Os desexos da Primeira neste 2019

Comezou o 2019 e quixemos saber o que cada un dos nosos equipos lle pediu aos Reis. Aquí está a carta dos dezaoito conxuntos da Primeira Galicia.

Fran Veiga, adestrador do Pastoricense: “Que nos respeten as lesións, que a xente que está mancada se recupere canto antes e conseguir a salvación”.

Óscar López, presidente do Lemos: “Que o Lemos logre o ascenso a Preferente”.

Crespo, dianteiro do Monterroso: “A salvación do primeiro equipo. Estamos nunha situación un pouco delicada pero con ganas e esforzo manteremos sacarémolo adiante. E manteremos o clube na categoría que se merece. Desexo que a directiva siga traballando para que o Monterroso siga crecendo, que as categorías inferiores teñan as mesmas ganas de aprender e crecer como futbolistas e persoas neste clube”.

Jairo, dianteiro do Burela: “Desexo que a SD Burela siga a medrar como o está a facer e se asente completamente na categoría. E que o grupo de persoas que o formamos, sigamos a disfrutar xuntos moito tempo. Arriba verdes!”.

Esteban, defensa da Residencia: “Competir ao máximo na segunda volta para estar o máis arriba posible na clasificación. O meu desexo sería rematar ascendendo”.

Miguel Osorio, directivo do Taboada: “Que a familia do Taboada CF sexa tan grande ou máis que agora. E poder disfrutar das novas instalacións sen moitas lesións”.

Yebra, porteiro do Pol: “Non ter lesións graves, mellorar a primeira volta e manter o gran grupo que temos”.

Juan Rodríguez, adestrador do Chantada: “Que todos os estamentos do clube sigamos tendo a ilusión que temos no día a día. Que ese sexa o camiño e os resultados cheguen como consecuencia delo”.

Borjita, capitán do Páramo: “O meu desexo é que o Páramo faga algún punto na época das matanzas”.

Juanjo Coello, dianteiro do Xove Lago: “Conseguir o obxectivo da permanencia canto antes e que o equipo acabe o máis arriba posible. Ademais disto, desexamos facer que o míster pague unha cea. Para iso necesitamos, polo menos, gañar catro partidos consecutivos”.

Jon Vázquez, técnico do Friol: “Que o equipo siga deixándose a alma nos partidos e disfrutando en base á ilusión, ao compromiso e a non deixar de soñar”.

Dani Renda, centrocampista do Outeiro de Rei: “Seguir disfrutando cun grupo marabilloso e ambicioso. Un grupo incrible”.

Fran Regal, técnico do Chantada Atlético: “Que se recuperen os lesionados e non teñamos tan mala sorte neste aspecto. E desta forma recompoñer o equipo a nivel de adestramentos e competición”.

Pedro Díaz, defensa do Riotorto: “Que a xente que segue e traballa polo Riotorto, esté orgullosa do seu equipo”.

Villi, segundo adestrador do San Ciprián: “Pedimos o mesmo que todos estes anos. Pelexar ata o final a salvación e seguir outro ano na categoría. Non ter que lamentar ningunha lesión grave e dar o mellor de nós”.

Pandiani, dianteiro do Atlético Escairón: “Intentar estar o máis arriba posible, sen obsesionarnos polo ascenso”.

Andrés Bouza, técnico da Pontenova: “Que os xogadores sigan traballando coas ganas e ilusión coa que estiveron ata o de agora, porque os resultados serán a consecuencia dese bon traballo”.

Palomo, dianteiro do Santaballés: “Que sigamos mantendo o bon ambiente polo cal sempre se caracterizou este equipo e que non teñamos lesións graves. Despois as cousas veñen soas; cando un vai adestrar de boa gana aplícase máis, o cal despois se ve no campo. Un bo clima de vestiario é esencial en calquera equipo. Máis se cabe nestas categorías nas que ninguén vive disto, nin moito menos”.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario