#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da décimo sétima xornada na Segunda

 

Cambian as cousas no inicio da segunda volta en ambos grupos da Segunda Galicia. O Guitiriz perdeu o segundo encontro consecutivo e ve perigar o seu liderado; mentras que no grupo sur o Friol confirma o primeiro posto coa derrota do Chantada B, aínda así o equipo adestrado por Rodrigo Amarante está a tres puntos na clasificación e cun partido menos. A xornada tamén deixou consecuencias no banco do Pol, onde houbo cambio de adestrador.

No grupo norte, o Folgueiro venceu nun dos duelos da xornada ao líder Guitiriz que ve como a súa distancia co segundo se reduciu en tan só un punto. Alí está o Cabreiros que sumou a súa cuarta vitoria consecutiva ante o Ourol. Preto está tamén o Lourenzá que derrotou a domicilio ao Meira e o Burela que batiu noutro dos choques interesantes da fin de semana ao Pol. O resultado, xunto co resto da temporada condicionou a saída de Castro como adestrador. Roberto Rielo será o seu substituto, ex adestrador, entre outros equipos, do Outeiro.

O Cospeito continúa na zona tranquila logo de empatar a domicilio ante o Mondoñedo. No equipo mindoniense xogou por primeira vez como titular o xuvenil de 16 anos Iván Croa que formou parella de centrais con Miguel Lorigados que ten 44. Outro que está nunha situación similar a do Cospeito é o Roupar, que tamén sacou un empate a un gol na súa visita ao Abadín. O Iberia volveu gañar tres partidos despois e fíxoo con claridade diante do Matela con tres goles de Montoya cando o encontro xa estaba sentenciado. O Candelaria espertou neste comezo de ano e nos tres encontros do 2018, xa fixo os mesmos puntos ca fixera nos anteriores meses da campaña. Tres triunfos consecutivos, o último ante un rival directo, o Alfoz.



 

No grupo sur, o Friol afianza o seu primeiro posto ao sumar a súa quinta vitoria seguida e vencer con catro goles de diferenza ao Palas (3 deles do dianteiro Dani Roca). Segundo clasificado, cun partido menos, é o filial do Chantada que perdeu ante un San Lázaro que vén apretando dende atrás nunha zona con varios equipos en poucos puntos. A un punto dos postos de ascenso directo, está o Chantada Atlético que gañou con claridade ao Monterroso B, tres dos goles marcados por Adri Salgado. Nun dos duelos da xornada pola parte alta, o Santa Comba derrotou pola mínima ao Ourol e empatan a puntos na táboa clasificatoria.



Na zona morna está o Brollón que empatou a dous goles cun Antas que puntuou tras catro choques sen facelo. Na mesma zona está o Sporting Lucense que igualou no duelo da capital ante un Milagrosa que fixo un punto despois de seis derrotas seguidas. Estreouse Joaquín Blanco no lugar de Couso no banco. A SD Becerreá recuperou sensacións ao vencer na casa ante o Rubián. E importante vitoria do Portomarín con dous novos goles de Óscar López (leva sete nos últimos tres partidos) ante un Castroverde que é o actual pechacancelas e que foi o partido cos xogadores xustos, expulsáronlle a un no primeiro cuarto de hora e finalizou o partido con nove futbolistas por un novo cartón vermello.

 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *