Xornada de derbi provincial en Terceira RFEF, que rematou con triunfo do Viveiro no feudo dun Racing Vilalbés que non coñece a vitoria no 2023. Na Preferente a Sarriana empatou no sempre difícil campo do Sofán, mentres que o Ribadeo prosegue coa súa escalada e dobregou no Pepe Barrera ao Dubra. Triunfo tamén da Residencia na Cheda fronte ao Victoria e empate do Lemos na Pinguela diante do Montañeros. O Portomarín perdeu ante o Sigüeiro cun tanto no minuto 98.
O Viveiro gaña na Madela ao Racing Vilalbés e suma dez xornadas sen perder (0-1)
Xeiras inversas as dos dous representantes lucenses en Terceira RFEF. O Viveiro non perde desde mediados de novembro, mentres que o Racing Vilalbés non coñece o triunfo neste 2023. O derbi comezou igualado, co conxunto chairego levando a iniciativa e con chegadas por banda con Marcos Álvarez como protagonista, pero sen chegar a concretar ocasións claras de gol. Na primeira ocasión viveirense chegou o único tanto do encontro. Un centro de Barroso rematouno cun certeiro testarazo a última fichaxe dos celestes, o dianteiro Josemi. O propio Josemi tivo nas súas botas outra boa ocasión, pero disparou cruzado. O Racing xerou perigo a balón parado con ocasións de Vérez e Jose Varela.
Os de Simón Lamas saiu de vestiarios coa idea clara de empatar e Álex Pérez estivo a piques de logralo, pero aos dez minutos o colexiado amosoulle o segundo cartón amarelo a Buyo e ao Racing costoulle durante un tramo asimilar que xogaba cun menos. O Viveiro soubo defender ben o xogo do Racing Vilalbés, que malia a estar en inferioridade foi quen de ter o balón, aínda que sen xerar excesivo perigo. O Viveiro puido sentenciar nunha boa xogada individual de Christian, pero o seu disparo saiu lixeiramente desviado.


A Sarriana suma un punto no campo do Sofán para manter a primeira praza (3-3)
Encontro trabado e con moitas interrupcións nun campo de dimensións moi reducidas no que a Sarriana sumou un punto que a mantén no liderado. Non puido comezar mellor o partido para a Sarriana cun tanto no primeiro minuto de xogo obra de Diego Rey, a pase de Santín logo de roubarlle o balón ao defensa. Antes de cumprirse o minuto dez, o Sofán logrou o empate noutro roubo de balón que Jacobo Eibe que disparou desde medio campo e sorprendeu a Javi Liz. Xusto antes do intermedio de novo Jacobo Eibe puxo por diante ao Sofán cun lanzamento de falta.
A Sarriana voltou de vestiarios mellor e non tardou en igualar o encontro nun centro lateral que rematou Santín ao fondo da portería. A falta de trece minutos para o final, nunha falta lateral botada por Keko rematou Álex Pérez lonxe do alcance do gardameta monfortino Álex López, poñendo por diante á Sarriana. Preto do final, nun rexeite Brais Cancela estableceu o definitivo empate. Santín e Brais contaron con ocasións para traer os tres puntos para a Ribela.

O Ribadeo vence ao Dubra e adícalle a vitoria a Coki, lesionado de gravidade (2-0)
O bo encontro do Ribadeo quedou claramente ensombrecido pola grave lesión de Coki antes dos vinte minutos de xogo. O defensor ribadense fracturou tibia e peroné e tivo que ser evacuado en ambulancia do Pepe Barrera. Desde aquí desexámoslle unha exitosa recuperación.
Antes do parón por mor da lesión de Coki, o encontro resultou trabado, con moitas imprecisións, sen un dominador claro e sen chegadas claras ás áreas. Logo da reanudación o Ribadeo co paso dos minutos fíxose co dominio do xogo e contou con dúas ocasións claras de gol. A primeira, unha volea á reviravolta de Criss desde a frontal que rozou o longueiro e un balón que controlou Aitor logo dun envío longo de Diego Hermida, pero Fedello desbaratou o tiro do ribadense. O Dubra apenas chegou con perigo a área mariñá, salvo nun lanzamento lonxano de Álvaro Varela que detivo ben Carrera.
A segunda metade comezou da mellor maneira para o Ribadeo. O colexiado sinalou penalti por man dun defensor do Dubra e Xaime non errou desde os once metros. Co marcador en contra o Dubra fíxose co dominio do balón, pero o Ribadeo amosouse moi cómodo en defensa e saíndo á contra con moito perigo. De feito as ocasións máis claras foron para os de Dani Moirón. Un lanzamento ao pao de Xairo e un gran pase de Santi ao espazo que rematou co disparo de Aitor que o gardameta visitante enviou a córner. A falta de quince minutos para o final a zaga do Dubra non atinou a despexar un balón e Criss, moi atento, sentenciou o choque.
Un solitario gol de Iago Buján outórgalle tres importantes puntos á Residencia fronte ao Victoria (1-0)

O primeiro tempo foi de dominio visitante. O Victoria foi quen de xogar en campo contrario e aos de Dani Galán costoulles moito ter o balón e crear situacións de perigo. Malia todo, o conxunto coruñés apenas inquedou a portería de Diego.
Na segunda metade trocou o guión e a Residencia tivo o control do balón e logrou xerar ocasións de perigo ata que no minuto 61 chegou o único tanto do partido. Un centro de Dani Renda rematouno Esteban e o rexeite do gardameta recolleuno Iago Buján que non perdonou. Dani Renda e Iago Buján contaron con ocasións para sentenciar. O Victoria puido igualar nun remate de Óscar que se estrelou no pao. O rexeite caeulle ao propio atacante pero o segundo disparo detívoo providencial Diego.
O Lemos igualou sen goles na Pinguela diante do Montañeros (0-0)
Entrou mellor o Lemos ao encontro, sobre todo nos primeiros quince minutos nos que os pupilos de Óscar Moure chegaron con certo perigo á portería rival. Pouco a pouco o Montañeros fíxose co control do partido cun ritmo de xogo máis alto e contaron cun man a man que desbaratou Losada. Diego Torres tivo a máis clara para os monfortinos que detivo providencial Dani Moreno.
Na segunda metade o Montañeros tivo o balón e o Lemos defendeuse con éxito, e mesmo contou con máis ocasións que o rival para facerse cos tres puntos.
O Portomarín cede no último suspiro fronte ao Sigüeiro (0-1)
Encontro ao que o Portomarín chegou en cadro e mesmo o gardameta Lisboa entrou como xogador de campo nos últimos dez minutos. Ámbolos dous conxuntos optaron por un fútbol directo de comezo. O cadro local contou con varias opcións de gol no primeiro tempo nas botas de Hugo, e mesmo a piques estivo de acadar un gol olímpico por medio de Fran Pastor. O cadro visitante estrelou un disparo no pao preto do descanso.
Na segunda parte o Portomarín meteuse máis atrás e notaron o baixón físico por mor da falta de efectivos e o Sigüeiro contou con varias ocasións de perigo desbaratadas gracias á boa labor de Chumi. O único tanto do encontro chegou no minuto 98 nun penalti claro cometido por Iago e que transformou Santi De Prado.
