A xornada do Trío de Ases da Panadería O Cantón estivo eclipsada por dous homes que, cos seus dobletes, decantaron o destino dos seus equipos. Andoni decidiu un dobrete o derbi entre a Sarriana e o Viveiro, mentres que Adri Castro fixo o mesmo para que o Racing Vilalbés firmase a súa primeira vitoria da tempada na Terceira. Ademais, o Lemos ponse como colíder sendo o único equipo da Preferente Sur que non encaixou. No resto de encontros, o Pol e o Chantada sumaron empates que souberon a moi pouco, mentres que o Burela non puido sacar nada positivo da súa visita ao Galicia Mugardos.
Os puntos do derbi da Terceira quedaron na Ribela
A Sarriana e o Viveiro enfrontáronse no primeiro derbi provincial da tempada que tiña moitos alicientes. Ademais de ser un encontro de veciños na Terceira, a afección de Sarria tiña ganas de ver por primeira vez o novo céspede da Ribela. O equipo tamén as tiña e así quedou latente desde o comezo, xa que colleron o mando do encontro para poder ir a pola vitoria. Tiveron varias oportunidades claras, pero non foi ata que Arona, que entrou por lesión de Osián, colgou un balón á área no minuto 34. O rexeite quedou perfecto para Andoni, que abriu o marcador.
A segunda parte comezou dun xeito moi diferente. Ningún dos dous equipos acadaba conseguir o rumbo do encontro e tanto Viveiro como Sarriana devolvían golpes sen ter o éxito que precisaban para batir ou a Pirot ou a Ayoub. A Sarriana esperou ata o minuto 60 para acadalo e fíxoo coa mesma fórmula. Arona desde a banda volveu atopar a Andoni, esta vez directamente, e o mediapunta vasco puxo o 2-0 final. Os de Alberto Mariano colleron o mando do encontro, pero non o materializaron en máis goles. Iso si, o que teñen ata o momento é o liderado da Terceira, mentres que os mariñáns se atopan no descenso e esperando por inaugurar o seu saco de puntos.
De arrollar a pedir a hora
O Racing Vilalbés conseguiu a súa primeira vitoria do curso nunha das visitas máis complicadas do curso ante o Atlético Coruña Montañeros (2-3). Os chairegos tiveron un plan de encontro que nos primeiros 45 minutos, saiu perfecto. Tanto foi así que en tres transicións viron a porta. Javi Muíño foi quen de darlle dous goles a Adri Castro, que se estreou co conxunto da Magdalena, e de aproveitar un pase de Make para facer o seu propio tanto. Coa velocidade e aproveitando as oportunidades, os de Juan Rodríguez chegaron ao descanso cun 0-3 que firmaban antes de comezar.

Pero todo se foi complicando na segunda parte. Os coruñeses adiantaron moito máis as liñas e atoparon o primeiro tanto no tramo inicial por parte de Moreta. As dificultades eran maiores e, nunha acción desafortunada, Vérez meteuna na súa propia portería tras un rebote. Os chairegos axustaron para ter máis presenza en campo rival, pero a través do sufrimento lograron tres puntos ante un dos que, a priori, será un dos grandes candidatos a conseguir o ascenso na Terceira RFEF.

O Lemos exhíbese a porta pechada
O Lemos acada unha gran vitoria por 3-0 ante o Alertanavia nun encontro moi atípico por unha causa. Despois de todo o que aconteceu na final da promoción á Terceira ante o Portonovo no encontro de ida da Pinguela, este primeiro partido na casa non puideron ter á súa afección no campo. Iso si, todo arrincou con moitas ganas por parte dos monfortinos, xa que Iñaki puxo o primeiro tanto no marcador no minuto 7. Antes do descanso, foi o turno de Íker Calleja, que marcou un golazo cun remate ao pau curto pola escuadra para facer o segundo.
Por se fora pouco, os de Alberto López sentenciaron o encontro pouco despois do inicio da segunda parte. Despois de ingresar no campo, Youness aproveitou unha xogada de estratexia para facer o terceiro tanto. As ocasións mantiveronse no bando do Lemos, cun Herrero moi participativo que non puido ter o premio do gol despois de tres ocasión moi claras. Nos derradeiros íntres, Pablo Losada conseguiu varias paradas que lle permiten ao seu equipo ser o único da Preferente Sur en ter a portería a cero despois dos primeiros 180 minutos de campaña.
A arbitraxe fai que o Pol non poida sumar de tres
O Pol inaugurou a xornada o sábado ante o Puebla nun encontro que se veu arriba moi pronto por parte dos dous equipos (2-2), pero no que a arbitraxe rematou xogando un papel importante para o final do partido. Ben é certo que os de Labrada comezaron con todo e no inicio Andrés atopou a Javi Rey para que fixese o primeiro. Pouco despois, Javi Liz aproveitou a presión alta para mandar un balón en longo a Fito, que se revolveu desde lonxe para facer un dos goles da tempada. Tamén lles anularon outro por falta ao porteiro.
Todo parecía controlado ata a pausa de hidratación, onde nunha xornada por banda dereita aproveitou o Puebla para acortar distancias cun tanto de Juan García. Antes do descanso, chegaría o empate cunha falta espectacular de Fabio. No segundo tempo, o encontro tivo moita alternancia de dominio, onde aos chairegos lle anularon un tanto e tivo oportunidades de todas as cores para poder marcar o gol que lles dese o encontro.
O Chantada logra un novo punto que sabe a pouco
O Chantada conseguiu un punto ante o Arzúa cun empate por 1-1 que, por como se foi dando o encontro, soubo a pouco para os de Traste. Ao comezo, foron os locais os que dominaron o encontro, pero sen crear grandes oportunidades. Todo ata que un centro nunha xogada illada rematou en Eloy, que definiu de forma brillante para abrir o marcador. O Chantada deu un paso adiante para ter máis presencia no campo rival e sumaron varias oportunidades ata que, antes do descanso, Michi atopase a Pedro para poñer o empate no marcador
O gol antes da chegada do segundo tempo só foi un aliciente para os de Traste para que, á volta dos vestiarios, saísen con todo para intentar sumar os tres puntos. Dominaron en todo momento e acumularon oportunidades claras con Pablo, Tino ou David, pero non lograron acertar nos últimos metros para levar a vitoria. Un paso importante que confirma que o Chantada se está a adaptar á Preferente e que vai dar moito que falar.
O Burela segue sen acadar os seus primeiros puntos
O Burela foi o único equipo do Trío de Ases que non foi capaz de sumar os seus primeiros puntos do curso, xa que na súa visita ante o Galicia Mugardos perderon por 3-1. Nun encontro difícil, o ritmo de encontro estivo condicionado polo calor. Aí é onde saen os magos, e os mariñáns teñen a un como presidente. Jairo Campo inventou un golazo para darlle o mando ao seu equipo no marcador que se mantería ata o descanso e que puido ser máis se non anulasen un tanto.
Nos primeiros vinte minutos de encontro, todo daría a volta para mal. O Galicia Mugardos foi quen de remontar. No 47, Iago Seijo marcou de penalti e sinalaron outro máis que pararía Kiko. Manu Pol e Cartelle poñerían os dous tantos que lle darían os tres puntos aos de Ferrolterra. O encontro volvería a trabarse e, pese a que o Burela tivo un outro arreón, non chegou o tanto, pese a que lles anularon un e tiveron varias opcións.


