O Guitiriz mantense no liderado do grupo norte e o Folgueiro reafirma o seu posto de ascenso ao vencer a outro dos candidatos. O Cospeito sae da posición de descenso directo quince xornadas despois e o Valadouro volve quedar sen adestrador. No sur, o Palas sacou un punto do Chao da Poza e continúa líder. Mentres, o San Roque, o Bóveda e o Ferreira volven meter presión. Unha fin de semana de dobretes de norte a sur.
📝 Rubén Barrios presentou a súa dimisión como adestrador do #Valadouro. Levaba 4 partidos
O cadro amarelo está un punto por riba dos postos de descenso directo na #SegundaRexional#DiarioDunMercado https://t.co/ixd185OexH
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) February 13, 2019
No grupo norte, o Guitiriz venceu pola mínima a Candelaria para manter a posición de cabeza da clasificación. O gol do xogador de Santa Locadia, José Manuel Lorenzo, resultou definitivo. Na segunda posición mantense o Folgueiro que derrotou a un Cabreiros ao que deixa a dez puntos. Á espera do fallo dos dous de arriba continúa o Lourenzá. O dobrete de Montxo (un deles olímpico) e un gol máis de Recalde (xa van 18) foron parte importante para gañarlle ao Goiriz. Pola contra, o Xermade empatou na casa e queda a sete puntos do segundo. O cadro xermadino púxose tres veces por diante no marcador (os tres de Pedro Coria) e as tres veces empatou o Iberia (cun dobrete de Andina incluído). O Roupar volveu ao camiño da vitoria ante o Cervo despois de seis partidos sen gañar. De pouco serviu o dobrete de Miguel Gomes (abriu e pechou o resultado) fronte ao dobrete de Jacobo Ares para o Roupar e máis. Os locais pagaron caro os erros en defensa ante un rival que se presentou con 13 xogadores.
A competición está rota do sexto para abaixo dende hai unhas semanas. Polo que o sétimo posto cotízase para encabezar o outro grupo e marcar diferenzas coa loita entre os posibles arrastres. Nesta xornada houbo un duelo claro por ese posto. Provisionalmente pertence ao Meira que derrotou a domicilio pola mínima ao Mondoñedo. Tamén medra na clasificación o Abadín cunha vitoria importante no Árbol ante o Valadouro. Seijo fixo un bo partido e pechou o resultado para os seus. O Valadouro fallou un penalti que serviría para empatar o choque. Na seguinte xogada o Abadín marcou o segundo. O equipo de Ferreira volveu quedar sen adestrador, xa que Rubén Barrios presentou a súa dimisión. O cadro amarelo pasa por un futuro incerto. A nova na zona baixa é a saída dos postos de descenso directo do Cospeito. O equipo adestrado por Jose Carlos derrotou na Fonte a un rival directo. Venceu á Comercial nos últimos intres. Adiantouse por medio de Rus (que marcou un dobrete), os visitantes remontaron o encontro cun dobrete de Quiñones e o Cospeito volveu darlle a volta ao resultado ao seu favor.
No grupo sur, o líder Palas non foi quen de marcar no Chao da Poza e igualou sen goles ante un Portomarín que leva cinco xornadas sen gañar. O cadro da Ulloa mantén agora dous puntos de diferenza co segundo, o San Roque. O equipo adestrado por Manolo García sumou a terceira vitoria consecutiva ante o Monterroso B. A mellor nova foi o regreso de Borja despois da lesión. O Bóveda volve meter presión ao regresar ao carreiro da vitoria na casa da SD Becerreá. Tamén a mete o Ferreira que venceu por goleada a un rival directo como o Corgo. Cadanseu dobrete de Carlos e de Rafa Vázquez. Na parte alta, continúa estando o Guntín; aínda que nesta xornada fixo menos ruido porque empatou ante o Sporting Lucense. Tamén sumou pero non gañou o Oural. Igualou a un gol nun partido de alternativas ante o Incio.
Na zona baixa, destacaron as vitorias do Brollón e do San Lázaro. O cadro da Proba venceu na casa do Santa Comba con remontada incluída. Brochas abriu a conta cun bo gol dende tres cuartos de campo que entrou pola escadra. Despois os pupilos adestrados por Chura déronlle a volta ao resultado cun gol final do central Miguel. Vitoria importante tamén a do San Lázaro na estrea de Diego Rey no banco. Venceron a domicilio ao filial do Chantada con dobrete de Yago Armesto incluído. A SD Becerreá e o Monterroso B ocupan os postos de descenso directo.