Os onces da 17ª xornada na Segunda

O Folgueiro e o Guitiriz manteñen o pulso nos postos de ascenso, seguidos moi de preto por un Lourenzá liderado por Iván Recalde. O dianteiro laurentino marcou tres goles na pasada xornada. No grupo sur, o Palas e o Bóveda empataron pero manteñen as súas posicións de privilexio. Mentras o Guntín, o San Roque, o Corgo e o Ferreira gañaron para manter a súa igualdade na persecución.

No grupo norte, o Folgueiro venceu a domicilio ao Valadouro na estrea de Rubén Barrios como adestrador no Árbol. Aurelio engadiu un novo gol a unha lista que xa chega a dezasete. O cadro adestrado por Anxo continúa líder cun punto de vantaxe sobre un Guitiriz que derrotou pola mínima ao Meira. O gol de Borja Silvoso resultou decisivo ante un conxunto meirego que deu a cara. Na terceira posición non cede o Lourenzá que venceu con claridade á Comercial. Unha goleada liderada por Iván Recalde (empatado na táboa de máximo goleador con Aurelio) para que o equipo laurentino sume trece xornadas seguidas sen perder. No grupo de perseguidores, o Xermade volveu ao camiño da vitoria (logo de dúas derrotas) ante o Abadín. Foi a estrea da última incorporación, Borja, ante a súa afección. Ademais, no derbi xermadino o Cabreiros e o Roupar empataron a dous goles. Os pupilos de Diego Dopico igualaron no último intre.

No resto de encontros, o Mondoñedo continúa medrando na clasificación. Venceu ao Goiriz cun gol de Noceda de penalti. O cadro vilalbés non tivo sorte coas lesións. Lucho e Rubén tiveron que retirarse prematuramente. Nesa zona media da táboa tamén se atopa a Candelaria, que venceu cun gol de diferenza ao Iberia. Na zona baixa enfrontáronse os dous últimos da clasificación. O Cervo e o Cospeito empataron a un gol que os deixa na complicada situación na que estaban.

No grupo sur, o Palas non foi quen de manter a diferenza conseguida na primeira metade cun dobrete de Juanjo. No segundo tempo, Joserra marcou tamén dous goles e igualou o choque a favor do Chantada B. Aínda así, o equipo da Ulloa mantense no liderado xa que o Bóveda tampouco gañou. Os futbolistas adestrados por Cabanelas igualaron sen goles no Chao da Poza ante o Portomarín. Dos cinco perseguidores máis próximos só fallou o Oural; o resto continúan empatados (agora a 29 puntos). Precisamente o cadro adestrado por Negrete caeu ante o San Roque que volveu ao carreiro da vitoria logo de dúas xornadas. O Guntín recuperou sensacións ante un San Lázaro que se adiantou no marcador e ao que o gardamallas Javi lle detivo un penalti que evitou que a remontada conseguida se puxese máis costa arriba. Tamén venceu o Corgo, que non realizou un bo partido, pero logrou vencer ao Sporting Lucense. Debasa marcou un novo dobrete e suma 17 goles. Outro que gañou, despois de dous encontros sen facelo, foi o Ferreira; pola mínima ante o filial do Monterroso.

Á pelexa parece que se quere sumar o Santa Comba. Derrotou ao Incio con dous goles de cedo que lle complicaron o partido ao cadro amarelo. Berto foi un dos goleadores, aínda que posteriomente retirouse mancado. É a terceira vitoria seguida do conxunto adestrado por Diego Mejuto. Polo demais, a SD Becerreá e o Brollón empataron sen goles. O equipo local ten un punto de vantaxe sobre o descenso directo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario