O partido da xornada . . . U.D. Folgueiro - Guitiriz S.D.: o líder visita un dos equipos máis en forma
Non será en Boa Vista, pero ben seguro que os do Vicedo quererán facer valer de igual xeito o factor campo. Durante as obras de colocación da cuberta no campo, a entrada do camión no recinto deixou o céspede no estado que poden ver.  Polo tanto, o encontro será xogado o sábado día 20 ás 16 horas no campo de Beltrán, en Xove.

Estado do campo de Boa Vista

O Guitiriz chega a este encontro logo de colleitala primeira derrota da temporada. Foi como local ante o Meira F.C. Malia iso, os de Delfín Romero seguen líderes con catro puntos de ventaxa sobre o Cabreiros. “O rival xogou ben e aproveitou os nosos erros, polo que só queda seguir loitando e voltar á senda da victoria“, di o míster chairego, consciente de que o rival “é  un equipo moi bo que está moi ben na clasificación preto dos postos de ascenso, cun ataque do mellor da categoría, polo que teremos que estar moi atentos en defensa e intentar aproveitar as ocasións que teñamos“. No líder será baixa Diego, que cumple sanción.

Tanketín, a referencia ofensiva do Guitiriz

O conxunto local, a U.D. Folgueiro quizais sexa unha das agradables sorpresas da categoría. Os do Vicedo, levan cinco triunfos nos seus últimos seis encontros e tan só cederon un empate na última xornada ante o Pol, rival directo. “Entramos moi mal ao partido, pero estamos nesa dinámica na que saen as cousas. Estaba máis preto o terceiro gol do Pol, pero logramos empatar cun gol de Aurelio e outro de Fernando e acadar un punto moi importante“, afirma Anxo Fernández, adestrador do Folgueiro. Para o técnico mariñán “o Guitiriz é un equipo moi sólido ao que é moi difícil xerarlles ocasións, teñen o xogo memorizado, e arriba con Tanketín teñen moita pólvora“. Nos locales será baixa o central Fernando, xunto con Diego.
Este encontro vai ser un dos moitos enfrontamentos directos que faltan ata o final de temporada entre equipos que loitan polo ascenso, polo que os puntos son clave para posicionarse o mellor posible cara as últimas xornadas. Para Anxo Fernández “vexo improbable que neste grupo se rompa moito a clasificación. Nós non temos ningún tipo de presión por ascender pero tentaremos estar na loita ata o final. Guitiriz que vai líder, Pol que ven de reforzala zaga con Suso e Lourenzá que ten un grupo que xa leva anos xuntos van ser os favoritos“.  O Guitiriz mantén tres puntos de marxe co segundo pero “o ascenso está moi caro, nós perdemos un partido e xa están os rivais ahí. Noutra temporada cos puntos que fixemos na primeira volta estaríamos destacados, pero este ano a igualdade é moi grande, polo que prevese un final de liga moi bonito“, tal e como nos di Delfín  Romero.

 

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER…
 Preferente Autonómica
 – S.D. Residencia – Polvorín S.D. (Domingo ás 17 h. na Cheda): Os locales queren escapar dos postos de perigo, pero non teñen enfronte a un rival sinxelo. O Polvorín é segundo e non quererá deixar puntos polo camiño.
Primeira Autonómica
 – S.D. Sarriana – Club Lemos (Domingo ás 16:30 h. na Ribela): Os de Sarria levan dous triunfos seguidos e aínda teñen por disputar o encontro adiado polo temporal, mentras que os monfortinos baixan o nivel lonxe da Pinguela.
 – C.D. Foz – Taboada C.F. (Domingo ás 16:15 no Martínez Otero): os de Gayol quererán manter o liderato e prolongala racha de oito encontros sen perder, pero o Taboada, con sete encontros invicto, aínda ten opcións de engancharse aos postos de cabeza se gaña na Mariña.

Iban Gayol será peza clave no C.D.Foz

– A.D Bóveda – A.C.D. Xermade (Domingo ás 16 h. no Hermanos Somoza): Partido clave na loita pola permanencia. Os de Cabanelas tras catro derrotas consecutivas reciben a un Xermade que sumou catro dos seis últimos puntos en xogo e que ve a permanencia posible.

Segunda Autonómica

– S.D. Burela – S.D. Pol (Domingo ás 16 h. na Marosa): outro dos encontros chamados a ir escollendo os equipos que se xogarán o ascenso. Os burelaos non poden fallar diante da súa xente, pero reciben a un Pol xa reforzado no mercado invernal.

Terceira Autonómica

C.D. Sober – S.D. Cervo-Sargadelos (Domingo ás 16:15 en Centeas): Dous equipos chamados a ocupar unha das prazas de ascenso a Segunda, e ámbolos dous pincharon na primeira xornada desta segunda fase.

 

 

Comparte
                                                

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*