A 18ª xornada da Segunda Rexional trouxo o picazo de tres equipos da parte alta da categoría. O Meira e o Folgueiro no norte e o Friol no sur.
O Cospeito marcoulle 5 ao Folgueiro, o Lemos B derrotou ao Friol con tres dos catro goles anotados por Nico e o Ferreira achégase ao liderado cun gran Julito que se luciu cun gol olímpico. Contámolo en #ONoso11AChaira.
Na zona norte, un partido sobresaía por riba de todos. O Folgueiro – Cospeito en Boavista. Segundo contra terceiro. Sete puntos separaban a ambos equipos antes de comezar o encontro.
Agora son catro porque o Cospeito saíu vitorioso nun choque que volveu ser de moitos goles (3-5). Na primeira volta xa deixaran un espectacular partido para o espectador. Igualaran na Fonte cun resultado de 4-4. Polo tanto, o equipo preparado por Luis Romay ten ao seu favor tamén o gol average.
Quen empezou mellor foi o Folgueiro que non foi constante e foi dominador só por momentos. Saíron con camisolas de apoio a Aurelio que sufriu unha lesión de longa duración e adiantáronse no primeiro minuto.
Ao pouco, quen se fixo co partido foron os visitantes. Marcaron tres goles e gozaron dalgunha ocasión máis. Nun contragolpe, antes do tempo de lecer, os locais fóronse con moita vida aos vestiarios.
Con todo, no segundo acto o Cospeito marcou o cuarto ao comezar. Case o final, o Folgueiro anotou o terceiro e, nada máis sacar de centro, o conxunto chairego fixo o quinto.
O Folgueiro perdeu a oportunidade de ser líder, xa que o Meira empatou co Cabreiros. Non obstante, o cadro de Labrada chega aos 40 puntos e ten agora dous de marxe sobre os do Vicedo. Iso si, o Cospeito aproxímase a seis.
O equipo da parroquia xermadina foi quen de adiantarse nunha acción a balón parado. O líder foi collendo o dominio e empatou antes do descanso.
No segundo tempo, lograron a remontada momentánea, pero de novo nunha acción a balón parado os locais igualaron. O Cabreiros tivo unha oportunidade para o 3-2 pero rematou pedindo a hora ante o asedio do Meira que non foi quen de facer máis goles.
O Guitiriz e o Muimenta manteñen o ritmo
Os equipos que ocupan as outras dúas prazas de promoción de ascenso tampouco fallaron. O Guitiriz e o Muimenta sumaron os seus respectivos tres puntos e reducen diferenzas tamén coa cabeza da táboa clasificatoria.
O Guitiriz superou pola mínima ao Goiriz no Ventiño. O conxunto guititicense acumula nove partidos sen perder. Ten 33 puntos, a sete do primeiro posto.
É practicamente imposible adiantarse máis cedo. Sacou o Goiriz dende o centro do campo. Os visitantes recuperaron o balón e cunha triangulación achegáronse a área rival. Antón definiu cruzado.
Quinto gol do dianteiro na campaña, o segundo de xeito consecutivo. Nas dúas últimas semanas, un gol seu en cadanseu partido supuxeron ao final as dúas vitorias do seu equipo.
No Pichón viviuse un duelo de proximidade entre o Muimenta e o Castro B. Desta vez, cos ataques máis comedidos, xa que na primeira volta gañara o cadro celeste noutro espectacular partido de goles (3-4).
O Muimenta venceu grazas a un gran gol de Seijas de chilena. Non foi o mellor partido do dianteiro de Román, pero resolveu de xeito maxistral un balón que parte dende o seu compañeiro porteiro Noche. 14º gol da temporada.
O Iberia e a Candelaria, pendentes da promoción
Tampouco fallaron nos seus partidos os inmediatos perseguidores dos postos de play off. O Iberia e a Candelaria seguen a dous puntos do 4º e do 5º posto. Ademais amplían a fenda coa zona media da clasficación, algo que adiantabamos a semana pasada.
É que o Iberia gañoulle no duelo da Mariña ao Alfoz. Partido de proximidade no que o Alfoz xogábase precisamente engancharse a eses postos de privilexio. Queda agora a doce puntos do 4º e do 5º.
Foi moi desputado o enfrontamento, máis aínda na primeira parte. No segundo tempo decidiu un penalti transformado en gol polo equipo de San Miguel de Reinante.
A Candelaria tamén conseguiu un triunfo de valor ante o Roupar. É xusto entre eles onde se rompe a clasificación. A Candelaria afronta a finde das súas patronais na sétima posición; oito puntos de marxe sobre o Roupar (8º). E xogará un bonito encontro na Rúa ante o Folgueiro.
Non houbo grandes ocasións entre o cadro preparado por Diego Dopico e o de Jaime Matouse. No corpo a corpo, a Candelaria levou os tres puntos co seu maior acerto goleador.
