#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Ribadeo sorrí á novena tentativa

Tres vitorias dos conxuntos lucenses na Terceira RFEF temos que celebrar neste Trío de Ases O Cantón. Só a Sarriana perdeu na súa visita a un renacido Alondras. O Racing Vilalbés venceu no campo do Gran Peña e o Polvorín fixo o propio no do Somozas. Ámbolos dous tiveron que remontar o tanto inicial do seu rival. O Viveiro venceu no campo do Silva nun encontro que supuxo a despedida do banquiño de Jandri Rego. O conxunto celeste, dun xeito sorpresivo e co equipo fóra dos postos perigo, cesou ao técnico mariñán na metade da semana, sen ter en conta o resultado do encontro disputado na Grela, e contratou ao veterán Fabri González. Un adestrador curtido en mil batallas, pero que nunca dirixiu na Terceira RFEF e inactivo desde o ano 2019.

Na Preferente, o Ribadeo saiu da derradeira praza da clasificación tras sumar a primeira vitoria do curso. Foi no Pepe Barrera diante do Ordes. O Lemos igualou na Pinguela co Paiosaco e o Escairón fixo o propio no campo do Sofán. O Pol non puido sumar no difícil campo do Miño.

A mala primeira metade condea á Sarriana no campo do Alondras (2-1)

Non comezou ben a Sarriana á que lle costou meterse no partido. Malia todo foi o primeiro en xerar perigo cun bo centro de Tomás que non atopou rematador por pouco. O Alondras non tardou en atopar premio ao seu dominio e primeiro Goitia cun disparo desde fóra da área e Manu Freire, despois, coa colaboración dun defensor sarriao puxo terra de por medio.



Jaime Paz revolucionou o equipo no descanso con catro trocos e a Sarriana mellorou notablemente. Aínda que logrou xerar perigo o gol no chegou ata o minuto 80 nunha xogada de estratexia comezada por Boedo que Azael rematou ao fondo da portería. Tentouno a Sarriana nos últimos intres sen éxito.

O Racing Vilalbés volve a postos de play off tras vencer ao Gran Peña (1-2)

O encontro non comezou ben para os chairegos. Aos catro minutos, Toni Armada desbordou a Buyo e desde o perfil dereito do ataque colocou o balón na escadra de Álex Santomé. O conxunto local foi superior boa parte do primeiro tempo gracias á súa movilidade e aos espazos que concedeu o Racing. Á media hora de xogo o Gran Peña desperdiciu unha pena máxima. Edu lanzou fóra e o erro fíxolle despertar aos de Alberto López. O Racing colleu o mando do encontro. Avisou Cadra cun remate de cabeza ao pao, e pouco despois Martín non perdonou e fixo o empate á saída dun córner.



No segundo tempo o Racing Vilalbés foi superior ao Gran Peña. A entrada de Javi Rey deulle máis chegada á área rival e contou con boas ocasións nas botas de Cañi, Asier ou Anthony. O tanto da vitoria chegou a falta de cinco minutos, obra de Cañi. O Gran Peña, nunha acción de estratexia, estrelou un balón no pao no desconto.

O Polvorín remonta no campo do Somozas e achégase á zona de privilexio (1-2)

Cuarta xornada sen perder do Polvorín nun encontro no que o filial albivermello dominou o primeiro tramo de partido, pero faltoulle agreseividade en campo contrario. Rubal e Víctor Casais contaron coas ocasións máis claras para adiantarse no marcador. O Somozas, no último tramo do primeiro tempo, comezou a xerar fútbol por medio de Álex Ares, aínda que sen xerar perigo diante de Candal.

O segundo tempo comezou con ocasións para os dous conxuntos. Víctor Casais errou cando o banquiño xa cantaba o gol. O encontro entrou nunha fase de descontrol que rematou co gol local. Un lanzamento de falta que Candal non pode blocar rematouno ao fondo da portería Juan Cambón. O ida e volta no que se convertiu o encontro saiulle de cara ao Polvorín. Víctor Casais, a servicio de Noah, igualou o encontro no minuto 81. No desconto, Ju viu a liña defensiva adiantada do Somozas, e conectou un bo pase a Víctor Casais que cedeu para o gol de Padín.

O Viveiro vence ao Silva na Grela e Jandri Rego despídese con orgullo e a cabeza alta (0-2)



Non era un encontro máis. O corpo técnico do Viveiro sabía desde a metade da pasada semana que estaba cesado, independentemento do resultado do encontro fronte ao Silva, e o equipo ao completo deu unha lección de profesionalidade. E o partido comezou da mellor maneira. Adri Lombao colocou un bo balón para Germán e este non errou diante do gardameta rival. Os mariñáns amosáronse moi serios en defensa e souberon conter a un Silva que mellorou co paso dos minutos. Rodri Alonso e Hugo Baldomar puxeron a proba ao gardameta Ayoub. Antes do descanso, German fixo o segundo ao rematar un saque desde o curruncho.

No intermedio o Viveiro conxurouse para evitar o acontecido nas dúas xornadas anteriores e o equipo puxo a funda de traballo. A liña defensiva e o gardameta Ayoub raiaron a un gran nivel e impediron que o conxunto coruñés se achegara no marcador. Adri Lombao contou cunha boa ocasión para sentenciar.

Na vindeira xornada, Fabri González debutará no banquiño de Cantarrana

O Lemos iguala co Paiosaco na Pinguela e suma catro xornadas sen gañar (0-0)

Encontro parello no que o Lemos comezou mellor e chegou con perigo á área rival. Adri Salgado e Varela lograron perforar a portería do Paiosaco, pero en ámbalas ocasións o colexiado invalidou os tantos por fóra de xogo. A partir do ecuador do primeiro tempo, os visitantes colleron o temón e fixeron intervir con éxito a Losada. Xusto antes do descanso, o Lemos tivo un arreón no que Adri Salgado contou cunha boa ocasión para marcar.

No segundo tempo, os dous conxuntos quixeron ir a polos tres puntos. Armesto, Varela e Aissa tiveron boas ocasións, pero o Paiosaco respostou chegadas con moitos perigo que Losada detivo de xeito providencial. O encontro rematou accidentado para os monfortinos. Nacho viu o cartón vermello e Diego Torres saiu mancado no seu xeonllo.

O Escairón acada un valioso punto no campo do Sofán (2-2)

Encontro complexo no reducido campo do Sofán no que o Escairón soubo competir e logrou un bo punto. O fútbol directo predominou ao longo dos noventa minutos. Sanginés contou cunha clara ocasión para facer o primeiro tras un bo servizo de Adri, pero foi o Sofán o que se adiantou cun gol de Iván Martínez tras rematar un saque de banda no corazón da área. Xusto antes do intermedio, Sanginés igualou o choque cun tanto moi similar ao logrado polo Sofán.

No segundo tempo o Sofán estivo mellor e o Escairón tivo que defender a súa área. Nunha rápida contra, Martín Pereira volveu a poñer por diante aos de Carballo. A falta de seis minutos para o final chegou o gol do empate. Un balón longo de Lamelas controlouno Vilachá, este conectou con Ahmed que superou a Pablo no un contra un. Terceira xornada sen coñecer a derrota para os de Óscar Moure.

O Pol cedeu no último cuarto de hora fronte ao Miño (2-0)

O Miño tivo a posesión no primeiro tempo e tratou de inquedar a un Pol que amosou un gran nivel defensivo. Os de Roberto Fernández buscaron saír á contra e estiveron cómodos nun dos campos máis difíciles da Preferente. Ámbolos dous conxuntos tiveron algún achegamento á portería rival sen que houbera claras ocasións de gol.

A segunda metada resultou moi igualada. O Pol logrou realizar transicións rápidas, pero non foi capaz de convertir as ocasións que xerou, a máis clara un lanzamento ao longueiro. O cadro local adiantouse no minuto 78 nunha xogada a balón parado que Candal enviou ao fondo da portería. No desconto Pájaro sentenciou o choque para o Miño.

O Ribadeo vence por primeira vez no debut no Pepe Barrera de Luchi (2-1)

Á novena tentativa chegou a vitoria do Ribadeo. Foi no primiero encontro como local de Luchi como adestrador. O partido comezou moi parello, cun Ordes que realizou unha presión moi alta que dificultou a saída de balón dos mariñáns. Os visitantes contaron cunha boa ocasión de gol, pero co paso dos minutos, o Ribadeo fíxose co dominio do xogo e nunha boa saída de balón, Álex Meitín gañoulle a espalda á zaga e superou a Manu Castro.

No segundo tempo o Ordes saiu mellor ao campo aínda que as ocasións eran para o Ribadeo. Os pupilos de Luchi contaron con boas opcións de gol que non lograron concretar. A falta de vinte minutos para o final, á saída cun córner Diego Martínez logrou o empate. As esperanzas ribadenses de lograr a primeira vitoria da temporada decaeron pouco despois ao quedar cun home menos. Aitor viu o cartón vermello directo por protestas ao colexiado. O Ribadeo recompúxose e no minuto 80 Mario rematou ao fondo da portería un saque de esquina.

O Ribadeo sorrí á novena tentativa

Os Máxicos da 9ª xornada

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *