David Losada foi un dos grandes protagonistas da 5.ª xornada na Segunda Futgal. O mediocentro de Paradela anotou o único gol do encontro dos seus nunha visita especial a Rubián. O Paradela é o novo líder en solitario do grupo 2 con 12 puntos. Xa non queda ningún invicto na zona centro-sur, logo da derrota da Sarriana B no derbi co Incio.
Pola zona norte, o Iberia é o novo primeiro clasificado ao vencer ao Riotorto. Volveu emerxer o olfato goleador de Adrián Rodríguez Barrera. O dianteiro ribadense asinou un dobrete e xa acumula cinco tantos neste comezo de campionato. O propio Iberia aínda non sabe o que é perder, ao igual que o Pastoricense e o Celta Barreiros, que manteñen a súa dinámica tras igualar no seu encontro da pasada finde.
Foi unha xornada ao máis puro estilo do fútbol profesional, con partidos repartidos desde o venres ata o luns. Por sorte, aquí os horarios non os pon unha entidade presidida por Javier Tebas e intentan adaptarse as circunstancias dos clubs. O balón botou a rodar co derbi entre o San Roque e o San Lázaro, que permitiu aos dous equipos gozar despois dunha longa fin de semana de San Froilán. Para o luns quedou un vibrante Mondoñedo – Cabreiros (3-3) na vila mindoniense, onde xa se respira o ambiente das San Lucas.
GRUPO 1
O Iberia é novo líder a pesar de encaixar o primeiro gol do curso
O equipo de San Miguel de Reinante continúa invicto tras superar ao Riotorto (3-1). Alcanzou o primeiro posto ao ter mellor diferencial de goles con respecto ao Pastoricense. Nesta xornada recibiu o primeiro gol, rematando así a imbatibilidade dun gran Álvaro baixo paus neste comezo de temporada.
Barrera estreo cedo o marcador nas Valgas, aínda que os visitantes mantivéronse dentro do encontro e conseguiron igualar na segunda metade por medio de Dante, á saída dun córner.
O Riotorto incluso dispuxo dunha oportunidade para poñerse por diante, pero finalmente foi Barrera quen apareceu de novo para facer o 2-1. Jaime Cereijido pechou o marcador nos últimos compases do xogo.
O cadro riotortense continúa na procura dun adestrador tras a saída de Merino. Polo momento, de xeito provisional, bota unha man no club un ilustre riotortense, Miguel Alonso ‘Miguilla’. O coñecido xogador de fútbol sala, con ampla experiencia en categorías estatais, axúdalle ao cadro da súa vila na preparación dos partidos.

O Pastoricense e o Celta Barreiros mantéñense invictos
O cadro de Pastoriza cedeu os seus primeiros puntos da temporada, logo de sumar catro triunfos seguidos. Igualou ante un Celta Barreiros que tamén segue sen perder (1-1). Os pupilos preparados por Isaac Rouco ocupan agora o 2º posto, empatados co Iberia, cun de marxe sobre o Alfoz (3º) e dous sobre o seu rival da pasada finde (4º).
Os visitantes estiveron máis cómodos durante a primeira metade, na que tiveron máis posesión e conseguiron chegar con perigo polas bandas, pero atopáronse cun Carlos acertado baixo paus.
O escenario cambiou á volta dos vestiarios. O Pastoricense aumentou a intensidade, gañou presenza no mediocampo e levou o xogo cara á área visitante. O Celta reaccionou cun cambio de sistema e coa entrada de xogadores de refresco. Nunha boa presión, Rocky recuperou o balón e chegou ata a liña de fondo para servir a Ayoub, que tamén entrara desde o banco e fixo o 0-1.
O gol obrigou aos locais a adiantar liñas e insistir a través dos centros laterais. A presión acabou tendo premio por medio de Borja Corbelle, que estableceu o 1-1 definitivo e marcou por terceira xornada consecutiva.
Foi unha gran fin de semana deportiva para os Corbelle de Crecente, xa que Iván, o irmán menor, marcou gol tamén na goleada do filial do Racing Villalbés ao Lourenzá.
