Os Máxicos marchan de vacacións
-
- 0
- 5min de lectura
Os Máxicos Salvatierra Abogados disputaron os últimos partidos do ano 2024 con sorpresas e grandes goleadas.
A Milagrosa non da o nivel ante o Sporting Guardés (2-5). Cando os Máxicos de Madriles foron quen de coller o pulso do choque, o resultado xa era de 0-2 no López Gorgoso. Era o minuto 7. Pouco despois, chegou o terceiro tanto visitante e, xa no segundo tempo, o 0-4 que sentenciaba o duelo. Rafa —primeiro— e Joel —despois— recurtaron diferenzas, pero os pontevedreses pecharon o partido co definitivo 2-5.
O Outeiro de Rei vence a un Taboada inmerso nunha mala dinámica (0-2). O gardamallas visitante Pacio evitou ata en 4 ocasións o gol do cadro local, que dominou a posesión e tivo o control posicional do choque. Porén, un Outeiro que sabía moi ben a que xogar foi quen de adiantarse cun gol olímpico de Samu ao final do primeiro tempo. Na segunda metade, o Taboada continuou o asedio, pero un novo saque de esquina dos de Adrián Vázquez traduciuse no definitivo 0-2 logo dun bon remate de Jesús.
O Foz supera ao Monterroso en Cerdeiriños (2-3). Os Máxicos mariñáns dominaron a primeira metade do choque, e un gol de Dani desde a frontal constatou a superioridade. Porén, o Monterroso deu un paso adiante na reanudación e deu a volta ao marcador cun gol de Isma e cun mal despexe aproveitado por Iago Sobrado. Os focenses, lonxe de baixar os brazos, encomendáronse a Anxo para facer o 2-2 cun gran remate logo dun centro e remontar nun saque de esquina (2-3) para levar os tres puntos cara o Martínez Otero.
A SD Burela remata o ano con victoria a costa do Chantada Atlético (3-0). Logo da primeira derrota da temporada, os de Oke comezaron o choque cun gol de David Ben logo dun centro que deu tranquilidade ao cadro mariñán. O Chantada Atlético estivo falto de profundidade e, cos cambios introducidos na segunda metade, apretaron ao líder na Marosa. Porén, unha boa transición levada por Yeray e rematada por Yago puxo o 2-0 que deixou o choque moi inclinado para os Máxicos locais. O definitivo 3-0 chegou nunha nova transición.
O Meira rexorde con Rubén Bergantiños aos mandos (2-1). Foi a costa dun San Lázaro que se afunde na táboa. A seriedade dos locais permitiulles adiantarse cun penalti forzado e anotado por Alonso e controlar o choque ata o ecuador do segundo tempo, cando Farra rematou un balón que se colou na rede dos capitalinos. O empuxe dos da Ponte valeulles para anotar un gol de penalti na recta final, pero non foi suficiente para puntuar, 2-1.
O Racing Villalbés cede ante o empuxe da SD Chantada no Roca (1-2). O gran gol inicial de Xende non fixo senón preludiar o dominio dos Máxicos visitantes ao longo da primeira metade: Kadete actuaba como referencia e o xogo directo xurdía efecto. Porén, a falta de acerto chantadina permitiu que o filial chairego chegase vivo ao descanso e apretase aos seus rivais na reanudación: Kaká enviou ao fondo das mallas un rexeite de Moncho a remate de Molina. Gabri tivo dúas grandes ocasións para facer o 2-1, pero o coiro non quixo entrar e Nodar anotou cun centro-chut o definitivo 1-2 a prol dos de Traste.
O Xove supera a un Pastoricense que chegaba enrachado (3-1). A falta de pegada dos visitantes nos primeiros dez minutos mantivo con vida aos mariñáns, que medraron no choque e acadaron o 1-0 nun saque de esquina. Pouco despois, o Xove —que mantiña unha alta intensidade e superaba nos duelos aos seus rivais— fixo o 2-0 nun desaxuste defensivo dos de Juanma. No segundo tempo, o Pastoricense mellorou e recurtou diferenzas por medio de Dani e tan só a falta de acerto impediu un empate que se esfumou nunha transición ben levada polo cadro local e finalizada por Diego, 3-1 no Municipal.
O Castro vence ao Guntín para rematar o ano (3-1). Aínda que os primeiros minutos foron para os Máxicos locais, o Guntín aproveitou un roubo para facer o 0-1 e a piques estiveron de facer o segundo nos seguintes minutos. Porén, o Castro foi recuperando o pulso do choque e empatou por medio de Marino á saída dun córner. Na segunda metade, os vermellos melloraron e acadaron o 2-1 e o definitivo 3-1 nun partido moi aberto que puido caer para calquer lado.
O Oural volve á senda da victoria a costa do Lourenzá (2-1). O choque estivo moi disputado no Luis Pallín. A presión alta dos Máxicos visitantes non surtiu efecto, e unha acción individual de Mario traduciuse nun penalti que anotou Fabián para poñer o 1-0. Xusto antes do tempo de lecer, unha serie de rexeites na área local foi aproveitada por Yago para poñer o 1-1. O xogo estivo máis trabado na segunda metade, pero o Oural obtivo o premio á súa intensidade cunha acción que culminou Diego logo de regatear na área.
A Residencia segue a estela do Burela ao vencer en Santaballa (0-1). A igualdade foi a tónica dominante na Liga, pero os Máxicos locais foron máis protagonistas ao longo do primeiro tempo. Na segunda metade, os de Freire mantiveron a intensidade e gozaron das oportunidades máis claras á volta dos vestiarios. Co paso dos minutos, os visitantes deron un paso adiante e inquedaron a meta defendida por Ivo ata que Pereira fixo un gol propio de «killer» cando aproveitou un rexeite no tempo engadido para levar os tres puntos cara A Cheda (0-1).