Os sobranceiros da Terceira na 7ª xornada

Os primeiros postos da Terceira Rexional mantéñense ocupados polo Muimenta no grupo norte e polo Paradela que volve ao liderado no grupo sur. Un dos máis prexudicados da xornada foi o Celta Barreiros que caeu a quinta posición ao perder no seu duelo directo coa Milagrosa. Antas e Castroverde achéganse a postos de ascenso directo aproveitando que o Quiroga volveu descansar por segunda xornada seguida (non ten partido dende o 21 de outubro). Tamén lle tocou descanso na fin de semana ao Rubián.

No grupo norte, o Muimenta segue liderando a categoría, logo de vencer pola mínima a un Alfoz que viña á alza con catro vitorias seguidas; de feito, é a primeira derrota dende que chegou Casal de adestrador. O partido resolveuse por detalles e os locais amosaron unha boa solidez defensiva co central Iago e o gardamallas Cancio como destacados. Os visitantes mereceron máis guiados polo traballo de Jonathan, Legaspi e Martiño. O outro posto de ascenso directo é ocupado agora pola Fonsagrada que venceu ao domicilio a un Friol B que se adiantou no partido, pero o cadro fonsagradino empatou antes do tempo de lecer. Na segunda metade o Fonsagrada foi superior e levouse os tres puntos con protagonismo para Javi Freijo que fixo un dobrete. No filial friolés destacou a actuación do lateral esquerdo, Dorado. No vagón de cabeza continúan o Matela, terceiro logo de gañar a domicilio ante o Lugo Unión, e a Milagrosa, cuarta ao batir, con claridade, ao Celta Barreiros que queda quinto. No cadro de Outeiro destacaron Torito e Veiga, a pesar de que non foi ata ben avanzado o enfrontamento cando puideron adiantarse no marcador.

Volve a ocupar postos de promoción de ascenso o Catro Roldas, despois da súa contundente vitoria ante o Celeiro. Salientou no cadro de Román o traballo de Andrés no medio do campo xunto co de Esteban na dianteira e o bo gol do defensa Mario.  A falta de acerto e erros defensivos condicionaron a un Celeiro que non baixou os brazos e mantivo unha boa actitude no encontro destacando a actuación do mediocentro Ángel. A clasificación rómpese nestes momentos entre o sete primeiros. No oitavo posto aparece o Friol B e detrás del o Cazás e o Rioaveso que empataron a dous goles no Catro Ventos. O equipo xermadino gañaba por 2-0, pero no tramo final do encontro os visitantes conseguiron a igualada. Eloy e Palito destacaron nos locais, mentras que o equipo de Rioaveso empatou cun gran gol de Xose Lois. Undécimo está o Celeiro e como pechacancelas continúa un Lugo Unión que suma un punto e que aínda non probou o sabor da vitoria neste curso.

No grupo sur, o Paradela volve ao primeiro posto ao derrotar a domicilio ao Río Sil poñendo xa unha diferenza de dous goles na primeira metade. Destacaron Rubén  e Miguel Ángel “Valmi” nos laterais por parte dos visitantes. O Quiroga mantense segundo, a pesar de non xogar pero achégaselle o Antas (cun partido máis) que comezou moi ben e deixou o partido moi difícil de remontar para un Relámpago que non escatimou en actitude sobre o céspede do Castro Seoane (segundo encontro seguido que xogaba neste campo). No cadro de Melendo, Marcos sobresaíu con dous goles. Tamén colle pulo o Castroverde que volveu gañar, desta volta ante o Taboada B. David, que marcou o seu sexto gol da tempada, e Carlos Gemelo, que marcou diferenzas no segundo tempo, salientaron nos locais; mentres que no filial taboadense o porteiro debutante Carlos Carballas foi un dos protagonistas. Tixa xogado de gardamallas algunha vez no Escairón hai uns anos por necesidade, pero co seu actual equipo sempre xogara en posición de campo.

O empate da xornada estivo entre o Lemos B, que queda a un punto dos postos de play off, e o Sober, que é 5º. O cadro soberino aproveitou as contras para adiantarse, pero o filial monfortino soubo levar o dominio do xogo na segunda parte e conseguiu empatar. Jacobo e Brais salientaron no equipo adestrado por Pasín. 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario