O Lugo non pode coas Celtas no partido da xornada
As luguesas non entraron ben no partido, sen a intensidade e concentración necesarias para enfrontar un encontro coma este. Iso custoulles o gol tempraneiro, que en realidade, puideron ser máis.
Xa por detrás no luminoso, pouco a pouco as luguesas comezaron a ter máis control defensivo e ter maior presenza en ataque, pero xusto aí o Celta marcou o segundo nunha xogada rápida para truncar as aspiracións das albivermellas.
Coa chegada da segunda metade, o Lugo saiu ao campo máis ordeado defensivamente e con maior solidez a partir da que crear perigo en ataque. Foi así como chegou o gol de Candela que recurtaba distancias. Porén, nos últimos 20 minutos o partido púxose tolo, un continuo ir e vir de ambos equipos con ocasións en ambas áreas, o que puido favorecer a calquera, pero o marcador non se moveu.

O PM Friol golea ao Parquesol
Os 5 goles que lle endosaron as friolesas ás xogadoras do Parquesol non indican a tónica real do partido. O obxectivo do Friol non era meterlles unha goleada, o partido era a priori doado e as rivais saíron a xogar con liñas moi adiantadas e arriscando moito, peo o dominio foi claramente do equipo friolés.


Se a goleada non foi maior débese exclusivamente á porteira do Parquesol, que foi sen dúbida a mellor do partido.
O encontro serviulle ó PM Friol para facer debutar a Lidia e Carla, dúas xogadoras do B que adestran na dinámica do primeiro equipo.
Clara vitoria dun CD Lugo B que puido chegar a máis
Xa na primeira parte Ánxela, con dous goles, se encargou de encarrilar o partido para as lucenses ante o Cultural Maniños no Rodríguez Lago. A estacada dada polo filial do CD Lugo puido ser maior se Claudia e outra ocasión da propia Ánxela non se marcharan fóra por moi poucos centímetros.

As visitantes nos primeiros 45′ do encontro só tiveron unha aproximación clara á porta, pero que tampouco souberon aproveitar.
Á volta dos vestiarios, o CD Lugo B repetiu xesta. Dous goles, outro da propia Ánxela para anotarse no seu casilleiro persoal un hat-trick e outro de Nekane sentenciaron o encontro.
A segunda quenda de 45 minutos, agás os goles, foi monótona, sen ocasións claras por moito que as lucenses gozaran do dominio na metade do campo rival.

Segunda vitoria no segundo partido no que Iria Rey colle os mandos do equipo e que serve, ademais, para pór terra de por medio cos postos vermellos da táboa.
Nova derrota do filial friolés
As de Quiroga non conseguen sumar ante a SD Tordoia a domicilio e sitúanse na beira dos postos de descenso.

Un gol de Lucía Grela adiantaba na primeira metade ás locais, que aumentarían a diferenza ós dous goles co tanto de Daniela Seoane xa despois da volta dos vestiarios.
Os dous goles das do Tordoia chegaron de erros das friolesas. Aínda que as de Quiroga competiron ben e tiveron capacidade de dar continuidade ao xogo dispoñendo de posesión de balón. A piques de chegar ó final, no 85′, Lidia Díaz anotou para as friolesas un gol que de pouco máis serve que para maquillar o resultado.
2-1 final e unha nova derrota, aínda que contra un dos ósos duros da competición, que mete ó PM Friol B en apuros se non quere pasalo mal na loita co descenso a final de tempada.
Non foi un mal partido aínda que «non chegan as ansiadas vitorias que nos permitan saír de atrás. Temos que seguir traballando e mellorando, hai que ser conscientes de que somos un equipo en construción», indica Quiroga.

A SD Chantada cae na súa visita ao Lóstrego
Na primeira parte as chantadinas foron quen de someter ás rivais, encerrándoas no seu campo, pero sen demasiadas ocasións.
No minuto 25′, cun balón longo, o Lóstrego adiantábase no marcador cun bo gol. A partires de aí o partido estivo máis trabado. A SD Chantada seguía a xogar no campo rival pero tamén continuaba sen ocasións. Non ata que Ángeles conseguiu chegar a porta nunha xogada de mérito para a porteira rival, que foi quen de evitar o gol para as chantadinas.
Despois do descanso, a SD Chantada fixo axustes e mellorou na presión. Nos primeiros 25′ do segundo tempo o dominio foi claro para as chantadinas. Así chegaron dúas boas ocasións xeradas por Noelia que se foron preto do pau. O que si chegou é o gol dunha habitual no marcador chantadés: Eva Piñeiro, que anotou tras unha boa xogada cun bo regate que culminou tamén cun bo disparo.
Aínda que o partido dominábao a SD Chantada, o Lóstrego cun saque dende o curruncho púxose por diante de novo. O partido rompeuse e aínda que as chantadinas tiveron varios mans a mans, non puideron materializalo.
A SD Antas segue sumando pese a non ter o mellor dos partidos
Unha SD Antas superior sen ter o control do partido non pasa apuros para seguir sumando ante o Victoria.
O partido comezaba coas seoanesas levando a iniciativa, mentres que as locais – Victoria – tentaban recuperar e atacar polas bandas. Pero aí atopáronse con Eva e Santiso que fixeron un enorme traballo para truncar todo o perigo das rivais.
A SD Antas aproveitou o bo momento de forma de Iria que puxo un pase filtrado ás costas da defensa e Jenny , que non perdona no man a man. Jenny sería tamén a autora do 0-2 cun disparo dende a frontal da área.
Porén, o Victoria recurtou distancias no marcador cun penalti polémico.
Xa na segunda metade, os trocos introducidos por Dani Abelairas servíronlle á SD Antas para apretar arriba e evitar as transicións do Victoria que puideran xerar perigo.
Así chegou o gol definitivo, de Iria, que cunha volea coa zurda sorprendía á porteira colocando o 1-3 definitivo que pechou o partido.

