A penúltima xornada de Terceira deixou resultados favorables para os conxuntos lucenses. O Polvorín venceu en Noia e recuperou o primeiro posto, mentres que o Racing Vilalbés gañou na Madalena ao Choco e pelexará na derradeira xornada por entrar no play off de ascenso. O Viveiro descansou. Na pelexa pola permanencia en Preferente o Foz engánchase á pelexa ao gañar diante do Boimorto. O Ribadeo non pasou do empate fronte ao Puebla e Residencia e Santaballés caeron derrotados co Pino e Boiro, respectivamente.
O triunfo do Polvorín en Noia deixa aos lucenses líderes antes da última derradeira xornada (0-2).
O Polvorín acadou tres traballados puntos no campo do Noia, que sumados ao empate do Ourense CF diante do Rápido de Bouzas, permítelles aos lucenses depender de si mesmos na derradeira xornada para lograr o ascenso directo a Segunda RFEF.
O encontro resultou trabado cun Noia coas liñas moi xuntas tratando de impedir o habitua fútbol do Polvorín. O encontro trocou coa expulsión por vermello directo do central local Ángelo. Os de Álex Ortiz chegaron con máis perigo á área rival e xeraron ocasións de gol, aínda que sen acerto cara a portería.


Non tardou en abrir a lata o cadro lucense na reanudación. Un pase filtrado de Xurde aproveitouno Fidalgo cun bo remate que se colou na portería do Noia. A sentencia non chegou ata os últimos minutos. Un balón ao espacio recolleuno Rojo que non errou no un contra un co porteiro.

O triunfo do Racing Vilalbés permítelle chegar á derradeira xornada con opcións de xogar o play off de ascenso (2-0).
Tres puntos de ouro para un Racing Vilalbés que se xogará no campo do Couto o seu acceso á promoción de ascenso. Os de Simón Lamas realizaron un bo primeiro tempo aínda que se acerta cara a portería. O maior perigo chegou en internadas por banda dereita de Álex Rey que nin Cuadrado nin Otero estiveron no remate. O Choco apenas inquietou a portería defendida por Ángel Fraga no primeiro acto.

Logo do paso por vestiarios, os chairegos tiveron varias ocasións, sobre todo coa entrada no campo de Pedrosa. Na súa primeira tentativa non chegou por pouco a rematar, pero na segunda non errou ante a saída de Cortegoso. Co marcador a favor, o Racing chegou con máis facilidade á área rival. Malia a insistencia a sentencia non chegou ata o minuto 89. Ángel gañou un rexeite logo dun centro de López e o seu remate rematou no fondo da rede. O cadro redondelán só inquietou a balón parado, con dúas faltas lanzadas por Comis.
O Ribadeo non pasa do empate diante do Puebla pero mantén a segunda praza (1-1).
Unha xornada menos para o final e o Ribadeo mantén a segunda praza do seu grupo na pelexa pola permanencia. Pode considerarse a mellor nova dun encontro no que os pupilos de Dani Moirón non tiveron o seu mellor día diante do que Puebla soubo xogar as súas bazas no Pepe Barrera. O Ribadeo avisou nada máis comezar nunha recuperación en zona de ataque de Matelo que rematou Criss desde fóra da área pegado ao pao. O cadro local non se sentiu cómodo nun sistema de tres centrocampistas e apenas xerou ocasións ao longo da primeira metade. O Puebla buscou xerar perigo á contra e logrouno coas internadas dos seus carrileiros. Foi quen de adiantarse logo dun roubo de balón no perfil esquerdo do ataque. Nacho cedeu atrás e Adrián Falcón fusilou a Carrera desde dentro da área.
Na segunda metade o Ribadeo trocou de sistema coa entrada de Antón no canto de Dapo. Os de Dani Moirón melloraron aínda que estiveron imprecisos na zona de ataque. Viturro nunha contra puxo a proba a Carrera, que respostou ben, xusto antes da mellor xogada do Ribadeo. Unha acción combinativa entre Santi, Matelo e Antón rematou co tiro deste último ao pao logo de regatear ao porteiro visitante. O tanto do empate chegou a doce minutos para o final. Nun balón longo Aarón levou por diante a Santi na súa saída e o colexiado sinalou penalti que convertiu Roi.

A Residencia cae na Cheda diante do Pino e comprica a súa permanencia en Preferente (0-1).

Non puido sumar o conxunto lucense diante do líder do grupo. O encontro foi igualado nunha primeira metade sen moitas ocasións de gol. O único tanto do encontro chegou sobrepasado o minuto 25, obra de Julián Bendaña cun bo lanzamento desde fóra da área que entrou pegado ao pao da portería de Diego Bravos.
Na segunda metade a Residencia tivo dúas claras ocasións para empatar, ámbalas dúas nas botas de Rois. A primeira cun bo tiro que repeleu o pao e a segunda cun disparo que saiu lixeiramente desviado logo dunha boa xogada combinativa.
O Santaballés cede nos últimos dez minutos na súa visita ao Boiro (3-1).
O conxunto chairego afrontou en Barraña a saída máis difícil do seu grupo. E malia o resultado, os de Juan Rodríguez deron unha boa imaxe nun encontro que se decidiu nos últimos intres.
O Boiro levou a iniciativa ao comezo do encontro e o Santaballés moi ben ordenado en defensa apenas concedeu ocasións nos primeiros compases. O cadro visitante logrou saír con perigo á contra e gozou dunha clara ocasión de Yago nun man a man co porteiro e tamén cun lanzamento de Diego que detivo Roberto. Sobrepasada a media hora de xogo os barbanzáns incrementaron o ritmo co balón e tiveron unha boa ocasión que salvou Adrián.
Na segunda metade o encontro seguiu a mesma tónica e o Boiro logrou adiantarse cun tanto de Suso Martínez. O Santaballés non acusou xogar co marcador en contra e só seis minutos máis tarde igualou o encontro cun gol de Muñiz logo dun rexeite. No minuto 71 de encontro o Boiro quedou cun home menos por dobre cartón amarelo de Javi Domingo, pero esta situación non xogou a favor dun Santaballés que non logrou sacar partido. Nunha acción aillada cando o marcador non corría perigo para os chairegos, Saviola puxo en vantaxe ao Boiro. Na última acción do encontro, os visitantes lanzáronse na procura do empate e nunha contra Astray sentenciou o choque.
O Foz dobrega ao Boimorto e reengánchase á pelexa pola permanencia (1-0).
O Foz volve a crer na permanencia logo do triunfo pola mínima diante do Boimorto. Os de Gayol foron mellores que o rival e puideron gozar dun marcador máis amplo se estiveran atinados diante do porteiro rival. O único tanto do encontro chegou preto do descanso cun bo lanzamento de Dani Chao que se colou preto da escadra.
Na segunda metade os mariñáns controlaron o encontro, e malia que o Boimorto contou con dúas ocasións para acadar o empate, o gardameta Rubén amosouse seguro. Diego Chao e Gonzalo contaron con claras ocasións para sentenciar, desbaratadas por un Mario Barreiro que se convertiu no mellor xogador visitante.