A Segunda Futgal regresa esta fin de semana con novidades nos dous grupos lucenses. A competición afronta a última tempada con 16 equipos por grupo antes da redución a 14, prevista para o curso 2027/28. Por iso, os descensos directos aumentarán a tres, sen contar os arrastres.
Unha categoría composta por 32 equipos, que xogarán o seu devir deportivo en 30 xornadas. O descenso este curso mete máis respecto. Baixan seguro tres conxuntos por grupo. A maiores, hai tres arrastres, como mínimo, dende a Primeira Futgal. Ata que remate a liga non se saberá a que zona lle afectan. O curso anterior serve de exemplo. Os tres descensos en cadea provocaron o mesmo desenlace para tres clubs do grupo norte.
Así que é difícil predecir cal é a posición de permanencia. A 14ª praza marcará a salvación do descenso directo, pero podería haber que ir ata a 11ª ou 10ª para ter a tranquilidade absoluta.
Non varía, en cambio, o número de prazas lucenses para subir á Primeira Futgal. Dous clubs ascenderán directamente e outros dous terán a opción de facelo mediante unha promoción ante equipos da Coruña. Por terceiro ano consecutivo, o fútbol lucense terá menos opcións de ascenso que outras provincias e, en consecuencia, perderá representación nas categorías máis elevadas do balompé galego.


Un Castro renovado arredor de Muiña
Os tres equipos lucenses descendidos da Primeira Futgal quedaron encadrados no grupo 1. Castro, Iberia e Xove Lago regresan á categoría e coincidirán con Mondoñedo, Catro Roldas e Abadín, que veñen de competir na Terceira.
Precisamente, o Castro comeza a liga na casa ante o Abadín (domingo ás 17:00 h no Municipal), nun duelo de proximidade unido pola LU-113. Despois dun verán no que chegou a estar en perigo a propia continuidade do club, a entrada dunha nova directiva permitiu salvar o proxecto e formar un cadro composto principalmente por futbolistas novos e da casa.
Un dos poucos xogadores que continúa despois do descenso é Diego Muiña. A súa ampla experiencia en categorías superiores convérteo nunha das referencias do vestiario.
«Estamos adaptándonos porque temos case toda xente xoven. É un grupo moi novo e tamén temos un adestrador novo (Adrián Vázquez)», explica. Con todo, destaca as primeiras sensacións positivas: «A xente ten moita ilusión e moitas ganas, que é o mínimo que debemos ter para xogar».
Muiña decidiu continuar no Castro pola súa vinculación cun club no que comeza a quinta temporada. «Identifícome moito coa xente de aquí e teño moitas amizades. Se estou cómodo e a gusto, priorizo iso antes que os cartos ou outro tipo de cousas que pode haber no fútbol», sinala.
«Entendo tamén que a xente que entrou agora no club é seria e ten as cousas claras sobre como quere traballar. Pola miña parte, intentarei botar unha man coa miña experiencia e co que poida achegar no campo», matiza.
O defensa asume tamén a súa parte de responsabilidade no descenso. «Despois dun ano nefasto como o pasado, no que fixemos moitas cousas mal, sinto que estou un pouco en débeda coa entidade. Quero intentar axudar a reverter esa situación», recoñece.
O Castro non se marca o ascenso como unha obriga inmediata. O primeiro paso será consolidar o conxunto e manter a categoría. «Falar agora mesmo de ascender sería moi ousado. O obxectivo ten que ser conseguir que os rapaces compitan e consolidar o equipo. Despois veremos ata onde podemos chegar», asegura Muiña.

