Once da xornada 35 na Preferente Galicia

Non foi una boa xornada para os equipos lucenses que teñen importantes obxectivos en xogo de cara ao final da temporada. Por iso, a pesar de ter a súa presenza habitual no noso once, cobran protagonismo os xogadores do Ribadeo que foi o único equipo da provincia que conseguiu gañar nesta xornada.

No derbi de Cantarrana o Lugo B tan só foi quen de empatar (1-1) e afástase do segundo posto da clasificiación. O Viveiro contivo ao filial albivermello con Dani e con Diego Chis como dous dos futbolistas máis destacados do encontro. Nin a boa actuación na segunda metade de Dani Góngora nin co gol de Julio Camba conseguiron os pupilos de José Durán darlle a volta ao marcador. O Viveiro segue cómodo na oitava posición e o Lugo B queda cuarto a catro puntos do Estudiantil. O conxunto adestrado por Gelucho derrotou por 4-1 ao Escairón que foi de máis a menos e só aguantou na primeira metade. Denis foi un dos máis destacados do cadro do Saviñao.

O dianteiro do Lemos Diego Arias repite no once por segunda semana consecutiva

Non acompañaron os resultados para os equipos da zona baixa que buscan a permanencia. Ao Lemos escapouselle a vitoria en Vimianzo ante o Soneira nos últimos instantes (1-1). Ben é certo, que Santi xa salvara anteriormente ao seu equipo que se puxera por diante grazas a un gran gol de Diego Arias. Aínda así, o conxunto de Monforte deixou a un rival case sen opcións e mantén a boa liña dos últimos encontros. Quen non puido sacar nada positivo foi o Chantada que perdeu 3-0 ante o Paiosaco. Nun mal partido chantadino ante un dos equipos fortes da categoría rescatamos a actuación de Cebolli. O Chantada deberá gañar e seguir pendente dos arrastres nas vindeiras xornadas.

O Ribadeo triunfou unha xornada máis e colócase nunha meritoria sexta praza despois do mal incio de tempada. Yoel, a entrada de Rafa Casanova e Criss foron do máis destacado dun enfrontamento no que o equipo da Mariña chegou a ir perdendo por 2-0, pero que conseguiu remontar. Pola súa banda, queda sen representación no once a Sarriana que perdeu 3-0 co último clasificado, o Sporting Sada.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario