Diario dun mercado. Episodio 524
-
Santi Real | 13/07/2026
- 0
- 3min de lectura
O mercado comeza a semana movido, desde o fútbol profesional ata a Terceira Futgal. A primeira nova é positiva para o fútbol lucense e galego, pois Lucía Pardo regresa á comunidade para xogar no Dépor Abanca. Tras a súa saída do PM Friol, a de Outeiro de Rei xogou no Madrid CFF e acadou unha clasificación para a Liga de Campioas coa Real Sociedad. A futbolista, que se formou no Azkar, na Milagrosa e no PM Friol, é a lucense que máis lonxe chegou no fútbol ata o momento.
No fútbol masculino, a Primeira Futgal volve concentrar os movementos do mercado. O Santaballés incorpora a Anxo González, que acompañará ao seu irmán Duarte na Liga. Anxo, talentoso mediocentro, chega desde o Racing Villalbés ‘B’, o club no que xogou gran parte da súa vida, agás por unha temporada no San Tirso e un breve paso pola base do CD Lugo.
O Guntín asina ao gardamallas Raúl Díaz, que chega desde o Casás, e renova a Rubén Seijas. A cousa vai de porteiros, pois Álex Ávila renova no Chantada Atlético e Josema Osorio abandona o CD Castro para enrolarse no Cire Melide, de xeito que abandona os nosos marcos tras oito temporadas no Arturo Pereiro. Porén, é probable que compita contra os lucenses na liga regular pola proximidade xeográfica de Melide.
Na Segunda Futgal, o Ferreira dá continuidade ao seu proxecto coas renovacións de Fagín, Gonza e Marcos. O Xove incorpora a Mateo Louzao, cancerbeiro que chega desde a SD Viveiro, mentres que o Xermade renova ao central Fran García, que cumprirá a súa undécima temporada no cadro chairego. No veciño Catro Roldas, Luis Vigo e Samu comezarán a súa sétima temporada tras o ascenso de categoría. Na Teceira, o Relámpago Taboada renovou a Pablo López. A súa continuidade é a sétima confirmada polo conxunto que seguirá a adestrar Melendo.


Por último, tamén hai mercado no fútbol semiprofesional. Xa é oficial a chegada de Fernando Currás ao Racing de Ferrol. O adestrador de porteiros é unha das persoas que axudou a aupar o proxecto de Futbolinlugo nos seus inicios e mesmo integrou o primeiro equipo que elaborou a guía ‘Fútbol en Lugo’ en 2018. Así, tras estar ligado á base e —nos últimos anos— ao primeiro equipo, pechou a súa etapa na estrutura do CD Lugo. Agora inicia unha nova etapa no grupo de traballo que encabezará na Malata o adestrador madrileño Javi Vázquez.