Sete equipos en catro puntos na zona media-baixa
Na zona media reencontrouse coa vitoria o Xermade logo de catro xornadas. Venceu ao Fonsagrada e afástase momentaneamente da zona de perigo.
O cadro local recuperou a seriedade que lle faltou nos últimos encontros. Foi claro vencedor no Municipal.
É agora nos postos de alarma por mor dos arrastres onde a igualdade é máxima. A Comercial é a que sae reforzada da xornada ao gañarlle ao Celta Barreiros.
Sumou unha vitoria importante cun dobrete de Brais e co regreso aos terreos de xogo de Lucas. O capi volveu logo de oito encontros. No Celta Barreiros acabaron moi decepcionados coa actuación arbitral.
O Goiriz e o Celta Barreiros seguen últimos clasificados con cinco puntos. Logo aparecen sete equipos en catro puntos. Os que van dende o Cabreiros (antepenúltimo) ao Roupar (8º).
O Ferreira é quen lle mantén o ritmo ao líder
Co liderado nun puño no sur. Seguindo a dinámica das últimas xornadas esta semana tocaríalle ser líder ao Friol. Pero o cadro friolés sucumbiu ante o filial do Lemos e o Guntín non fallou. Agora é o Ferreira quen lle segue a pista máis de perto ao cadro laranxa.
O Guntín tamén chegou aos corenta puntos logo de vencer ao Sporting Lucense. Acumula seis encontros seguidos sen perder.
O conxunto laranxa encamiñou o partido ao cuarto de hora no Rodríguez Lago. Curtou a xeira de tres vitorias consecutivas dos pupilos preparados por Lolo.
O segundo clasificado é o Ferreira. Nove partidos seguidos sen perder leva o equipo de Pantón.
Superou ao Río Sil na Carqueixa. Os visitantes tiveron no balón parado a súa máquina goleadora. Incluso o primeiro gol de Julito foi de xeito olímpico, tal e como sacou o balón dende o córner entrou pola portería rival.
Pola súa parte, o Friol perdeu na súa visita ao Lemos B e queda a catro puntos da cabeza. O filial foi mellor e os de Javi Pájaro non deron atopado o seu sitio no partido.
Luciuse o dianteiro Nico Díaz que marcou un hat-trick. E o segundo que marca nos mes de xaneiro. Acumula oito goles no que vai de competición.
Tres equipos en dous puntos pelexan pola promoción
Un dos partidos máis destacados na xornada xogouse en Frigsa. Pelexa pola zona de promoción entre a Milagrosa e o Paradela. Os locais saíron vencedores e seguen cuartos (a seis puntos do primeiro clasificado).
Foi un encontro desputado, principalmente na primeira metade. Antes do tempo de lecer adiantouse a Mila. Ao pouco de empezar o segundo tempo marcaron o segundo. Ambos en accións a balón parado.
O Paradela conseguiu recurtar diferencias pero non foi quen de de chegar ao empate. Queda a sete puntos da promoción de ascenso; un posto que ocupa a SD Becerreá, precisamente o equipo co que ten un encontro pendente de xogar (o martes de Entroido).
O Becerreá regresou aos postos de play off. Todo despois de vencer ao Chantada B. O filial termou a primeira metade, pero no segundo acto viuse superado polos locais que transformaron en goles o seu dominio.
Logo do 2-0, o cadro de Chantada recurtou diferenzas por medio dun penalti. Pero o que chegou máis tarde foi o terceiro tanto local.
O Oural queda agora na sexta posición empatado a puntos coa quinta posición. Non pasou do empate ante o Carballedo.
O Carballedo competiu ben. Púxose por diante no marcador. Logo o Oural conseguiu igualar e xa cara o tramo final do encontro deulle a volta. Os de Rodrigo Amarante non se renderon e marcaron o gol do empate nos últimos intres.
O San Roque sepárase da zona baixa
Na metade da táboa enfrontáronse o Brollón e o San Lázaro nos Medos. Foi o cadro capitalino o que levou os tres puntos e o que ascende á novena praza.
Ao descanso o resultado era de empate a un gol. Non houbo un dominador claro nin grandes ocasións, pero o San Lázaro deu un punto máis co que conseguiu o gol da vitoria no segundo tempo.
O San Roque chega aos 24 puntos e gañou por primeira vez no 2023 no seu partido ante o Corgo. Había medo a perder en Montirón. Practicamente non houbo ocasións no primeiro tempo.
Pero si marcaron os locais ao cuarto de hora o único gol do partido. Saque dende o recanto pateado por Caillou ao primeiro pau e Gabi rematou á escadra. O central completou un gran encontro ao igual que Andrés no medio do campo.
No segundo tempo, o partido abriuse máis con opcións para ambos. Con opcións polémicas para o Corgo a quen lle anularon un gol.
O Carballedo (7 pts) é penúltimo cun punto máis ca o Corgo (6 pts.) que está en descenso directo. O Río Sil (13 pts.) e o Chantada B (15 pts.) son os dous equipos que lles anteceden.