4 de marzo de 2018. O partido en cuestión era o San Ciprián-Lemos. Podía parecer un encontro máis da Primeira Galicia. Pero non. Dábase a casualidade de que o día anterior eu casara.
O gracioso de todo isto é que levaba un mes dicíndolle á miña muller que iría xogar no día posterior á voda. Ela pensaba que bromeaba, que non sería capaz.

Pois chegou o día, o partido na Mariña. Puxen o chándal e marchei para alá. Xogabamonos o ascenso co Foz e a Sarriana. Tiñamos que ganar si ou si, xa que estabamos un pouco descolgados. Creo que a tres ou catro puntos do Foz.
Xa vos podedes imaxinar a bronca que tiven con ela. Iso si, fun a San Ciprián. Empatamos 2-2. Tivemos ocasións de todas as cores, paus, longueiros… E, por enriba, o noso porteiro non viviu o seu mellor día. Tragou os dous goles.


A día de hoxe, esta anécdota aínda me provoca algunha que outra discusión na casa. Acompañarame o resto da miña vida. O peor de todo, é que cando veu o Foz a Monforte, gañaron tamén 1-2…
Roberto Varela Prada. Xogador do Lemos. Coqueteou co divorcio máis rápido da historia
