É o turno nesta xornada para o segundo derbi da tempada da Terceira RFEF. Cantarrana será o escenario perfecto para que o Viveiro reciba ao Racing Villalbés nun encontro moi especial para os seus técnicos. Na tempada 21/22, na que Juan Rodríguez foi primeiro adestrador do Santaballés, o seu acompañante no banco era Marcos Pereiro. Os camiños leváronos de dúas formas moi diferentes a un mesmo destino, dirixir na Terceira RFEF. Será o domingo ás 12.00 horas en Cantarrana.
O encontro para os mariñáns será unha boa proba para seguir poñendo enriba da mesa a súa mellora de sensacións. O Viveiro ademais chega cun reforzo de última hora para este encontro, xa que se fixeron cos servizos do dianteiro Lucas Suárez, que militaba na Sarriana. Os de Marcos Pereiro esperan sumar para seguir loitando polo seu obxectivo, que non é outro que acadar a permanencia un ano máis na Terceira RFEF.
Pola súa parte, os chairegos teñen unha boa oportunidade para medrar na clasificación despois de que perdesen na última xornada ante o Estradense. Os de Juan Rodríguez manteñen o seu crecemento, con pezas que están destinadas a ser moi importantes para que os chairegos poidan soñar neste curso.
OS PROTAGONISTAS
Marcos Pereiro, adestrador do Viveiro

Experiencia con Juan: Foi un ano no que sufrimos na clasificación pero que desfrutamos moito. Tiñamos un grupo increíble. Saíra do curso de adestrador e poder comezar a miña andaina con alguén que xa naquel momento tiña tanta experiencia foi todo un privilexio para min.
Chegar ambos a Terceira RFEF: Creo que se nolo din daquela sería difícil de crer, sobre todo para min. Juan ten unha gran experiencia e puido chegarlle a oportunidade antes. Estou moi feliz de adestrar na categoría e de que un dos técnicos aos que me mida sexa el.
Sensacións para o derbi: Chegamos nun contexto de necesidade. Tivemos baixas importantes e creo que o equipo vai nunha liña moi positiva de crecemento. Sabemos que cas cifras defensivas estaríamos arriba e que necesitamos mellorar arriba, que para iso traemos a Lucas Suárez.

Juan Rodríguez, adestrador do Racing Villalbés

Experiencia con Marcos: Foi un ano duro a nivel de resultados pero moi bonito no traballo diario. Eu nunca traballara con Marcos, din con el por unha persoa que mo recomendou e agradezollo porque descubrín a unha persoa que sabe moito de fútbol e, sobre todo, a un amigo. Era o seu primeiro ano sénior e houbo cousas que tiña que vivir por primeira vez. Foi un apoio fundamental no día a día e facía todo o que podía porque eramos o corpo técnico completo. Traballamos moito e moi duro e recórdoo positivo.
Chegar ambos á Terceira RFEF: Si nolo din hai cinco anos, non nolo creríamos. Na competición non pensas en contra quen xogas, pero alegrome de que unha persoa tan preparada como el teña esta oportunidade. Ten un equipo moi traballado e que medra todas as semanas sendo moi competitivos.
Sensacións para o derbi: Sabemos como vai esto, xa non por ser un derbi. Esta liga é moi igualada e eles anulan moi ben ao rival. Vaise decidir por detalles.
A ANÉCDOTA
A tempada que viviron xuntos Juan Rodríguez e Marcos Pereiro no Santaballés non foi positiva en canto a resultados. Para contextualizar, tiveron tanto lesións de xogadores importantes como sufriron a resaca da covid. O equipo quedou na antepenúltima posición da táboa do grupo Norte B. Nunha liguilla final na que estaban cinco equipos competindo polo descenso, os chairegos só sumaron 7 puntos, quedando a 13 dun Xallas que marcaba a permanencia.
A AXENDA
Terceira RFEF
Barco-Sarriana (domingo ás 17.30 horas en Calabagueiros): Despois de dous encontros consecutivos nos que os de Alberto Mariano non logran facerse cos tres puntos, teñen por diante unha visita trascendental para o que virá ao longo da tempada. Calabagueiros é a casa dun Barco que arrincou a un gran ritmo e que se ubica na segunda praza da táboa.
Preferente Futgal
Burela-Sigüeiro (domingo ás 17.00 horas na Marosa): Despois de dúas derrotas consecutivas, o Burela ten ante si unha boa oportunidade de recuperar a súa xeira na casa. Pola súa parte, o seu rival chega nunha situación completamente oposta, xa que venceron nos últimos dous encontros. Os de Julio Castro terán que dar un impulso para sumar tres puntos que lles fagan saír do descenso.
Primeira Futgal
Racing Villalbés B-Outeiro de Rei (sábado ás 12.00 horas no Roca): É un partido no cumio da táboa entre dous dos equipos que fixeron un mellor inicio de tempada. Os chairegos chegan nun rendemento espectacular, sumando cinco victorias consecutivas, mentres que o Outeiro de Rei está a ser a gran revelación do que levamos de curso e só están a un punto.
Segunda Futgal
Celta Barreiros-Iberia (domingo ás 17.00 horas no Cascabeiro): Que pode haber mellor que un derbi de Barreiros onde os dous equipos están ubicandose como serios candidatos para ascender á Primeira Futgal. O Cascabeiro vivirá unha festa do fútbol na que o Celta Barreiros tratará de cortar unha seca de seis derrotas consecutivas no derbi xogando de local, mentres que o Iberia quere impoñer a súa superioridade dos últimos anos.
Terceira Futgal
Carballedo-Quiroga (sábado ás 17.00 horas en Cuatro Vientos): Co descanso da Comercial, o Quiroga terá a oportunidade de colocarse como o líder do grupo Sur da Terceira Futgal. Iso si, o Carballedo quere poñerlle as cousas difíciles para sumar a súa segunda vitoria do curso.
Fútbol feminino
Antas-Mos (domingo ás 18.30 horas no Castro Seoane): Quince puntos de quince posibles leva o equipo de Óscar Méndez no que levan de competición, o que xa lles fai ser unhas das grandes candidatas a entrar na fase de ascenso. A oportunidade de continuar con esa boa xeira chegará na casa ante o Mos.

