Destacados Copa Preferente e Primeira. Oitavos de final

*Lemos-Chantada: Diego Quiroga asinou un hat trick nun encontro máis igualado do que reflicte o marcador final. Gran espectáculo para o espectador. Dous dos clásicos da provincia ofreceron un encontro plagado de ocasións e que se decidiu na diferenza de efectividade nas áreas. Por certo, Diego Arias xa está en plena recuperación logo de ser operado satisfactoriamente do seu ombreiro.

*Ribadeo-Outeiro de Rei: O veciño campo de As Valgas acolleu ao Ribadeo para vivir un partido con alternativas, típico de Copa. Quique marcou nada máis comezar para un Outeiro de Rei que mandou durante a primeira media hora. Antes do descanso, Poratti igualou a balón parado. Na reanudación, Vizoso perdonou o segundo nun par de boas oportunidades pero Jorge Pereira aumentou as diferenzas nun saque de esquina. Dende aí, un Ribadeo dominador non puido coa defensa dos de Juan Peón. Poratti tivo o empate para os mariñáns nas postrimerías do encontro. Fallou un penalti no último minuto.

*Pastoricense-Atlético Escairón: Unha das moitas eliminatorias que se decidiu a penaltis. O Atlético Escairón accede a cuartos de final dende os once metros. Os do Saviñao, con poucos efectivos no Acebreiro, adiantáronse no marcador. O ímpetu do Pastoricense tivo a súa recompensa. Os de Fran Veiga marraron un penalti a quince minutos do final aínda que Carlos foi quen de igualar ao límite. Logo a sorte foi esquiva cos locais na lotaría das penas máximas.

*Xermade-Páramo: Corbelle fixo das súas nada máis comezar dentro dunha primeira parte un tanto aburrida. Na reanudación, Fede e Robertito animaron o cotarro. O Páramo mostrouse superior e sentenciou en dúas xogadas combinativas. O Xermade apenas inquietou na despedida do eterno Rubén Pena.

*Foz-San Roque: O Foz tivo que agardar ata os penaltis para desfacerse dun combativo San Roque. Igualdade e alternativas durante todo o encontro. Aldo errou a portería baleira e Ibán Gayol perdonou unha moi clara para os branquivermellos. Nos penaltis, Bruzos detivo dous pero tocounos absolutamente todos. O próximo escollo dos de Gayol será un Taboada, que pasou automáticamente a cuartos de final coa retirada do Castro.

*Monterroso-Residencia: O Monterroso mandaba por 2-0 ao cuarto de hora, cun gol de córner olímpico de Lorenzo incluido. O partido púxose moi tenso, con tangana incluida. Pablo e Pardo non terminaron o encontro nos locais. Jimmy, Dieguito, Borja e o técnico Álvaro Meilán; foron expulsados no cadro capitalino. O técnico da Residencia recibiu así o seu segundo cartón vermello a pasada fin de semana. Antes xa o vira na fase de ascenso cadete.

*Viveiro-Polvorín: O campión da Preferente Norte quedou fóra da Copa ás primeiras de cambio. No seu regreso á casa, Óscar Rivas foi suplente ao igual que pesos pesados coma Cacharrón, Luis Díaz e Pedro López. O Viveiro realizou un gran encontro e selou o pase na tanda de penaltis. Moi poucas ocasións de gol para ambos equipos durante os noventa minutos de xogo.

Cruces de cuartos de final

  1. Viveiro-Atlético Escairón
  2. Lemos-Páramo
  3. Monterroso-Outeiro de Rei
  4. Taboada-Foz

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 755

Deja un comentario