O Viveiro conseguiu no anterior fin de semana a súa primeira vitoria do ano 2025 ante o Silva por 2-0 nun encontro onde os da Mariña conseguiron traducir a súa mellora de sensacións das últimas xornadas en tres puntos que manteñen ao clube fóra dos postos de descenso. Os de Adrián Benavides atópanse inmersos na loita pola permanencia na Terceira RFEF e este domingo intentarán asaltar o campo do Alondras para manterse alonxado do perigo
O primeiro tanto da tan ansiada vitoria do Viveiro foi Arturo Calvo. O dianteiro pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do último encontro, da mellora dende a entrada de Adrián Benavides, a loita pola permanencia e o encontro deste domingo ante o Alondras.
Vitoria ante o Silva: «Foi unha vitoria que necesitábamos coma auga de maio. Levabamos moito tempo sen conseguila e traballando moi ben para acadala. Sabíamos que o momento ía chegar e por fin lográmolo este fin de semana. O partido foi moi complicado, na primeira parte fomos superiores pero sen definir e foi na segunda que, inda que sufrimos no comezo, tiven a fortuna de marcar e a partir de aí o partido foi de cara e puidemos lograr unha maior renta».
«Adrián inculcou no Viveiro que tiñamos que parar a sangría de goles»
Mellora de sensacións: «Adrián Benavides inculcou no Viveiro que tiñamos que frear a cantidade de goles que recibíamos. Somos o máis goleador da zona baixa, pero non podemos necesitar marcar tres para poder sumar puntos. Cortamos esa sangría centrándonos no bloque e en conseguir unha maior solidez defensiva porque arriba temos o talento suficiente para xerar perigo e gañar os partidos».


Permanencia: «Agora mesmo estamos con dous puntos de marxe pero hai moitos equipos involucrados. Nos últimos anos no Viveiro estamos acostumados as augas revoltas e xa sabemos xogar este tipo de encontros. A clave vai estar nos partidos na casa, que este ano está a ser o noso talón de aquiles porque non nos fixemos fortes en Cantarrana coma en anos anteriores, pero se nos facemos fortes conseguiremos o obxectivo.