O San Lázaro anótase unha nova goleada no Luís Bodegas
Nada puideron facer as monfortinas na casa para parar a boa xeria coa que seguen as lucenses. O 0-4 final é claro. Aínda que o San Lázaro se viu obrigado a non saír coas habituais, as xogadoras responderon ben aínda que non ocupaban a súa posición natural. Un partido con calor, no que o Monte Forte comezou buscando a profundidade polo costado dereito, pero un gran traballo de Hajar defensivamente truncou as aspiracións das locais.

O San Lázaro foi gañando posesión de balón e atopando o seu xogo, con balóns filtrados que conseguían chegar a Morgan e Euke para crear perigo. Aínda así, as dificultades chegaban para conseguir conectar o último pase de cara á porta que posibilitara o gol lucense. Pero finalmente chegou, unha boa xogada de Douaa Attouch (17′), que xa tivera anteriormente unha ocasión moi clara na que o balón saiu fóra lambendo o pau. O segundo, xa no 36′ chegou das mesmas botas de Douaa.
Co 0-2 ao Monte Forte súmanselle os problemas coa expulsión por dobre amarela de Ana Cristina Capellán. Tras moitos fóras de xogo do San Lázaro, chegou o terceiro gol do encontro que rompeu o partido totalmente para que, xa no 90′ e co partido decidido, fora María José Fernández quen sentenciara o encontro para o San Lázaro.

Con esta vitoria, as de Rubén Candal suman outra vitoria e seguen sen coñecer a derrota no que vai de competición. Cun balance de 5 partidos gañados e un empatado, colócanse na segunda posición, preto das primeiras clasificadas, a UD Santiso.
A Milagrosa cae pola mínima ante as líderes
Non puido gañar na casa a Milagrosa á UD Santiso, que segue invicta. Un partido no que as visitantes foron superiores en todo momento e no que a Milagrosa pareceu non confiar nas súas propias posibilidades en ningún momento.
Aínda que se adiantou a Milagrosa por medio de Irene García no 17′, o doblete de Elvira Pereiro decantou a vitoria do lado visitante. Cuarta derrota do curso para a Milagrosa, que se sitúa 9ª na táboa, con 6 puntos.
O Carballedo imponse no Catro Ventos
Se xa na anterior xornada Ari Chousa fixera un partidazo, neste non quixo menos e encargouse de abrir o marcador para o equipo local, que se faría coa vitoria final (2-0) grazas a outro gol, colleita de Sheyla Couso no 70′ para pechar o encontro.
Dende o inicio o Carballedo plantouse ben no partido, sabendo o rival ao que se enfrontaban e o respeto que debían terlle.
Así, na primeira metade as de Sementa optaron por un fútbol máis conservador e que lles permitiu chegar a ese primeiro gol no 21′ de Ari Chousa ademais de gozar dalgunha que outra opción clara que podería ter establecido unha distancia xa maior no marcador.

Tralo paso polos vestiarios, as de rosa saíron con máis ganas, maior ímpetu, pero non o balón non remataba de entrar na portería pese a que o dominio do Carballedo era notábel.
«O máis importante é que estamos comezando a atopar o noso xogo, cómo afrontar os partidos, dende os cambios a todas as xogadoras. Estou orgulloso de todas elas, de seguir sumando e traballando duro semana a semana«, destacou Sementa.
A Comercial fai un partido para enmarcar
2-0 se impuxeron as de Vicky ante o Arzúa FCF grazas ós goles de Diana Ardila e Lara Carrera, ambos pasado o minuto 80′ do partido.
Dende o comezo do partido as xogadoras do Comercial saíron ben ao terreo de xogo, mais ao achegarse o parón do medio tempo as dúbidas comezaron a entrar nas xogadoras lucenses e iso xerou que as rivais tiveran algunha ocasión, pero sen chegar a marcar.

Xa na segunda parte foi un dominio completo da Comercial, metida completamente no campo rival e con numerosas ocasións que salvaba a porteira, que tivo unha gran actuación. Foi chegando ao final cando, por fin, viron a recompensa con dous goles merecidos.
«Estou moi contenta co equipo, traballou duro e esta é a recompensa. Xogamos moi ben, con amplitude e dominio do balón», comentaba Vicky tralo encontro.
