Os onces da 7ª xornada na Segunda

O Guitiriz encaixou o seu primeiro gol na sétima xornada de liga, pero conseguiu os seus tres puntos para seguir invicto e líder do grupo norte. Tamén continúa encabezando a clasificación no sur o Guntín que deu o primeiro golpe na mesa ao derrotar ao Portomarín na súa casa nun dos duelos directos da xornada. A fin de semana deixou unha nova marcha nun dos bancos da Segunda.

No grupo norte, Abel Rochela é o novo adestrador do Cabreiros despois da marcha de José Manuel. O vilalbés seguirá tendo ficha como futbolista pero asume as funcións de adestrador despois de quince anos vestindo a camisola do cadro xermadino. Os acontecementos precipitáronse logo de que José Manuel presentara a súa dimisión ao finalizar o partido ante o Meira que supuxo o primeiro triunfo da tempada para o conxunto meirego. Aínda así, a decisión de José Manuel non foi polo partido en si, se non pola situación que vive o equipo nas últimas semanas. Non estaba contento co xeito de traballar debido a escasa asistencia dos xogadores aos adestramentos. “Agradezo á directiva encabezada por Moncho por todo o que me fixeron desfrutar estes anos e todas as facilidades que me deron. Deséxolles o mellor. Voume tranquilo e agradecido con todo o club”, afirmou o preparador.

Pola súa banda, o Guitiriz venceu na casa do Mondoñedo para sumar a sétima vitoria da temporada. Adiantouse o cadro mindioniense en plenas festas das San Lucas, pero as lesións, unha expulsión e o dobrete de Labrada serviron para remontar o resultado. Na segunda posición mantense o Folgueiro que logrou o sexto triunfo seguido do curso cunha goleada ante a Comercial. Zeus con tres goles e Aurelio cun dobrete foron dous dos grandes protoganistas do choque. A dous puntos está o Xermade que volveu ao camiño da vitoria tamén cunha goleada ante o Cervo. Tamén volveu saborear os tres puntos o Roupar que venceu ao Goiriz cun dobrete de Esteban.

Nesa parte alta sitúase a Candelaria que gañou por segunda xornada seguida; desta volta ante o Valadouro. O cadro adestrado por Julio Castro tentouno con máis intención na segunda metade, pero aí apareceu a actuación do gardamallas Jacobo. Tamén medra na clasificación o Lourenzá que une xa tres vitorias seguidas, a última conseguiuna ante o Iberia. Na zona baixa destacaron os tres puntos conseguidos na Fonte polo Abadín. Deste xeito, o Cospeito continúa sen gañar e como pechacancelas da liga cun punto. O Cervo é o equipo que o acompaña na zona de descenso directo (tampouco gañou neste curso).

No grupo sur, o Guntín amplía a súa vantaxe no liderado a cinco puntos de diferenza co Palas despois da súa vitoria ante o Portomarín e aproveitar a derrota do cadro da Ulloa. No regreso dos irmáns Iván e Óscar ao Chao da Poza, Óscar volveu demostrar a súa capacidade para facer goles e fixo o terceiro que desnivelou o resultado. O Palas perdeu ante un Incio na estrea no banco de Monarca, a pesar de xogar cun menos dende o minuto 7. O bo gol de Torres, o cabezazo de Orlando e as paradas de Castro foron os principais argumentos do cadro amarelo. Tamén aproveitou os resultados o Chantada B que se achega aos postos de ascenso directo ao vencer ao Santa Comba nun encontro igualado no que o acerto de cara o gol estivo no lado chantadino. Preto tamén está o San Roque (a un punto) a pesar de igualar no duelo capitalino ante o Sporting Lucense.

Tamén sube na clasificación o Corgo ao sumar a segunda vitoria seguida, desta volta ante a SD Becerreá. Chegou o cuarto empate en cinco partidos para o Ferreira que igualou a dous goles cun Sporting Lucense que continúa sen coñecer a vitoria nesta temporada. Quen volveu ao sendeiro do triunfo foi o Bóveda a domicilio ante o Oural. O outro empate da xornada foi nos Medos entre o Brollón e o Monterroso B que tampouco sumou de tres en tres neste inicio de curso. Aínda así, o filial monterrosino deu a cara cunha convocatoria con xogadores moi novos na que entraron dous cadetes. O gol foi do xuvenil Julio que ten 16 anos.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario