Diario dun mercado. Episodio 526
-
Santi Real | 16/07/2026
- 0
- 2min de lectura
O fútbol lucense concentra, de novo, movementos no mercado. No fútbol semiprofesional, o adestrador All Star Fiz Rodríguez continúa no corpo técnico da SD Compostela logo de acadar o ascenso á Segunda RFEF. O pastoricense asumirá este curso o rol de adestrador analista baixo a dirección de Carlos de Lerma. Na mesma categoría, pero noutro grupo, competirá Maxi Levrand. O central di adeus á Sarriana para enrolarse na UDS Salamanca e continuar medrando na súa carreira.
Saltamos desde a Segunda RFEF á Preferente, pois o Burela vén de incorporar ao defensor Borja, fillo do mítico Valú. Tamén o Pol semella que se reforzará ben, pois —se nada se torce— o dianteiro Fito Periale chegará ao Municipal. O pichichi da Preferente seguirá así furando redes na provincia tras deixar o Lemos.

Na Primeira Futgal, Cristian Penas será o segundo adestrador de Óscar Moure no Escairón. Chega desde o Calasancio, ao igual que o central Manu Sarmiento. Os do Saviñao, ademais, renovan a outros dous defensores: o lateral Nevin e o central André. Preto de alí, o Brollón refórzase coa chegada de Pedrito, central moi contrastado na zona tras o seu paso por Incio, Bóveda e Oural.
Na Mariña, o Ribadeo asinou a Martín García. O mediocentro xogará no equipo da súa vila logo de competir no xuvenil do CD Lugo. Preto de alí, pero unha categoría máis abaixo, o Celta Barreiros despídese de Antón, que levaba tres anos competindo no Cascabeiro. Por último, o Catro Roldas segue a afianzar o proxecto tras garantir a continuidade de Diego Maseda. O mediocentro cumprirá a súa cuarta temporada na Canteira.
