competición e de todo o traballo que levamos feito, e co duro e difícil que sabemos que é gañar o partidos nesta categoría, afrontamos o que nos queda con moita alegría, sen presión e coa ilusión de seguir facendo as cousas ben. Estamos nunha posición cómoda, onde a moitos lles gustaría estar e afrontamos a recta final coas mesmas gañas que ao comezo. Quedan dous encontros nos que intentaremos sacar os máximos puntos posibles para a seguinte fase”.

– A recuperación. “Foron meses duros, loitando para recuperarme o antes posible. Agora atópome moi ben, xa levo semanas adestrando ao máximo nivel co grupo, participando en partidos, físicamente ben e co ritmo necesario que esta categoría require. Estou dispoñible para ser da partida sempre que o míster queira e deixarme a pel no campo que é onde máis me gustar estar e axudar ao equipo como o vin facendo estes últimos anos”.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario