Os onces da vixésimo novena xornada na Segunda

 

Tres prazas de ascenso directo á Primeira quedan en xogo para a derradeira xornada da Segunda Rexional que se desputarán o vindeiro domingo ás cinco da tarde en horario unificado. No grupo norte, os candidatos non fallaron a pasada fin de semana aínda que ao só quedar tres puntos en xogo, Burela, Pol e Folgueiro son os que chegan con opcións o último encontro. No sur, loitarán por ascender o Chantada Atlético e o San Lázaro logo de que Chantada B e Oural perderan as súas posibilidades matemáticas.

No norte, o Burela segue mantendo a primeira posición, despois de non fallar na súa visita a Roupar e sumar a súa terceira vitoria seguida. A un punto tamén segue o Pol que xa leve oito vitorias seguidas ao vencer a domicilio ao pechacancelas, Ourol. Agardando o fallo de algún dos dous atópase, empatado a puntos co equipo polense, o Folgueiro que tamén segue coa súa boa xeira de resultados ao conseguir o sétimo triunfo consecutivo, desta volta ante o Iberia. Nesta xornada quedaron sen opcións dous equipos que realizaron unha gran tempada como foron o Cabreiros que derrotou con claridade a domicilio á Candelaria e o Guitiriz que remontou o 0-2 inicial do Mondoñedo para deixala vitoria na casa.

 

Na zona baixa, os beneficiados da xornada con cadansúa vitoria foron o Meira e o Matela. O conxunto dirixido por Marcos Lombardero superou a domicilio a un Alfoz moi mermado polas baixas que certificou o seu descenso matemático á Terceira. Pola súa banda, o cadro de Outeiro de Rei aumentou as súas esperanzas de salvación logo de volver, tres partidos despois, o camño do triunfo derrotando a domicilio ao Cospeito.

No grupo sur, o Friol segue amosando a súa superioridade a pesar de contar xa co ascenso e o campionato no peto. Venceu ao domicilio a un Chantada B que con esta derrota quedou sen opcións de loitar por subir de categoría. Pelexa na que quedan só dous conxuntos: o Chantada Atlético que depende de si mesmo logo de remontar o seu partido diante dun rival directo como era o Oural; e o San Lázaro que queda a espera dun fallo do cadro chantadino despois de amosar a súa superioridade nos instantes finais do duelo capitalino ante a Milagrosa.

Na zona media destacaron os empates do Santa Comba co Portomarín nun duelo de goles que deixa o conxunto adestrado por Manu en postos de perigo polos arastres. Un Portomarín no que as baixas da primeira volta fixeron mella, xa que na xornada 13 tiña cinco puntos e que afronta a última con 31. O encontro estivo marcado tamén polo golazo de David Fino desde máis atrás do medio campo. Tamén empatou o Palas ante un Sporting Lucense que se achega a salvación e a SD Becerreá nun encontro con falta de intensidade diante dun Castroverde máis activo. O Brollón disipou as dúbidas cunha vitoria diante do pechacancelas, Rubián. A outra gran vitoria foi para o Antas no derbi da Ulloa ante o filial do Monterroso. Un Antas que recuperou xente nas últimas xornadas para ter opcións de competir aínda que segundo recoñece o seu adestrador Diego Gallego “quizais sexa algo tarde”.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario