Omar Gómez xa non é o adestrador do Riotorto. O club da Veiga prescindiu de Omar logo da décima xornada. Descoñecemos quen tomará os mandos no encontro desta finde ante a Piringalla.
Na zona norte, o Iberia terma do liderado. Gañou pola mínima ao Xermade (0-1). Un partido no que os locais tamén dispuxeron de ocasións para conseguir algún punto. Finalmente decidiu o gol nos últimos intres de Iván García.
Co triunfo, o Iberia é o único equipo da Segunda Futgal lucense que non perdeu no primeiro terzo de liga.
Con todo, o mellor equipo nestes momentos en canto a resultados é o Folgueiro. Sumou a sexta vitoria seguida ante o Mondoñedo (4-3). O club do Vicedo queda a dous puntos do líder e ten unha diferenza de seis con respecto ao 3º.


Non obstante, os tres puntos non lle foron fáciles de conseguir aos locais en Boavista. O Mondoñedo opuxo resistencia e nunca se foi do partido. Encaixou os catro goles tras xogadas a balón parado. Logrou empatar un 3-1 en contra e mesmo gozou dalgunha opción para porse por diante.
O Sanci mantense 3º, pero vive o seu peor momento da tempada en canto a resultados. Gañou un partido dos últimos cinco e acumula tres derrotas seguidas. Queda a seis puntos do posto de promoción, está igualado co Sp. Pontenova e ten un punto máis que os seus veciños da Candelaria, que levaron o derbi a pasada fin de semana.
A Candelaria agrandouse na Granda (2-1) e levou o derbi. Os pupilos adestrados por Jaime souberon xestionar mellor o tipo de partido que se lles presentou, marcaron o 2-1 e termaron ante os intentos do Sanci por empatar.

O Sporting Pontenova é 4º tras superar no derbi de proximidade ao Riotorto (4-2). Ambos equipos chegaban igualados a puntos, polo que o club da Veiga queda na 7ª praza con tres puntos menos.
Tras a derrota, segundo puidemos saber, o club decidiu destituír ao adestrador Omar Gómez.
Na 8ª posición sitúase o Casás con 14 puntos, tras perder en Guitiriz (3-1). Queda con dous de marxe sobre o seu rival, que é 13°. O Guitiriz reencontrouse coa vitoria, logo de tres derrotas seguidas.
O Alfoz é noveno. Empatou no Pichón sen goles co Muimenta (0-0). Sete puntos de diferenza cun descenso directo no que está o cadro celeste. Ten seis puntos e non perde dende a chegada de Basi: dous empates e unha vitoria.
Na zona media, tamén destaca o triunfo da Piringalla ante o Celta Barreiros (4-1). Ambos equipos quedan con 13 puntos na clasificación. O cadro capitalino acumula tres xornadas sen perder.


Na zona sur, o Ferreira continúa en cabeza ao vencer a un bo Santa Comba (3-2). Os pupilos preparados por Manu non perden dende a xornada 3, a súa única derrota ata o momento.
O líder ten dous puntos de marxe sobre o Becerreá e o Paradela, que tamén gañaron. O Becerreá superou con claridade a un Quiroga (6-1).
Pola súa parte, o Paradela gañoulle ao Friol (3-0). Volveron as actuacións estelares de Romy, que leva o gol no sangue. O dianteiro marcou os tres tantos do partido.
O San Roque é 4°, a tres puntos da cabeza da clasificación. Acumula 8 partidos sen perder e volveu ao camiño do triunfo, logo de dous empates seguidos. Derrotou a un Antas (1-3), que é noveno con 14 puntos.
O Brollón queda na quinta praza con 19 puntos (empatado co Palas), logo de perder por primeira vez na temporada. Pódese considerar que saltou a sorpresa no Carboeiro. O Incio logrou a súa terceira vitoria da tempada ao vencer por 1-0 ao cadro da Proba.
Luciuse Edu, o central protagonista no All Star 2023 en Mondoñedo, que agora está consolidado como porteiro. Darwin marcou cedo un gol de penalti para o Incio, que despois estivo moi ordenado en defensa e seguro con Edu. Os visitantes tentárono, pero non deron co gol.
O Palas enlazou o segundo triunfo seguido ante O Páramo (3-2). Queda a catro puntos do liderado, amosando a gran igualdade na zona alta deste grupo. O conxunto das Rapadas ten nove puntos menos que o seu rival e é 11°.
O Portomarín é 8° con 14 puntos ao igualar co Chantada B (3-3). O cadro chantadés tiña o resultado ao seu favor, pero . Queda na penúltima posición a a dous puntos do 14°.
Comezou moi ben o filial tomando vantaxe de dous goles. O Portomarín marcou un tanto antes do descanso. Ao comezar o segundo tempo, o Chantada B anotou o terceiro e parecía que poñía o partido do seu lado. Con todo, o Portomarín deu empate. Nos minutos finais puido gañar calquera.
Na zona baixa, o Lemos B logrou un importante triunfo ante o Rubián (2-3). É antepenúltimo, pero a tan só un punto do seu rival da pasada finde.
O Rubián empatou dúas veces o resultado. Logo coa expulsión de Geri, púxoselle máis costa arriba o partido e non deu igualado cando o terceiro gol do filial subiu o marcador.
