O filial do Monterroso xogará en Segunda

O Monterroso B conseguiu un histórico ascenso á Segunda Galicia despois de superar ao Río Sil na final da promoción de ascenso da Terceira Galicia grupo sur. O filial monterrosino sube de categoría no seu segundo ano de vida. Tan só o filial do Pontellas da provincia de Pontevedra se adiantou no ascenso dun filial desta temporada en Galicia.

O conxunto adestrado por Fer fixo valer a súa mellor arma, o anexo de Cerdeiriños e derrotou por 3-0 ao Río Sil con goles de Cristian Crespo, Iago Vázquez e Joni. Superou deste xeito, o resultado da ida que fora de 2-1 a favor do equipo de Sober. O ascenso chega despois de que no primeiro ano de vida, o Monterroso B perdera nos play-offs de ascenso e tamén caera nas semifinais da Copa Deputación. Para esta temporada o club non tiña como obxectivo o ascenso, pero o seu técnico si que o tiña en mente. “Púxenmo. Este ano tendo un equipo un pouco peor competimos moito mellor. Estivemos primeiros case todo o ano, pero perdemos tres partidos nos últimos encontros”, asegura Fer.

O adestrador Fer foi manteado despois do partido

E agora de cara a novo curso na Segunda, Fer apunta que o nivel é parexo: “vémolo na Copa e o ano pasado xa o comprobamos. A maioría dos equipos que ascenderon este ano mantéronse”. Na nova categoría, o club de Cerdeiriños terá a varios veciños por rivais: “En teoría de Primeira cae o Antas e tamén estaría o Palas, equipos da nosa zona para xogar derbis. Ademais os desprazamentos serán máis próximos ca na Terceira”, subliña Fer.

Este éxito, xunto co do primeiro equipo que está pelexando polo ascenso á Preferente, reflicte o bo facer da SD Monterroso nun concello que ronda os 3.700 habitantes. “Estase facendo un traballo moi grande. O club medrou moito. Contamos con moitos equipos de base, dous sénior e un de veteráns. Viuse no torneo de Semana Santa que o club traballa moito e a xente está co fútbol”, destaca o míster do filial.

O cadro de xogadores e a afección celebrou un ascenso histórico

Non obstante, antes de comezar a preparar o novo curso, tocará planificar a preparación da Copa Deputación na que o equipo da Ulloa ten a espiña cravada do ano pasado. Os emparellamentos destas eliminatorias deixáronnos encadrados co Paradela.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario