O pasado 5 de abril foi un día especial e, ao mesmo tempo, duro para o fútbol lucense. Especialmente para Villalba. Cumplíanse dous anos do falecemento nun accidente de tráfico de Jorge Tato, dianteiro do Racing Villalbés xuvenil, por aquel entonces militante na Liga Galega Xuvenil.

Jorge era unha “persoa dez” dentro e fóra do campo, e asemade un increíble xogador de fútbol. O seu pasamento foi unha nova moi tráxica para todos os seus compañeiros, ademáis de, por suposto, para a súa familia e amigos. Por honrar e facer feliz ao que será o eterno “9” do Racing -e de seguro axudados polo espírito de Jorge- o equipo xuvenil conseguiu dous ascensos consecutivos, competindo así este ano na División de Honra.

Son varios os xogadores que este ano disputaron encontros nesta categoría e que compartiron vestiario co falecido. E son eles, os co-protagonistas hoxe. Unha persoa coa calidade humana e futbolística de Jorge merece, canto menos, poder observar desde alí onde estea que os seus amigos e compañeiros tan só teñen palabras que o alaban para definilo.

Velaquí, as declaracións de diversas persoas que compartiron vestiario co ariete lucense e honraron a súa figura este ano na máxima división do fútbol xuvenil. Nalgúns casos, os corazóns encóllense e as palabras non conseguen saír pero, ás veces, as verbas non son necesarias…

“Jorge sempre foi un compañeiro exemplar que nunca lle poñía mala cara a ninguén.”

“Era a humildade e a bondade en persoa. Sempre podías contar con el para todo.”

“Jorge era humildade e traballo, e tiña un corazón que non lle cabía no peito…”

“Era unha persoa que nunca se enfadaba con ninguén, só animaba. Sinxelo e cun corazón enorme. é unha persoa das que te marca.”

“Compañeiro excepcional, magnífico goleador… O seu recordo seguirá marcando goles no Roca para sempre.”

“Era unha persoa increíble que sempre estaba aí para todo e facíase querer. É desa xente que paga a pena coñecer, e como futbolista era un fóra de serie… dominaba todas as facetas e dentro da área era unha bestia, non fallaba. Tíñalle manía á rede. Era como un irmán maior que sempre tiña un xesto ou unha palabra para animarte cando peor estabas. Foi un placer compartir este tempo contigo amigo… Eterno “9”.”

Jorge, como ben di o mural que tes adicado no Roca, estarás SEMPRE CON NÓS. Sempre co Racing Villalbés, acompañando aos teus amigos nos seus goles, sempre amparándoos, e sempre co fútbol lucense. As lembranzas que deixaches alí onde estiveches, os teus sorrisos e os teus tantos, nunca abandonarán os campos de fútbol da provincia. Eres o noso Eterno “9”.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*