O tempo de desconto, clave para Polvorín e Racing Vilalbés

Boa parte dos conxuntos de Terceira División disputaron entre semana algún dos seus encontros adiados no seu día por mor de positivos en Covid-19. Polvorín e Racing Vilalbés disputaron sendos partidos, diante de Fisterra e As Pontes respectivamente. Ámbolos dous acadaron un punto, pero que deixou distinto sabor de boca. O do filial albivermello foi acadado no desconto, mentras que o cadro chairego viu tamén no tempo engadido como voaba unha vitoria que xa tiña no peto.

O Polvorín acadou un punto no Ara Solis nun encontro moi parello (1-1).

Álex Ortiz revolucionou o once titular do Polvorín. O adestrador realizou cinco trocos respecto do encontro da pasada xornada dando entrada ao gardameta Ángel Fraga,  Jesús e Martín na liña defensiva e o capitán Marcos e Fidalgo na creación.  O encontro estivo condicionado polo forte vento nun campo de reducidas dimensións como é o fisterrán.

A intensidade dos dous equipos nas disputas foi do máis reseñable no primeiro tramo de encontro, no que o Fisterra gozou das mellores ocasións. En dous saques de banda a piques estivo o cadro local de anotar por medio de Eloy e Capelo, pero Ángel Fraga interviu con éxito. Tanto na primeira metade, como despois do paso por vestiarios, Fisterra e Polvorín optaron por realizar un fútbol moi directo, con escaso protagonismo do centro do campo.

Os tantos non chegaron ata os últimos compases de encontro. Cando xa parecía inamovible o marcador inicial, un saque en longo do gardameta local Iván Bouzón fixo dubidar a Quindimil e o balón quedoulle franco a Marcote, que rematou a xogada cun lanzamento cruzado que se colou pola escadra.

Non se rendiu o filial albivermello e no minuto 93 obtivo o premio do empate. Antón Escobar recibiu o balón na frontal da área e o seu remate superou ao gardameta fisterrán, tamén moi preto da escadra.

Con 28 puntos, o Polvorín mantense na terceira posición a cinco do segundo clasificado, o Somozas.

O Racing Vilalbés cedeu dous puntos no Poboado no tengo engadido (1-1).

Non se leva ben o cadro chairego co tempo engadido esta campaña. Paiosaco, Fabril ou As Pontes foron quen de arañarlle puntos aos de Simón Lamas no tempo extra. O técnivo vilalbés non puido contar co sancionado Pedrosa e deulle entrada no seu sitio a Aitor. López voltou ao lateral dereito e Bruno Caballero ao centro da defensa en sustitución de Muiña.

O Racing foi mellor no primeiro tempo. Tivo o control do balón e xerou situacións de certo perigo ante a meta de Bugy. No ecuador do primeiro acto chegou o tanto de José Varela, logo dun disparo cruzado desde o vértice da área. O cadro local non inquedou a portería de Javi Rumbo nos primeiros corenta e cinco minutos.

Ao comezo da segunda metade, o As Pontes quedou cun home menos logo de que Manu Moya vise o segundo cartón amarelo. A falta de acerto privou ao Racing de sentenciar o encontro. Cuadrado e Aitor, en dúas ocasións, tiveron claras ocasións para deixar o encontro visto para sentencia. Pero os pupilos de Chollas non lle perderon a cara ao encontro e tiraron de orgullo para manterse no encontro. Artai atopouse coa boa intervención de Javi Rumbo na mellor ocasión local, ata que xa co tempo cumprido o ex fabrilista Adrián Martínez acadou o empate.

O Racing Vilalbés é cuarto na clasificación con 25 puntos, malia sumar a cuarta xornada sen acadar a vitoria.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario