Sempre hai alguén a quen a Copa non deixa indiferente. Nas semifinais do torneo que este ano homenaxea a Jorge Tato meteuse o Fonsagrada logo de eliminar ao todopoderoso Pol. No paso previo á final, verase as caras co Burela, o outro equipo do grupo norte que ascendeu este curso á Primeira. Na zona sur, o Chantada Atlético xogará por un posto na gran final ante un meritorio Brollón.
A final decidirase en terras fonsagradinas e no Sangoñedo:
Fonsagrada – Burela
Chantada Atlético – Brollón
O Fonsagrada comeza a marcar as primeiras páxinas importantes da súa curta historia ao clasificarse para as semifinais da Copa despois dunha temporada complicada. O pase colle máis mérito por facelo ante o Pol, recén ascendido á Primeira e cunha traxectoria practicamente perfecta no 2018. O empate ao final do partido provocou que a eliminatoria se decidise nos penaltis. Na morte súbita saíu vitorioso o equipo local cun gol do gardamallas Jorge. Tamén tentou a sorpresa o Cervo diante do Burela nun encontro en plenas festas da vila burelá xogado en San Cibrao. Adiantouse cedo o equipo verde, pero non foi ata os instantes finais co gol de Deonildo cando chegou a tranquilidade, xa que o equipo dirixido por Iván Pernas amosouse moi combativo.
Na zona sur, o Chantada Atlético derrotou ao Incio a domicilio nun partido no que o equipo chantadino foi superior, agás nos últimos minutos do primeiro tempo aínda con igualdade no marcador. O porteiro Castro estivo acertado ata que Adri Salgado marcou de penalti e posteriormente sentenciou o choque á contra. O conxunto dirixido por Fran Regal buscará o pase a final ante o Brollón que saíu vencedor do emparellamento co Portomarín na tanda de penaltis, logo de que cada equipo marcase cinco goles nos 90 minutos. O dominio foi alterno no marcador, con 4-4 no tempo extra, no que cada equipo volveu marcar cadanseu gol. A sorte acompañou aos pupilos adestrados por Chura por terceira vez de xeito consecutivo nas tandas de penaltis nesta Copa Jorge Tato 2018.