Palabra de… Diego Díaz: A peaxe da mellor droga

Sinto se vos enganei co título. Non vou falar de substancias estupefacientes. Nin de alucinóxenos. Ao contrario, quero retratar a xente alucinante. Tan incrible que experimenta os efectos da droga máis dura sen consumir toxina algunha. Sen reventar calquera alcoholímetro da Garda Civil.

Alberto, coa súa filla na Medela

Chegados a este punto podemos levar a nosa historia a un simple utilitario. Situémolo á altura de Adanero. A 60 kilómetros de Madrid. Da capital. Alí un home baixa a ventaniña e apoquina os doce euros de rigor. Xa saben… concesións estatais. Podemos chamarlle Omar ou Alberto, por exemplo. O primeiro virá pensando en como fabricar unha nova vaselina para o Castro. Mentres quita o uniforme ás presas. O segundo co corazón dividido entre a súa filla e o recendo da herba recén cortada na Medela. Tódalas semanas o mesmo traxecto. Coñecen a A-6 de memoria. Case mellor que os nosos campos. Eses polos que fan a súa rutinaria peregrinaxe.

Non son os únicos. O gardamallas Rubén marchou a Zaragoza coa ficha feita en Cerdeiriños. E que a terriña tira. E vaia se tira meu amigo! Que aquí o amigo púxose co Futbolinlugo a 500 kilómetros de distancia. E nin así se vai a morriña… Pensando no espectáculo que me perdo cada domingo. Sexa no Árbol, no Pichón, na Cheda… Ou no que cadre. Aínda así, o meu é ‘peccata minuta‘.

Omar saíndo dunha emboscada rival

Os efectos poden ser moito máis duros. Recordo a Álex Novás, un dos mellores talentos da Chaira. Viaxando noite tras noite dende A Coruña para facerse un nome no Racing Villalbés. Por agora non puido ser. A calidade segue aí, iso está claro. Ou penso nese adestrador que se fai unha hora de estrada para aproveitar a súa oportunidade. Para crecer ou simplemente disfrutar. Tamén se me veñen á cachola eses coches cheos. Os que despreden mil historias de fútbol. Dirección Ribadeo, sen ir máis lonxe. Ou a Vilalba. Jorge Tato non te olvidamos!

Por estes pequenos grandes detalles, os amantes da pelotiña sabemos o que hai. Somos conscientes de que non fai falla consumir para engancharse ao noso. Para rematar a noite reventado, vomitando, magullado ou perdendo cartos. Só necesitamos un balón. E susurrarlle que mañá podemos deixalo. Que non vale a pena seguir. Ata que metes un novo chute. E o fútbol xa che colou outro gol. Amigo estás perdido. Porque aí vén a maravillosa resaca do luns!

Diego Díaz, adicto confeso.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario