Nova xornada para uns Máxicos que xa comezan a debuxar as súas aspiracións para a nova temporada.
Pol 6-0 Portomarín: victoria clara do Pol ante un Portomarín que cumpriu co seu plan de partido no primeiro tempo e se deixou levar na recta final. Os locais lograron adiantarse antes do descanso nunha acción rematada por Roi, pero os visitantes conseguían roubar e saír rápido para facer dano. O comezo da segunda metade trouxo consigo un gol en propia meta dos visitantes, para poñer o 2-0 e pechar o choque. O Portomarín baixou os brazos logo do segundo gol e o Pol aproveitou a súa mordente ofensiva para ampliar o marcador ata o 6-0 final.
Outeiro de Rei 0-1 Burela: partido de moito respeto marcado pola intensa calor no Municipal. Os locais levaron o peso do balón ante un Burela ben plantado que evitaba as ocasións do Outeiro. Á volta da reanudación, Diego Chao fixo o 0-1 para uns mariñáns que sacaron partido ao tanto e levaron a victoria para A Marosa nun duelo no que máis xusto tería sido o reparto de puntos.
Lourenzá 1-3 Guntín: un Lourenzá ben plantado en defensa conseguiu adiantarse nun rexeite logo dunha falta lateral e, tras o gol, o Guntín comezou a dominar o choque. Mateo empatou cun golazo desde a frontal e Debasa puido facer o 1-2 cunha volea antes do descanso. O segundo tempo comezou coa mesma dinámica e os visitantes tiveron premio nun bo desmarque de Debasa e un posterior man a man que puxo o 1-2. O Lourenzá volcouse na procura do empate pero o cadro laranxa sentenciou co 1-3, froito dun roubo ao gardamallas local no tempo engadido.


Milagrosa 0-2 Chantada Atlético: consolídase o Chantada Atlético na zona alta da táboa tras superar a unha Milagrosa que non acaba de adaptarse á nova categoría. Un gol de falta directa de Pana adiantou aos seus antes do descanso e, á volta dos vestiarios, os visitantes subiron o ritmo con balón e fixeron sufrir a uns locais que apostaban polo fútbol directo. De novo Pana furaría as redes de Frigsa cun golazo nunha segunda acción despois dun saque de esquina. Os chantadinos xogaron con dez os últimos quince minutos e a Milagrosa enviou un balón ao pau nunha falta lateral, pero o marcador non se moveu. A nota máis negativa, o ingreso no hospital do gardamallas local Cabarcos por un golpe recibido no tórax durante o quecemento.

Foz 1-1 Meira: o choque vivido no Martínez Otero destacou pola igualdade entre os dous conxuntos, cunha primeira parte moi pechada na que ningún dos bandos gozou de ocasións claras. Xa no segundo tempo, o Meira adiantouse nunha boa xogada e o Foz foi quen de empatar nun balón parado. Na última xogada do duelo, os visitantes gozaron dunha oportunidade moi clara na que Tomy se erixiu como heroe para o Foz, cunha gran parada que mantivo o empate.
Xove Lago 2-1 Taboada: o Xove tivo a posesión nun primeiro tempo no que houbo ocasións claras para ambos bandos, pero ningún anotou. Co 0-0 que imperaba mediada a segunda parte, Charly aproveitou o rexeite dun córner para facer o 1-0 e, pouco despois, Juanjo enviou ao fondo das mallas un gran centro de Unai. Pese ao marcador adverso, o Taboada non lle perdeu a cara ao partido, recurtou diferenzas e estivo a piques de empatar na recta final, algo que tan só evitaron Trullo e a súa defensa.

SD Chantada 0-2 Atlético Escairón: comezou o choque con dominio chantadino, pero unha recuperación do Escairón en campo rival rematou nun gran disparo de Rucho que supuxo o 0-1. Os visitantes colleron entón o mando do choque e tan só Moncho evitou que as diferenzas fosen máis amplas ao descanso. No segundo tempo, a SD Chantada comezou a dominar o coiro e a pechar ao Escairón no seu campo. Porén, unha xenialidade de Vilachá cun golpeo á escadra puxo o 0-2 que pechaba o partido no Sangoñedo.

Riotorto 3-1 Guitiriz: comezou mellor o Guitiriz, que se adiantou nunha boa acción colectiva no minuto 5′. Porén, o Riotorto meteuse no choque con balóns parados e, nun deles, empatou o partido. Á beira do descanso, un balón á espalda do carril visitante traduciuse no 2-1 e, na seguinte xogada, o Guitiriz estampou un disparo na cruceta. No segundo tempo o Riotorto tirou de oficio e de experiencia na categoría e, nun novo balón parado, os locais fixeron o 3-1 que pechou o choque ante un Guitiriz que non soubo aproveitar as súas armas para sacar algo positivo.
Monterroso 0-2 Santaballés: o Santaballés foi superior ao Monterroso nun choque no que ambos propuxeron fútbol directo, con moitas disputas e segundos balóns. Os chairegos atoparon o premio á súa intensidade no segundo tempo, con dous envíos desde o curruncho que se traduciron nos dous goles visitantes. Xa co 0-2, os de Cerdeiriños se mostraron impotentes ante un rival moi sólido.