O Castro acabou coa condición de invicto do Alfoz
Terceiro triunfo do Castro, que venceu por 2-1 ao Alfoz, na que foi a primeira derrota do conxunto alfocense. O conxunto mariñán é 3º, a un punto do líder, mentres que o cadro chairego escala ata a 6ª praza.
David Balado adiantou cedo aos locais, aínda que Dani Jiménez respondeu poucos minutos despois para devolver a igualdade ao marcador. O partido mantívose aberto ata a segunda metade, cando Balado apareceu de novo para completar o seu dobrete e facer o 2-1.
O Alfoz buscou o empate no tramo final, pero atopouse cun Alberto Cruz moi acertado baixo paus.

Terceira vitoria seguida do Guitiriz
O conxunto guitiricense alcanza os 10 puntos e fica na 5ª posición, logo de superar ao Xove Lago (2-0). Os pupilos preparados por Piru non acaban de collerlle o pulso a categoría e pasan a ser os únicos que aínda non gañaron ningún encontro no grupo. Sumaron un punto na primeira xornada en Román.
Foi un encontro atractivo, especialmente durante unha primeira metade igualada, con dous equipos que intentaron ter o balón. Os visitantes dificultaron inicialmente a saída local coa súa presión, pero o Guitiriz foi atopando espazos.
Antón Castro abriu o marcador e Asier Bao ampliou a diferenza nunha acción por banda que terminou cun pase atrás para o seu remate. O 2-0 xa figuraba no marcador ao descanso.
O Xove tratou de meterse no encontro, especialmente a través das accións a balón parado, pero o Guitiriz defendeu con solvencia. Na segunda metade, os locais controlaron mellor o partido e dispuxeron de oportunidades para ampliar a renda.
Os goles de Aleixo volven ser decisivos na Candelaria
A entidade da Rúa confirmou a súa progresión cun segundo triunfo consecutivo, desta volta na súa visita ao Goiriz (0-1). Alcanza os sete puntos e iguala co seu rival na zona media da táboa clasificatoria.
Tras unha primeira metade sen goles, Aleixo García apareceu nos primeiros compases da continuación para facer o único tanto do encontro.
O Goiriz buscou a igualada, pero os visitantes defenderon a súa mínima renda para sumar tres novos puntos. Aleixo volveu ser decisivo despois do dobrete conseguido unha semana antes ante o Cabreiros.
Seis goles para un luns en Mondoñedo
O Cabreiros protagonizou unha das reaccións da xornada ao lograr igualar un 3-0 ante o Mondoñedo no encontro que pechou o luns a quinta xornada. O punto permítelle ao Mondoñedo chegar os 7 puntos da zona media e ao Cabreiros manterse fóra dos postos de descenso con catro.
Os locais levaron a iniciativa desde o comezo e conseguiron trasladar o seu dominio ao marcador. Javi Álvarez, que estreou o seu casilleiro goleador esta temporada, asinou un dobrete, mentres Álex Gacio prolongou a súa boa xeira para colocar o 3-0 xa na segunda metade.
O encontro parecía totalmente encamiñado para o Mondoñedo, que mesmo despois de encaixar o primeiro tanto mantivo o control durante varias fases. Xoel Laya iniciou a reacción do Cabreiros e o partido cambiou definitivamente co 3-2 de Samuel Prieto, incorporado desde o banco. Os visitantes gañaron confianza e foron decididamente na procura dun empate que acabou chegando por medio de Héctor Pereira.
Primeira vitoria ao grande do Catro Roldas
O conxunto de Román logrou o seu primeiro triunfo cunha goleada ante o Meira (6-1). Ambos equipos quedan con catro puntos na clasificación, fóra dos postos de descenso directo.
Non obstante, o marcador non reflicte o competido que estivo o encontro durante boa parte do primeiro tempo. De feito, foi o Meira quen golpeou primeiro por medio de López, pero Santi Cazás igualou e Sergio Rodríguez completou a remontada antes do tempo de lecer.
Gonzalo Besteiro ampliou a diferenza pouco despois da continuación e o partido rompeu definitivamente. Danny Yáñez anotou o cuarto e Sergio Rodríguez e Santi Cazás completaron os seus respectivos dobretes para establecer o 6-1.
