Na sétima xornada da competición o Chantada B volveu facerse co liderato no grupo sur, despois de aproveitar o empate do Oural ante o filial do Monterroso. Ademais o Portomarín conseguiu a súa primeira vitoria da temporada. No grupo norte, o Guitiriz mantense como líder en solitario na clasificación.
Intratable está o Guitiriz no grupo norte da Segunda, despois de sumar unha clara vitoria por 7-1 ante o Ourol. Este resultado permítelle seguir encabezando a táboa e seguir manténdose como o único equipo imbatido no que vai de liga, só cedeu un empate. Segundo é o Pol que venceu 1-3 ante o Alfoz e superou na táboa ao Burela que caeu en Mondoñedo nun partido de históricos en plenas San Lucas. Álex, dianteiro habitualmente, tivo que poñerse baixo os paus do equipo mindoniense deixando a súa portería a cero. Noceda tamén cambiou de posición e xogou no medio do campo. Pola súa banda, volveu ao camiño da vitoria o Cospeito ao vencer 1-2 a Candelaria.
Quinto é o Cabreiros que caeu na súa visita ao Folgueiro por 3-1. Séguelle o Lourenzá que vai de menos a máis e xa suma tres triunfos consecutivos logo de golear ao Roupar (5-0). Medra na clasificación o Meira que derrotou por 3-2 ao Iberia. E recupera sensacións o Matela ao vencer a domicilio ao Abadín por 1-2.
No grupo sur, o filial do Chantada volve ser o primeiro clasificado logo de vencer a domicilio ao Castroverde na Veiga do Olmo con tres goles do dianteiro Xende. O Oural perdeu a oportunidade de seguir á fronte da táboa ao non pasar do empate na casa ante o Monterroso B. Pero só dous puntos por debaixo do líder, pisa forte tamén o Chantada Atlético, que despois do empate da anterior xornada, colleitou tres puntos importante ante o Friol (que é cuarto). Tamén gañou o San Lázaro ante un Antas que lle está costando arrincar na categoría despois do seu descenso. Santa Comba e Palas tampouco pasaron do empate, mentras que o Sporting Lucense sumou a segunda vitoria consecutiva ante o Becerreá.
Quen tamén recuperou sensacións foi a Milagrosa que, despois de catro derrotas seguidas, volveu gañar e con claridade por 3-0 ante o Rubián. Tamén conseguiu os tres puntos o Portomarín, os primeiros do curso, ante o Brollón, ao que tampouco lle están saíndo moi ben as cousas logo da gran campaña realizada o ano pasado cando chegou a pelexar polo ascenso ata as últimas xornadas.