Varios duelos directos no grupo 1
A primeira xornada enfrontará tamén o Catro Roldas co Xove Lago (domingo ás 17:30 h na Canteira). Será outro encontro entre un equipo que acaba de ascender e outro que vén de perder a categoría. Pola súa parte, o Mondoñedo recibirá o Meira no seu regreso á Segunda Futgal (domingo ás 18:00 h no Viñas da Veiga).
Un dos encontros máis destacados será o Iberia e o Guitiriz (domingo ás 17:00 h nas Valgas). Ambos contan con traxectorias paralelas nas últimas tempadas. Enfrontáronse polo ascenso, cada un subiu en anos distintos e, finalmente, non puideron manterse en Primeira. O conxunto da Mariña volve á Segunda, agora cunha nova etapa de Roberto Ramallal no banco, mentres que os chairegos quedaron ás portas do ascenso durante a pasada campaña.
O Goiriz-Riotorto (sábado ás 17:00 h no Ventiño) xuntará dous equipos que estiveron na zona alta durante boa parte do curso anterior. Os locais manteñen o bloque logo de ser un dos equipos revelación, pero o Riotorto conta cun cadro totalmente renovado das mans de Merino. Pastoricense-Xermade, con Isaac Rouco nos locais (domingo ás 17:00 h no Acebreiro), Cabreiros-Celta Barreiros, coa chegada dun adestrador novo a provincia como Álex Cobelo (domingo ás 17:00 h na Acea), e o duelo mariñán de proximidade Candelaria-Alfoz (sábado ás 17:00 h na Granda) completan a primeira xornada no norte.
Muiña agarda unha competición sen grandes diferenzas. Sitúa o Iberia e o Xove Lago entre os posibles favoritos pola súa procedencia, pero avisa da dificultade do grupo: «Vai estar todo moi igualado. Será moi difícil sacar puntos fóra e na casa tamén vai ser complicado. Non penso que haxa moita diferenza entre os equipos de arriba e os de abaixo».

Catro recén ascendidos no grupo 2
As catro novidades do grupo 2 proceden da Terceira Futgal. Corgo, Rubián, O Incio Terra Brava e A Piringalla deron o salto de categoría e comezan unha nova etapa na Segunda.
A primeira xornada deixa xa un derbi da cidade entre o San Roque e A Piringalla (domingo ás 17:00 h no Polvorín). Fernando Corredoira asume novamente os mandos do cadro verde, que confía na canteira, en paralelo ás fichaxes de Marcos Sanfiz para a portería e o canario Iker para a dianteira. Proxecto de base tamén é o da Piringalla, no que Jony Lombardía segue como preparador. O regreso de Simón, marca o camiño dunhas incorporacións que son da casa, xunto ás chegadas de Ruodri, Hugo Sánchez e Manucho.
O Corgo recibirá o Monterroso B de Miguélez (domingo ás 18:00 h no Municipal), mentres que o Rubián, adestrado por Pasín, xogará co Santa Comba, cuxo anterior segundo adestrador Álvaro, pasa agora a dirixir (domingo ás 17:30 h no Poste).
O Incio estreará a categoría na casa ante o Antas (sábado ás 17:00 h no Carboeiro), que mantén no seu cadro un dos grandes nomes propios do grupo. Alejandro García ‘Portu’ continúa no equipo da súa vila despois de rematar a pasada temporada como máximo goleador, con 28 tantos.
O dianteiro tivo opcións para cambiar de club, pero decidiu permanecer no Antas. «Puiden marchar a outros sitios, pero para min non hai nada como estar na casa. Somos unha familia e estou moi feliz aquí», afirma.
Portu ve o equipo preparado e «con ilusión por facer unha gran temporada». Tamén espera unha competición moi semellante á do curso anterior: «Sempre é dura e podes perder en calquera campo».
Despois dos seus 28 goles, o atacante aumenta o reto persoal. «Quero superar os do ano pasado e oxalá iso axude o equipo a cumprir o seu obxectivo», asegura.
O Portomarín e o Friol (domingo ás 18:00 h no Chao da Poza – Marcos Arias Rodríguez) vivirán a estrea en partido oficial dos seus adestradores. Álex Cortón asume os mandos dos locais, tras a marcha de Diego Rey ao Brollón, e Juanma chega ao Friol, logo de competir o curso anterior no grupo norte co Pastoricense.
Paradela – Ferreira (domingo ás 18:00 h no Gandarón), no regreso de Senén ao banco dos locais, e o Palas – San Lázaro (domingo ás 18:00 h nos Chacotes), co debut tamén de Pablo Gómez nos capitalinos, completan a primeira xornada no grupo 2.
O duelo de filiais Sarriana B e Chantada B previsto tamén para esta primeira xornada foi aprazado debido a remodelación do céspede da Ribela. Unha data na que se podería xogar sería na Ponte da Constitución, xa que é unha fin de semana na que non hai xornada de liga (5 e 6 de decembro). Con todo, os clubs tamén barallan a posibilidade de desputalo nunha data anterior.