Sergio Rodríguez, incorporado co curso xa iniciado despois de varios anos afastado do fútbol federado, segue achegando recursos a un Catro Roldas que conseguiu o seu primeiro triunfo sen un xogador específico para a portería. O capitán e defensa Esteban Carracedo continúa asumindo galóns baixo paus pola baixa de Carmelo.
Porteiros improvisados, remontada inesperada e himno internacional
Escapóuselle o segundo triunfo do curso ao Xermade ante o Abadín (3-4), nun partido no que pasaron varias cousas e que deixa ao cadro xermadés en postos de descenso directo. En cambio, para o Abadín, si supón o segundo triunfo do curso e chega aos seis puntos na clasificación.
Os primeiros compases xa deixaron catro goles: Hossu abriu o marcador, Diego Filgueiras anotou o seu primeiro tanto coa camiseta do Xermade e Diego Expósito recortou diferenzas antes de que Hossu completase o seu dobrete para colocar o 3-1.
O partido cambiou por completo na segunda metade. Jesús Ferreiro anotou de penalti o 3-2 e o porteiro local, Ángel Prieto, acabou posteriormente expulsado. Sen gardameta suplente, o dianteiro Sergio Vila tivo que poñerse as luvas. Héctor Vigo conseguiu o empate e Pablo Vilarín, no seu debut co Abadín, culminou a remontada co 3-4.
Aínda quedaba outro xiro. Iker Felpeto viu o cartón vermello e, nos últimos instantes, foi o central Permuy quen tivo que exercer como porteiro do Abadín. Os dous equipos acabaron así o encontro con xogadores de campo baixo paus.
A estrea de Vilarín non puido ser mellor. O xogador lucense, que pode actuar no lateral e na banda dereita, estaba sen equipo, chegou ao Abadín a través da amizade con integrantes do club e marcou o gol do triunfo. Foi ademais unha semana especial para a entidade, que estreou o seu himno, creado pola banda euskaldun La Txama, que actuara este verán no Rumboia Viva, festival organizado desde hai catro anos pola mocidade de Abadín.
Na letra, reivindícase a fermosa paraxe na que está asentado o equipo e ponse o foco na súa refundación en 2002, tras desaparecer en 1998. Faise referencia ás cores e remata cunha rima pegadiza: «xoga bonito, de principio a fin, Club de Fútbol Abadín».

GRUPO 2
Tres triunfos seguidos para asaltar o liderado
O Paradela colocouse na primeira posición do Grupo 2 tras vencer ao Rubián (0-1). Suma 12 puntos e conta con dous de marxe sobre o Antas e o Friol, anteriores líderes. Mentres tanto o Rubián, a pesar de sumar seis puntos, queda a beira do descenso directo, con dous de marxe sobre o Corgo.
Este duelo de proximidade tivo un bonito ingrediente nas bancadas. Brian, Javi López, Geri e Viti chegaron esta temporada ao Paradela procedentes do Rubián, mentres outros integrantes do equipo visitante, como Daniño, tamén contan con pasado no club do Poste. A afección local recibiu os seus ex xogadores cunha pancarta: «O Poste sempre será a vosa casa. Benvidos rapaces».
O encontro estivo moi igualado durante unha primeira metade na que os visitantes tamén dispuxeron de varias ocasións. A mellor oportunidade do Rubián chegou desde o punto de penalti, pero Eros detivo o lanzamento e permitiu que se chegase ao descanso co 0-0.
O Paradela deu un paso adiante na continuación e os cambios achegaron frescura ao equipo. O partido non se decidiu ata o tramo final, cando Losada conectou un disparo desde fóra da área que tocou no pau antes de entrar. O Rubián buscou o empate nos últimos compases, pero os visitantes conservaron o 0-1.
O hat-trick de Portu rescata un punto nun mal partido do Antas
O Corgo deixou escapar unha vantaxe de tres goles ante un Antas que rescatou un punto cunha espectacular reacción final (4-4). Sérvelle ao cadro do Castro Seoane para manterse nas posicións cabeceiras, mentres que o cadro corgués segue en postos de descenso con catro puntos.
Os locais levaron o peso do encontro durante boa parte dos primeiros 75 minutos. David Rubianes abriu o marcador cun disparo desde fóra da área e Rube ampliou a diferenza nunha acción ensaiada.
