#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Os desexos da Terceira Rexional para o 2019

Esta fin de semana regresa á competición a Terceira Rexional. Comeza a segunda volta con duelos interesantes na pelexa polos postos altos como o Muimenta – Matela no norte; ou o Paradela – Antas no grupo sur. Neste último, co aliciente de ser a estrea do novo céspede do Gandarón. Aínda así, o ano non principia para todos porque o Sober e o filial do Taboada descansarán nesta xornada. Non obstante, antes de que o balón volva rodar en competición quixemos coñecer cales son os desexos dos 22 equipos que conforman a Terceira Autonómica lucense (orde segundo a clasificación actual):

Grupo Norte:

José Cendán “Basi” (adestrador do Muimenta): “Primeiro que non haxa ningunha lesión grave. E logo intentar seguir coa mesma xeira de vitorias para conseguir o ascenso”.



O Muimenta só perdeu un partido na primeira volta

Martiño Pérez (capitán do Alfoz): «O primeiro é que haxa saúde e despois pediría manter o grupo a nivel directivo, técnico e de xogadores para seguir traballando como ata agora. Poder acadar os nosos obxectivos, xa que se está facendo un gran traballo por parte de todos. Esforzo e compromiso, non é necesario pedir máis».

(directiva do Matela): “Que nos sigan respectando as lesións, que sigamos desfrutando cada fin de semana do que máis nos gusta e que cambien as normas para que o fútbol rexional siga manténdose grazas aos equipos de pobo”.

Joaquín Blanco (adestrador da Milagrosa): “Que siga habendo un bo ambiente no vestiario e que a nosa capacidade de traballo e sacrificio se traduza en bos resultados”.



David Lorenzo (adestrador do Catro Roldas): “Que nos respecten as lesións, que acabemos a fase regular entre os seis primeiros e poidamos conseguir o ascenso de categoría”.

Silbán Rodríguez (presidente e xogador do Fonsagrada): “Seguir todos unidos como equipo e chegar as últimas xornadas loitando polo desexado ascenso”.

Victor Couto (xogador do Celta Barreiros): “Que a nosa afección poida desfrutar outra vez de ver ao equipo estar no máis alto e que consigamos acabar nos postos tan desexados dende fai tempo. Pero, sobre todo, pedimos un ano que veña sen lesións, con saúde e felicidade para todos”.

Javi Serén (adestrador do Friol B): “Facer as cousas mellor ca na primeira volta e pelexar ata o final con gañas e ilusión”.

Álex Veiga (presidente e xogador do Rioaveso): “Seguir competindo e pouco a pouco medrar como equipo. Na segunda volta dalo todo como nos últimos encontros da primeira volta”.

Martín Rodríguez (adestrador do Celeiro): “Revertir os resultados da primeira volta e mellorar partido tras partido para ir medrando e demostrar que si queremos, podemos; pero con traballo”.

Efrén Pernas (xogador do Cazás): “Tratar de gañar en confianza para ter a seguridade defensiva que nos carcterizou nas últimas temporadas e mellorar o feito na 1ª volta. Que o 2019 nos axude a superar as enormes dificultades as que un club tan humilde lles ten que facer fronte semana a semana”.

Óscar Jaime (presidente do Lugo Unión): “Saúde e que respecten as lesións a todos”.

Grupo Sur:

Raúl Carballedo “Rachu” (presidente do Quiroga): “Intentar continuar cos bos resultados, recuperar aos lesionados e que siga pervivindo o fútbol en Quiroga, que é o máis importante”.

Rubén Bergantiños (adestrador do Paradela): “Seguir desfrutando do fútbol por moitos anos, que nos respecten as lesións neste 2019 e poder disputar a cabeza da clasificación ata o final. Pola miña parte, estou moi contento polo compromiso e pola asistencia a cada adestramento. Que siga así”.

Richard Huerta (adestrador do Castroverde): “Seguir medrando como equipo e que a xente nova siga tendo a mesma ilusión ou máis ca este último ano”.

Jesús Melendo (adestrador do Antas): “Que o equipo siga traballando coas mesmas gañas e a mesma ilusión ca no 2018”.

Juan Diéguez (adestrador do Río Sil): “Un 2019 co cadro de xogadores sen baixas para pelexar por un posto entre os seis primeiros”.

José Maneul Pasín (adestrador do Sober): «Consolidar o novo proxecto con este bo grupo e que nos respecten as lesións»

Caxín (vicepresidente do Relámpago Taboada): “Nós queremos acar a liga en postos de promoción e xogala. Por non dicir o ascenso directo (risas)”.

Manu Rodríguez (adestrador do Lemos B): “Asentar as bases deste novo proxecto, traballar na formación de futuros xogadores do primeiro equipo, manter a unión e a ilusión por competir para estar o máis arriba posible”.

Juan Manuel Rivera “Perry” (adestrador do Rubián): “Que as lesións respecten a todos os equipos e, por suposto, que ao final consigamos ascender de categoría”.

Manuel Otero «Txiki» (adestrador e a partir de agora só xogador do Taboada B por incompatibilidade de horarios): “Que deamos todos un pouquiño máis de nós, para atopar esa regularidade que nos falta; tanto en adestramentos coma na competición e seguir medrando como equipo. E por supostos que nos respecten as lesións”.

Os desexos da Terceira Rexional para o 2019

Así está a carreira polo All Star

Os desexos da Terceira Rexional para o 2019

O partido da xornada . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *