O Cazás está firmando unha tempada para os libros de historia da entidade na Terceira Futgal. Dende que o equipo está federado, nunca chegaron ás cotas nas que se sitúan neste momento. Un terceiro posto na Liga permítelles estar por primeira vez na súa historia na promoción de ascenso. A este fito histórico hai que engadir que este fin de semana venceron ao Castroverde por 3-2 na Copa, o que lles permite alcanzar os cuartos de final tamén por vez primeira.
Un encontro para o recordo do Cazás
O Cazás puido conseguir facer a súa mellor actuación no seu tempo de vida na Copa tra unha vitoria nun encontro ante o Castroverde que non decepcionou a ninguén. Ángel, adestrador dos lucenses, afirmou que «o partido foi coma os que disputamos contra o Castroverde, moi igualados e con moita loita, ata o final o encontro estivo loitado». No descanso, os locais vencían por 3-1, pero un gol de David Muñíz fixo que saltasen todas as alarmas ata o pitido final do árbitro.
Chegar a estas alturas no torneo do KO fai que o curso do Cazás viva a que para o seu adestrador é «a mellor tempada da nosa historia». Ángel afirma que dende o vestiario «estámola vivindo ben, somos un grupo estable que vén de anos malos e que este ano as novas pezas que viñeron están aportando un plus que necesitabamos». O técnico tamén engade que a chave desta tempada é «o éxito do grupo que fai que estemos xogando coma nunca nos últimos quince anos».
Un playoff que ilusiona ao cadro
O Cazás ten agora todos os ollos postos na primeira fase do playoff de ascenso á Segunda Futgal, algo que ilusiona a un equipo co que non moita xente contaba ao comezo da campaña. «Chegamos ao playoff con moita ilusión e sen nada que perder, acabamos terceiros cando ninguén contaba con nós e temos moitas ganas. O equipo vai dar todo o que ten para intentar conseguir o ascenso», afirma o técnico do conxunto lucense.


A promoción para eles comezará ante o Abadín este domingo ás 16:30 horas e a volta será no campo do Cazás ao quedar coma terceiros clasificados da liga regular do grupo norte. Inda que o estímulo da Copa está aí, no grupo teñen clara a prioridade do curso. «Ascender é un soño para nós. Temos unha gran ilusión na copa e sabendo que xogamos contra o Folgueiro outra vez no noso campo pero o ascenso é a nosa principal prioridade», afirma Ángel.