Valdés aproveitou un erro na saída local para recortar distancias, pero David Peral respondeu pouco despois, tamén desde fóra da área, para establecer o 3-1 co que se chegou ao descanso.
O Corgo mantivo a súa dinámica na continuación e Rube, cunha gran acción individual, completou o seu dobrete para colocar o 4-1. O partido parecía decidido, pero todo cambiou no tramo final. Un penalti sobre Jorge permitiu a Portu facer o 4-2 e unha posterior expulsión local por dobre amoestación aumentou as opcións visitantes.
Portu volveu aparecer para reducir a diferenza e completou o seu hat-trick cunha vaselina tras un envío de Vicente ás costas da defensa. Co 4-4, o encontro aínda puido caer de calquera lado: o Antas buscou culminar a remontada e Núñez dispuxo dunha oportunidade para darlle o triunfo ao Corgo na última acción.
Primeira derrota do Friol
O Santa Comba provocou a primeira derrota da temporada do Friol (4-2). Os locais escalan postos na clasificación e suman nove puntos, un menos que o seu rival da pasada fin de semana.
Os xogadores preparados por Álvaro Sánchez deixaron moi encamiñado o encontro cunha gran efectividade: Bri abriu o marcador e Jorge fixo o segundo antes do descanso.
Jorge completou o seu dobrete na segunda metade e Yaguito elevou a diferenza ata un contundente 4-0 antes de cumprirse a hora de xogo. O Friol reaccionou posteriormente. O friolés Michael recortou diferenzas pouco despois e Adrián estableceu o 4-2 no tramo final. O Santa Comba conseguiu conter o último empuxe visitante.
O tres puntos do derbi quedaron no Carboeiro
A Sarriana B tamén perdeu a súa condición de invicta ao caer ante O Incio (1-0). O filial levaba tres vitorias consecutivas e ten aínda pendente o encontro da primeira xornada co Chantada B, previsto para o 5 de decembro. Pola súa parte, o cadro amarelo escolleu ben a quen gañarlle o seu primeiro encontro tras regresar este curso á categoría. Suma seis puntos, logo de vir dunha xeira de tres empates seguidos.
Foi un encontro competido, condicionado tamén por un terreo de xogo que favoreceu por momentos un fútbol máis directo.
Os locais dispuxeron das súas oportunidades, mentres o filial sarrián tamén contou con opcións claras, especialmente durante a segunda metade. O partido mantívose sen goles ata o tramo final, cando Kenny aproveitou a súa oportunidade para facer o 1-0.
Efrén e Mateo impóñense en Cerdeiriños
Aos nove puntos tamén chegou o filial do Monterroso, que remontou un inicio adverso para superar á Piringalla (3-2). Queda sexto clasificado, mentres A Piringalla segue en posicións de descenso directo con tres puntos.
Miguel Seoane adiantou moi cedo aos visitantes, pero Efrén Toral devolveu a igualdade e Javi Criado completou a remontada antes do descanso.
A Piringalla tivo unha oportunidade inmellorable para empatar na segunda metade desde o punto de penalti, pero Mateo detivo o lanzamento. Óscar ‘Pupi’ conseguiu posteriormente o 2-2, mais Efrén volveu aparecer no tramo final para completar o seu dobrete e facer o 3-2 definitivo. O Monterroso B terminou cun xogador menos pola expulsión de Jorge Cantillo por dobre amoestación.
A xornada deixou tamén o debut de Abdo co filial de Cerdeiriños. Para Efrén foi unha fin de semana especialmente completa: despois do seu dobrete, na mañá seguinte gozou tamén de minutos co primeiro equipo no Monterroso-Guntín (0-0) de Primeira Futgal.
Empate e xogo limpo para gozar do San Froilán
O derbi lucense entre San Roque e San Lázaro foi o encargado de abrir o venres unha longa xornada da Segunda Futgal (1-1). O cadro de Montirón fica con sete puntos, por un menos do club orixinario da Ponte.
Os visitantes tiveron máis posesión, mentres o San Roque tratou de facer dano cun xogo máis vertical. Reinou o xogo limpo, xa que non houbo ningún cartón amarelo e apenas houbo faltas durante o encontro.
Yelko adiantou aos locais durante a primeira metade. O San Roque dispuxo de oportunidades para ampliar a diferenza, pero atopouse cun Álex decisivo baixo paus. Cando parecía que os tres puntos podían quedar na casa, Kevin Fernández, que entrara na segunda metade, apareceu no tramo final para establecer o 1-1.
O Chantada B ben deitou da amplia renda
O Chantada B levou os tres puntos do duelo de proximidade disputado no Baliño co Ferreira (2-3). Suma sete puntos e amosa a súa capacidade para competir. Pola súa banda, o Ferreira encaixou a súa terceira derrota do curso e queda con seis puntos.
David Poyán abriu o marcador e Santi Bosco ampliou a diferenza nunha acción a balón parado antes do descanso. O central uruguaio que chegou este curso a Chantada está causando moi boas sensacións na vila do Asma e asinou o seu primeiro tanto.
O xuvenil Yago Bouzas colocou o 0-3 na segunda metade, pero o Ferreira non se deu por vencido. Fagín recortou distancias nun córner e Chomi fixo o 2-3 no tramo final, tamén nunha acción a balón parado.
Os locais buscaron a igualada ata o final, pero o filial chantadés conseguiu conservar a mínima vantaxe e levar os tres puntos.
Goles de ouro para o segundo triunfo seguido
O Palas levou a particular etapa do Camiño de Santiago á inversa ante o Portomarín (3-2). Suma sete puntos, mentres que o Portomarín aínda non puntuou nestas cinco primeiras xornadas.
Javi Ouro abriu cedo o marcador, pero David Álvarez respondeu cun disparo desde fóra da área para establecer a igualada.
O dianteiro palense da quinta do 99 volveu aparecer antes do descanso cun gran gol para completar o seu dobrete. Xa na segunda metade, Arturo aproveitou unha acción dentro da área para colocar novamente as táboas.
O encontro mantívose aberto ata o tramo final, cando Rodrigo Vázquez anotou o 3-2 que permitiu ao Palas encadear a súa segunda vitoria consecutiva. O Portomarín, que terminou o encontro coas expulsións de Juanillo e Yago Álvarez Murias, ofreceu unha imaxe moito máis competitiva que nas dúas xornadas anteriores.

As sancións tamén condicionan a sexta xornada
A quinta xornada deixou varias sancións que terán incidencia directa na seguinte entrega da Segunda Futgal. No grupo norte, causará baixa Iker Felpeto, porteiro do Abadín. O Comité impúxolle un partido de suspensión por «provocar por calquera medio a interrupción dunha xogada ou lance de xogo, evitando unha ocasión manifesta de gol». Perderase así unha cita especial, o Derbi do Fiouco ante o Mondoñedo, que se disputará o sábado ás 12.00 horas no Viñas da Veiga, como aperitivo futbolístico antes de que os cabalos tomen as rúas da vila mindoniense coa celebración das San Lucas.
A Candelaria tampouco poderá contar con Seido na recepción ao Catro Roldas, programada para o sábado ás 17.30 horas.
Ángel Prieto, porteiro do Xermade, foi sancionado cun partido tras ser expulsado por dobre amonestación. Non poderá estar baixo paus na visita ao Xove Lago, prevista para o domingo ás 17.00 horas.
No grupo sur, Raúl foi expulsado por dobre amoestación no empate do Corgo ante o Antas e non estará dispoñible para a visita dos seus ao Friol, o sábado ás 17.15 horas. Pola súa banda, Jordi Varela non poderá formar parte do Santa Comba na visita ao Chantada B, o sábado ás 16.15 horas.
Dobre baixa por sanción terá o Portomarín. Yago Álvarez e Juanillo deberán cumprir cadanseu partido de suspensión e non poderán participar na recepción ao Incio. O conxunto dirixido por Álex Cortón buscará os seus primeiros puntos o domingo, ás 16.30 horas, no Chao da Poza-Marcos Arias Rodríguez.
Tampouco estará dispoñible Nando no Antas, que afrontará o domingo ás 16.00 horas no Castro Seoane o derbi da Ulloa ante o Monterroso B.

