Inmellorable comezo do Racing Vilalbés na Segunda RFEF. Os chairegos mantéñense invictos logo de sacar os tres puntos na visita ao campo da Arandina. En Terceira RFEF, o derbi da Ribela entre a Sarriana e o Polvorín rematou con triunfo visitante. O Viveiro sacou un valioso punto do campo do Alondras. Na Preferente, a Residencia venceu no derbi provincial co Castro, mentres que o Lemos empatou na Pinguela fronte ao Boiro e o Ribadeo perdeu de xeito abultado no campo do San Tirso.
Un tanto de Javi Rey no desconto dalle os tres puntos ao Racing Vilalbés en Aranda de Duero (0-1)
Encontro bastante pechado na primeira metade, que resultou igualado nos primeiros compases, pero co paso dos minutos o Racing Vilalbés chegou con certo perigo á área rival. Unha acción clave do encontro tivo lugar no minuto 40 cando o último defensor local derribou a Álex Pérez e o colexiado ensinoulle cartón amarelo. A acción foi moi protestada polos chairegos ao considerar que a acción era merecedora de expulsión.
A Arandina saiu mellor de vestiarios e xerou dúas ocasións que desbaratou o debutante Arturo, que xogou ante a baixa de Álex Santomé. A partir do cuarto de hora de xogo, o encontro virou a favor do Racing que tivo as opcións máis claras de gol. Rares e Quico tiveron as máis claras. O tanto non chegou ata o minuto 95, nun balón en longo de Santi Gegunde a Isaac, que se foi do seu par e o pase atrás rematouno Javi Rey ao fondo da portería.


Un postreiro tanto de Julio sírvelle ao Polvorín para levar o derbi da Ribela (0-1)
Primeira metade sen apenas ocasións de gol nunha tarde na que a calor apretou na Ribela. O Polvorín tivo máis a posesión diante dunha Sarriana máis replegada, pero os porteiros non tiveron traballo antes do intermedio.
O segundo tempo foi diferente. Abriuse o encontro e o filial albivermello puxo en serios apretos a Javi Liz e Hugo García conectou un testarazo que saiu lambedo o pao. A Sarriana tamén tivo as súas opcións nas botas de Diego Rey e tamén cun disparo de Boedo que detivo o gardameta lucense. Pero a máis clara para os de Jorge Cuesta tívoa Brais Prieto. O lanzamento do xogador do Valadouro estrelouse no pao e o balón paseouse pola liña. Pouco despois chegou o único gol do encontro. Nun centro lateral, o esférico quedou morto na área e Julio empurrou o balón ao fondo da portería.

Bo punto o acadado polo Viveiro no sempre difícil campo do Alondras (0-0)
O Viveiro realizou un gran partido no Morrazo e arañou un valioso punto. Os pupilos de Alberto López neutralizaron moi ben o xogo do rival cunha presión alta e controlando o xogo por dentro. Os mariñáns tentaron saír en rápidas transicións con Adrián, Mauro e Gamarra xerando situacións de perigo. Este último contou coa opción de gol máis clara cun testarazo que saiu rozando o pao.
A segunda metade resultou moi táctica e escasa de ocasións de gol. O cadro local apenas chegou á portería defendida por Ayoub, mentres que o Viveiro inquietou por banda dereita cun incisivo Cora, pero os seus centros non atoparon finalizador.

O Lemos mantense invicto logo de igular co Boiro un encontro que se puxo costa arriba (2-2)
Primeira metade de dominio visitante. O Lemos non soubo axustar a súa defensa ao modelo de ataque dun Boiro que xerou moito perigo sobre a área monfortina. En vinte minutos os visitantes lograron os dous tantos. Mario Prol anotou o primeiro logo dun bo pase atrás dentro da área. O segundo foi obra de Saro ao aproveitar un rexeite de Losada.

O segundo tempo foi outra historia. Óscar Moure trocou de sistema e pasou a xogar cunha liña de cinco defensas. A estratexia deu os seus froitos. O Lemos foi dominador e meteu ao Boiro moi preto da súa área. O primeiro tanto chegou logo dun centro que o lateral visitante Pablo Vidal empurrou para a súa propia portería. Os monfortinos seguiron asediando a portería boirense e no minuto noventa, Varela aguantou moi ben o balón de costas, cedeu a Diego Torres que fusilou a Mario Barreiro.
O Ribadeo colleitou unha dura derrota na súa visita ao San Tirso (4-1)
Os triunfos con certa solvencia no Pepe Barrera contrastan coas contundentes derrotas lonxe del neste comezo ligueiro. No campo do San Tirso, os mariñáns repetiron o resultado colleitado fai dúas semanas na Pinguela. O Ribadeo chegou media hora tarde a un partido que xa perdía por dous tantos. Unha volea de Segade serviu para adiantar ao cadro local e Denis, nun saque de córner, rematou o segundo. Co paso dos minutos, os de Dani Moirón colléronlle o pulso ao encontro e recurtaron diferencias logo dun penalti cometido sobre Álex Meitín. Xaime non errou desde os once metros.
O segundo tempo comezou parecido ao primeiro e o San Tirso en tan só cinco minutos sentenciou o choque, con tantos de Iago e Denis. Con máis corazón que cabeza, o Ribadeo buscou recurtar diferencias, pero apenas logrou inquietar ao gardameta local.
Unha Residencia máis atinada cara a portería leva os tres puntos diante do Castro (2-0)
Encontro con dúas metades diferenciadas. Na primeira viuse un bo xogo por parte dos dous equipos e a Residencia tivo as mellores ocasións. Txiki avisou aos dez minutos, e cinco máis tarde, un erro do gardameta chairego nun balón en longo de Dani Renda aproveitouno Txiki para facer o primeiro. Sobrepasada a media hora de xogo, un centro de López desde a banda dereita rematouna Txiki ao fondo da portería. O Castro contou con dúas ocasións, a máis clara nas botas de Marino, pero o seu lanzamento desviouno Diego a córner.
Na segunda metade o xogo foi menos vistoso e o Castro contou coas mellores ocasións, chegando a estrelar dous balóns no pao.
