#Fútbol afeccionado #Feminino

O San Lázaro asina unha semana de catro puntos

O San Lázaro regresa ao segundo posto despois de sumar catro puntos na pasada semana. Un botín que lle asegura o play off de ascenso ao histórico club lucense. O venres aguantou o 2-1 que ostentaba ante o Cruces, nese fugaz desenlace de menos de dez minutos. E o domingo conseguiu un empate ante o Bandeira. As de Luchi abriron a lata moi pronto ante un rival que igualou preto do intermedio. As da Ponte pecaron de novatas e contaxiáronse do ritmo dun Bandeira conforme co empate. Nos últimos compases, o San Lázaro buscou o gol do triunfo. Non chegou. Por certo, Jenny segue sen xogar coas capitalinas.

O Chantada impúxose nun derbi moi limpo e cheo de ocasións ante a Milagrosa. A boa posta en escena das de Héctor Expósito difuminouse con dous goles consecutivos da escadra de Gorry. As do Sangoñedo creceron desde a pegada ata dominar por completo o duelo. Ángeles foi a gran protagonista do partido ao asinar un hat trick.

No outro dos choques entre representantes lucenses, o San Roque mandou no Luis Bodegas. Dous erros defensivos do Monte Forte puxéronlle a vitoria en bandexa ás de Quiroga. Na segunda metade, aumentou a superioridade verdibranca e o resultado puido ser máis avultado.

O líder solventou a difícil papeleta dun Touro que mereceu algo máis. Nuria Meijide liderou ás de Geluco Villar nun encontro marcado polo golazo de Nere Lombardero e un importante erro arbitral, que rematou sendo un dos tantos lucenses. A igualdade reinou neste partido entre dous dos equipos da zona alta da clasificación. Aínda así, dous goles en tres minutos (rozando o tempo de lecer) outorgáronlle o triunfo ao PM Friol B. Unha semana máis, o conxunto da Reigosa non volveu presentar adestrador en acta.



Por último, o bo partido da Comercial non obtivo premio. O cadro de Vivian Dors cedeu os tres puntos en dous detalles ante o Cruces. Diana adiantou ás vermellas ante un rival que empatou xusto antes do descanso. Á volta dos vestiarios, as visitantes asestaron o golpe definitivo.

Outra xornada agria foi a que viviu o Carballedo. As de Sementa dominaron durante os 100 minutos do encontro. Desperdiciaron un feixe de ocasións claras, incluídas dúas a porta baleira, e deixáronlle os puntos ao EF Silleda. As pontevedresas levaron a vitoria nun contragolpe no ecuador da primeira metade.

O CD Lugo deixou os deberes para a segunda metade

Alex, porteira do Monte Forte, un dos grandes nomes do derbi ante o San Roque

Na Primeira vivimos o xa tradicional cara e cruz desta tempada. O CD Lugo protagonizou a boa nova desta última data ao superar por 0-3 ao Narón O Freixo. O partido semellaba cómodo a priori. Porén o Lugo compricouse no primeiro tempo. As de Joaquín Blanco tardaron en adaptarse ao céspede natural de Río Seco. O xogo careceu da fluidez necesaria e as albivermellas desperdiciaron as poucas oportunidades claras que tiveron. As lucenses melloraron na reanudación, movendo ben o balón e xerando perigo constantemente. Así chegaron tres goles como tres soles.



O outro lado da moeda foi para o Antas. Un Victoria B moi combinativo e vertical non lle da opción ás de Dani Abelairas. A fraxilidade defensiva das da Ulloa condicionou un choque no que debutou outra xogadora da base do Castro Seoane. Melanie xa sabe o que é xogar co primeiro equipo.

O PM Friol, a un pequeno floco do descenso matemático

A agonía do PM Friol na Segunda RFEF está a piques de rematar. O cadro de Covi Regueiro queda a doce puntos da salvación, con doce por disputarse, despois de caer pola mínima no fuedo do Athletic C. Un solitario gol de Mara na segunda metade supuxo a última greta sen selar deste barco á deriva.

A falta de catro xornadas, só unha miragre de extensións bíblicas podería salvar ao club de Geluco Villar. Tería que ver como o Interrías perde os seus catro encontros restantes ao tempo que o PM Friol os gañase. Ademais, estaría obrigado a mellorar considerablemente o ‘golaverage xeral’ (o particular co Interrías está empatado). O equipo de Sanxenxo conta cun -7 polo -32 das de Friol.

Resultados da xornada

Athletic C 1-0 PM Friol

Narón O Freixo 0-3 CD Lugo



Antas 1-9 Victoria CF B

Milagrosa 0-4 Chantada

Monte Forte 0-3 San Roque

PM Friol B 2-0 Touro

San Lázaro 1-1 Bandeira

EF Silleda 1-0 Carballedo

Comercial 1-2 Cruces

O San Lázaro asina unha semana de catro puntos

O All Star xogarase no Viñas da

O San Lázaro asina unha semana de catro puntos

Un novo equipo de Pri-Meira e os

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *