O Viveiro das primeiras veces a ritmo de vitorias

O noveno capítulo da Terceira deixou pleno de vitorias na provincia. Un feito que acontece por primeira vez neste curso. Aínda que houbo algunhas xornadas nas que se aprazaron os partidos dos equipos lugueses. Entre eles un Viveiro cuxos xogadores seguen estreándose. No resto da competición os #LucensesNaTerceiraGalega tiveron sorte dispar.

A primeira vez de…

As estreas do Viveiro esta tempada son constantes. Había catorce anos que o equipo da vila do Landro non estaba en Terceira. Por iso que moitos dos seus xogadores debutan na categoría e conseguen feitos por vez primeira. A finde foi o gol de Rolle. E na xornada intersemanal foi o dobrete de Álex Meitín. O atacante marcou os seus primeiros goles en 3ª. Ademais debutou co equipo celeste o xuvenil Xoel Trasancos Atadell. Catorce xogadores da provincia estiveron no céspede do Poboado. O Viveiro sumou o cuarto triunfo do curso.

Tichu é o máximo goleador do Viveiro con tres goles

Os triunfadores:

O Arousa sacou tres novos puntos nos últimos intres do seu duelo ante o Estradense. Ross foi de novo titular no líder do grupo B. Xogou todo o partido.

O Arenteiro tenta seguir a estela do conxunto de Vilagarcía. Os futbolistas adestrados por Fran Justo venceron ao Pontellas. Non contou con participación Víctor Eimil. O vilalbés viña de enlazar dúas titularidades consecutivas.

No grupo A, o Fabril volveu ao camiño da vitoria. E iso que comezou perdendo. Remontou en Abegondo ante o Agrupación Estudiantil Vista Alegre. Diego Villares xogou os 90 minutos de xogo.

Primeira vez na temporada que o Arzúa non conta con participación lucense. Nas oito anteriores xornadas sempre houbo, polo menos, un representante da provincia no once de Javi Rey. Desta volta, Álex Vázquez e Brais Prieto formaron parte da convocatoria pero non gozaron de minutos. Pedro Delgado foi sancionado con tres encontros na anterior xornada. Non poderá xogar ata o ano que vén.

A piques estivo o Fisterra de levar un punto das Eiroas. Pero o Bergantiños marcou o gol da vitoria nos últimos intres. Xusto pouco despois de que os pupilos preparados por Jaime Sánchez igualaran o duelo. Ramón xogou o seu terceiro partido seguido como titular na porta do Fisterra. É a súa mellor xeira continuada nun once titular na Terceira División. No conxunto de Carballo, Iago López continúa recuperándose da súa lesión.

Os partidos con máis lucenses:

O de Portomarín Dani Vidal é un dos fixos dos onces de Álex Ortiz

Once xogadores lucenses pisaron este martes á Madalena no tempo de partido. Dez deles no Racing Vilalbés. Con cadanseu gol de Gegunde e Cuadrado. Santi leva cinco e Fernando catro en total. Por parte do Somozas tivo minutos o viveirense Aldán Naval. Entrou no minuto 71 substituíndo a Luis Chacón. Neses momentos o encontro ía 2-0 e finalmente quedaría 2-1.

Cinco futbolistas da provincia citáronse no tempo de xogo na Cheda. Catro deles con participación no Polvorín. Aínda que houbo troco na portería. Por primeira vez na tempada non xogou Julen e tivo minutos o vilalbés Ángel Fraga. O filial albivermello derrotou pola mínima ao Silva. No equipo coruñés Xusto volveu ser da partida e xogou todo o encontro.

Catro representantes de Lugo no Couto. Novo empate do Choco. O cuarto da campaña. Desta volta ante a UD Ourense. O mediocentro Alberto Suárez xogou todos os minutos. O partido estivo arbitrado por un trío lucense. Jorge Méndez dirixiu o choque asistido nas bandas por Alberto Blanco e Pedro Castro.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario