Os onces da décimo cuarta xornada na Segunda

O ano pecha co Guitiriz como campión de inverno a falta dunha xornada para rematar a primeira volta, despois de sumar unha nova vitoria e continuar imbatido no que vai de competición. Iso si, esta xornada non recurtou distancias cos seus rivais máis inmediatos, xa que os catro equipos que lle preceden na clasificación tamén gañaron. No grupo sur chegou a segunda derrota do curso do Chantada B que se mantén como líder, aínda que os seus veciños do Chantada Atlético xa son segundos e están a dous puntos.

No grupo norte os equipos da parte alta mostraron na pasada xornada o seu nivel. O Guitiriz derrotou pola mínima a domicilio ao Mondoñedo e segue amosando a súa condición de equipo máis en forma da categoría cunha xeira de cinco vitorias seguidas; ademais é o menos goleado. O Pol venceu con claridade ó Ourol e mantense segundo cun protagonismo claro para Ibai Fernández que marcou cinco goles. Volveu á senda da vitoria, despois de dúas xornadas sen facelo, o Cabreiros que derrotou cun gol de Pepe ó Candelaria. Sumou o cuarto partido consecutivo gañando o Folgueiro que venceu ó Iberia. Completou o pleno dos cinco primeiros clasificados o Lourenzá, que gañou a domicilio diante do Abadín previa remontada do gol inicial dos locais.

Caeu ó sexto posto o Burela logo de empatar ante o Roupar nun encontro que tiveron que igualar dúas veces. Aínda así, o conxunto da Mariña Central está a tres puntos do ascenso directo. Resístese a marchar deses postos altos o Cospeito, que venceu nun apretado 3-4 ó Matela. Un econtro con alternativas favorables para os dous equipos no que ó marcador se refire. O Meira é o “rei do empate” (igualado no grupo sur co Oural, seis en total) ó non superar ó Alfoz, que suma un punto que lle serve para saír dos postos de decenso.

No grupo sur,o Friol derrotou ó líder (sete partidos despois volveu perder o filial do Chantada) nun dos encontros máis destacados da xornada e queda a un punto dos postos do ascenso directo. Posición que agora ocupa o Chantada Atlético, que derrotou e sacou dos postos de privilexio ó Oural; noutro dos grandes choques da fin de semana. Seguen mirando cara arriba o San Lázaro que derrotou no derbi da cidade de Lugo á Milagrosa; tamén o Monterroso B que venceu no derbi da Ulloa ó Antas; e o Palas que gañou na casa do Sporting Lucense.

O Santa Comba sumou o seu segundo empate consecutivo (desperdiciou un 0-2 a favor) diante do Portomarín que segue en descenso pero foi o único conxunto dos últimos cinco clasificados que logrou puntuar. A goleada da xornada foi autoría da SD Becerreá que venceu a un Castroverde que só foi quen de igualar o tanto inicial dos locais. Oito goles e oito goleadores distintos. Por último, o Brollón gañou tamén con claridade ó Rubián.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario