A foto de portada é unha das máis representativas da Segunda e tamén do fútbol afeccionado lucense. Marcos e Manel son emblemas dos seus clubs e do balompé da provincia. A imaxe de dous capitáns que prolongan a súa carreira amosando uns valores e un compromiso do que aprender. Pero, pola contra, tamén é a imaxe da falta dun relevo que garanta o seu legado. Agardemos estar aínda a tempo.
Evidentemente Manel e Marcos foron protagonistas da xornada, como sempre o son cando se enfrontan o Goiriz e o Iberia. Pero houbo moitos máis con dous hat-tricks e a intensa pelexa polo ascenso. Contámolo nunha nova entrega dos #OncesFutbolinlugo.
Na quinta xornada da fase de ascenso do grupo norte, o Sanci continúa no máis alto da clasificación. Venceu pola mínima no Suso Cruz ante un Guitiriz que non colleitou bos resultados neste segundo tramo da liga. Pola súa banda, o cadro adestrado por Jaime Méndez conta con dous puntos de vantaxe sobre o Cospeito, o seu próximo rival.
O club cospeités volveu ao camiño da vitoria e chega a recta final como un dos claros candidatos a loitar pola praza de ascenso. O dianteiro Jose marcou os dous goles que lle deron os tres puntos aos seus ante o Celta Barreiros.


O Meira é terceiro a tres puntos do líder. Derrotou a un Cabreiros que se afasta das súas opcións de pelexar polo primeiro posto. Cuarta é a Candelaria (a catro do 1º) a pesar da súa derrota ante o Muimenta. Non obstante, o peor para os de Jaime Matouse non foi perder os tres puntos senón a lesión do capitán. O central Simón operouse xa o pasado martes do tendón de Aquiles. Dende aquí desexámoslle a mellor recuperación posible.

Na quinta xornada da fase pola permanencia na zona norte, o Xermade e o Iberia seguen intratables neste tramo da competición. O conxunto xermadino derrotou ao Matela en San Lorenzo de Aguiar. E iso que tivo que innovar na portería. Ante a ausencia tanto de Ángel Prieto como de Juanxo, púxose baixo paus Borja Pellón, alcumado ‘Pitizarreta’ agora na súa faceta de gardameta.
O Iberia sacou os tres puntos do Ventiño ante o Goiriz con goles de Joni e Diego. A terceira praza é ocupada polo Fonsagrada que empatou sen goles ante o Roupar.

Pola súa banda, o derbi do Fiouco permitiu que o Abadín dese un paso adiante na súa loita por evitar o descenso directo. Derrotou ao Mondoñedo nun encontro no que Seco volveu ser protagonista cun dobrete. O cadro mindoniense queda agora a seis puntos da salvación (distancia co Abadín e co Roupar).
Na cuarta xornada da fase de ascenso da zona sur, este xoves xogouse aínda o encontro do líder. O SD Becerreá – SD Chantada B fora aprazado por mor da covid. Rematou en empate a un gol, non sendo un dos mellores partidos do intratable cadro da Montaña. O Becerreá mantense no primeiro posto con dous puntos de marxe sobre o Antas.
O cadro da Ulloa segue co pleno de vitorias neste tramo da competición. Derrotou pola mínima no Luis Pallín a un Oural que non conseguiu puntuar na 2ª fase.
A Milagrosa tampouco renuncia a praza de ascenso logo de lograr un importante triunfo ante o Ferreira no Baliño. Está a tres puntos do primeiro posto ao igual que o Paradela que derrotou tamén a domicilio ao Río Sil onde salientou a actuación de Juan Manuel. O dianteiro de Vila de Cruces marcou tres goles.

Na fase pola permanencia no grupo de cinco equipos da zona sur, non hai parón pola Semana Santa. O Páramo xa lle gañou ao Santa Comba pola mínima. O cadro adestrado por Santi completa así unha gran semana logo do seu triunfo tamén ante o Quiroga.

O cadro quirogués descansa esta xornada pero seguirá a dous puntos da salvación directa. O próximo partido co Santa Comba vai ser crucial para os dous conxuntos.
O grupo está liderado polo Sporting Lucense que xogará este domingo ante o Brollón precisamente poñendo en xogo a primeira praza. Ambos conxuntos teñen unha diferenza considerable para non meterse en apuros.
Na fase pola permanencia no grupo de catro equipos da zona sur, o Corgo venceu ao Palas para seguir como primeiro clasificado e manter oito puntos de diferenza coa praza de descenso directo.
A posición de descenso segue ocupada polo Bóveda pero o cadro adestrado por Pasín logrou un triunfo importantísimo ante o Incio. Ademais venceu con contundencia e con tres goles marcados por Álex Casares. O tres puntos permítenlle reducir a dous a diferenza co seu rival e seguir moi vivo na pelexa pola salvación.