Os sobranceiros da 16ª xornada na Terceira

O Muimenta volveu á senda da vitoria, pero o Alfoz mantense preto. O Matela logrou tres puntos importantes na Fonsagrada e o Catro Roldas mantén a distancia co sétimo. No sur, o Paradela é máis líder; mentres que o Antas achégase ao segundo. Unha estrea no mundo do fútbol e un repóker para poñer a nota destacada nunha xornada na que o Río Sil e o Sober destacaron no grupo sur.

No grupo norte, o Muimenta refíxose da goleada da semana pasada ante o Cazás. É o segundo equipo que consegue gañar no Catro Ventos no que vai de tempada. O equipo adestrado por Basi foi efectivo guiado por Hugo, Adrián e Jairo que marcou un bo gol para remarcar a súa boa actuación. Non obstante, o Alfoz non baixa o ritmo. Venceu na casa á Milagrosa no duelo da xornada (fotos do partido). Dani Río e Pille colleron a dirección do cadro de Casal que non renuncia ao primeiro posto. Outro dos encontros da xornada estivo en Fonsagrada. O Matela venceu pola mínima ao cadro local na loita por facerse co terceiro posto da clasificación. Foi un partido frouxo no que o gardamallas Santi estivo atinado para os locais a pesar de encaixar. García e Josito luciron nos visitantes. O Catro Roldas continúa en postos de promoción con seis puntos de diferenza con respecto ao sétimo, o Celta Barreiros. Os dous igualaron a un gol nun choque no que o cadro de Román sae máis beneficiado. Esteban, que marcou, Mario e Forlín destacaron no Catro Roldas. Xian, que igualou de penalti, Álvaro e Abel, que sacou unha man chave nos últimos minutos, lideraron ao Celta Barreiros.

Fóra de obxectivos máis aló ca o de xogar, o Celeiro sumou a cuarta vitoria da temporada ante o Lugo Unión. Un encontro con suspense xa que o único gol do partido marcouno Mora no tempo extra. Dani Díaz marcou o ritmo do cadro adestrado por Martín Rodríguez. Botana destacou nos visitantes. Tamén sumou o cuarto triunfo do curso o Friol B. Con claridade a domicilio ante o Rioaveso. David Boado, que abriu o marcador, liderou ao filial friolés.

No grupo sur, o Paradela afianzou o primeiro posto ao vencer ao Relámpago Taboada. O cadro adestrado por Rubén Bergantiños estivo liderado de novo por Rubén no mediocentro e con Víctor que marcou os dous goles para o seu equipo. O porteiro Jacobo Castiñeira foi o sobranceiro no Relámpago. Sete puntos sepárano agora do Quiroga (que ten un partido menos). O club quirogués empatou ante o Castroverde no partido aprazado a semana anterior. A mellor nova foi o regreso de Juanma que volveu xogar dous meses despois e a actuación do porteiro Martín. Polos xogadores da Veiga do Olmo, David non faltou a súa cita co gol e Pepiño estreouse no fútbol campo, tras a súa experiencia no fútbol sala.

O Antas achégase ao segundo posto (está a dous puntos), logo da súa vitoria pola mínima ante o Rubián. O cadro adestrado por Melendo acudiu a cita con 12 xogadores e ao pouco de comezar lesionouse Cristian. Méndez, cun gran gol, e Koeman, polo seu despregue físico na banda, destacaron no conxunto da Ulloa. O Taboada B non descarta a promoción (aínda que ten un partido máis ca os seus principais rivais) despois de vencer ao Lemos B. O duelo dos filias tivo en David Potente ao seu gran protagonista. O taboadense marcou os cinco goles do seu equipo. E iso que estivo 65 minutos no terreo de xogo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario