Os desexos da Terceira Rexional para o 2019

Esta fin de semana regresa á competición a Terceira Rexional. Comeza a segunda volta con duelos interesantes na pelexa polos postos altos como o Muimenta – Matela no norte; ou o Paradela – Antas no grupo sur. Neste último, co aliciente de ser a estrea do novo céspede do Gandarón. Aínda así, o ano non principia para todos porque o Sober e o filial do Taboada descansarán nesta xornada. Non obstante, antes de que o balón volva rodar en competición quixemos coñecer cales son os desexos dos 22 equipos que conforman a Terceira Autonómica lucense (orde segundo a clasificación actual):

Grupo Norte:

José Cendán “Basi” (adestrador do Muimenta): “Primeiro que non haxa ningunha lesión grave. E logo intentar seguir coa mesma xeira de vitorias para conseguir o ascenso”.

O Muimenta só perdeu un partido na primeira volta

Martiño Pérez (capitán do Alfoz): “O primeiro é que haxa saúde e despois pediría manter o grupo a nivel directivo, técnico e de xogadores para seguir traballando como ata agora. Poder acadar os nosos obxectivos, xa que se está facendo un gran traballo por parte de todos. Esforzo e compromiso, non é necesario pedir máis”.

(directiva do Matela): “Que nos sigan respectando as lesións, que sigamos desfrutando cada fin de semana do que máis nos gusta e que cambien as normas para que o fútbol rexional siga manténdose grazas aos equipos de pobo”.

Joaquín Blanco (adestrador da Milagrosa): “Que siga habendo un bo ambiente no vestiario e que a nosa capacidade de traballo e sacrificio se traduza en bos resultados”.

David Lorenzo (adestrador do Catro Roldas): “Que nos respecten as lesións, que acabemos a fase regular entre os seis primeiros e poidamos conseguir o ascenso de categoría”.

Silbán Rodríguez (presidente e xogador do Fonsagrada): “Seguir todos unidos como equipo e chegar as últimas xornadas loitando polo desexado ascenso”.

Victor Couto (xogador do Celta Barreiros): “Que a nosa afección poida desfrutar outra vez de ver ao equipo estar no máis alto e que consigamos acabar nos postos tan desexados dende fai tempo. Pero, sobre todo, pedimos un ano que veña sen lesións, con saúde e felicidade para todos”.

Javi Serén (adestrador do Friol B): “Facer as cousas mellor ca na primeira volta e pelexar ata o final con gañas e ilusión”.

Álex Veiga (presidente e xogador do Rioaveso): “Seguir competindo e pouco a pouco medrar como equipo. Na segunda volta dalo todo como nos últimos encontros da primeira volta”.

Martín Rodríguez (adestrador do Celeiro): “Revertir os resultados da primeira volta e mellorar partido tras partido para ir medrando e demostrar que si queremos, podemos; pero con traballo”.

Efrén Pernas (xogador do Cazás): “Tratar de gañar en confianza para ter a seguridade defensiva que nos carcterizou nas últimas temporadas e mellorar o feito na 1ª volta. Que o 2019 nos axude a superar as enormes dificultades as que un club tan humilde lles ten que facer fronte semana a semana”.

Óscar Jaime (presidente do Lugo Unión): “Saúde e que respecten as lesións a todos”.

Grupo Sur:

Raúl Carballedo “Rachu” (presidente do Quiroga): “Intentar continuar cos bos resultados, recuperar aos lesionados e que siga pervivindo o fútbol en Quiroga, que é o máis importante”.

Rubén Bergantiños (adestrador do Paradela): “Seguir desfrutando do fútbol por moitos anos, que nos respecten as lesións neste 2019 e poder disputar a cabeza da clasificación ata o final. Pola miña parte, estou moi contento polo compromiso e pola asistencia a cada adestramento. Que siga así”.

Richard Huerta (adestrador do Castroverde): “Seguir medrando como equipo e que a xente nova siga tendo a mesma ilusión ou máis ca este último ano”.

Jesús Melendo (adestrador do Antas): “Que o equipo siga traballando coas mesmas gañas e a mesma ilusión ca no 2018”.

Juan Diéguez (adestrador do Río Sil): “Un 2019 co cadro de xogadores sen baixas para pelexar por un posto entre os seis primeiros”.

José Maneul Pasín (adestrador do Sober): “Consolidar o novo proxecto con este bo grupo e que nos respecten as lesións”

Caxín (vicepresidente do Relámpago Taboada): “Nós queremos acar a liga en postos de promoción e xogala. Por non dicir o ascenso directo (risas)”.

Manu Rodríguez (adestrador do Lemos B): “Asentar as bases deste novo proxecto, traballar na formación de futuros xogadores do primeiro equipo, manter a unión e a ilusión por competir para estar o máis arriba posible”.

Juan Manuel Rivera “Perry” (adestrador do Rubián): “Que as lesións respecten a todos os equipos e, por suposto, que ao final consigamos ascender de categoría”.

Manuel Otero “Txiki” (adestrador e a partir de agora só xogador do Taboada B por incompatibilidade de horarios): “Que deamos todos un pouquiño máis de nós, para atopar esa regularidade que nos falta; tanto en adestramentos coma na competición e seguir medrando como equipo. E por supostos que nos respecten as lesións”.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario