A Sarriana mídese ao Viveiro

A Sarriana e o Viveiro estrean o novo verde da Ribela

O primeiro derbi do ano chega pronto, xa que Sarriana e Viveiro mediranse este domingo ás 18:00 horas nun encontro onde hai máis que tres puntos en xogo. Voltan os partidos fermosos a nivel provincial entre dous cadros que se coñecen á perfección, xa que se mediron na pretempada con vitoria en Cantarrana por 2-0 para os mariñáns. A Terceira RFEF é unha cousa diferente e, pese a que os obxectivos son dispares, os tres puntos resultarán importantes de cara ás loitas nas que estarán.

Pero en Sarria hai un aliciente moito maior ao apartado futbolístico. Despois dunha obra que comezou no mes de xuño, a cal aínda lle faltan cousas por rematar, A Ribela disporá dun novo céspede artificial. Era un troco moi demandado tanto polos xogadores como polos corpos técnicos que conformaron a Sarriana en anteriores tempadas e que será unha realidade a partir do domingo. Ademais da mellora do verde, tamén traerá novas medidas, xa que o terreo de xogo será de 105×70, unhas dimensións que comparte, entre outros, con Balaídos.

O inicio de curso foi diferente. Os de Marcos Pereiro arrincaron na casa cunha derrota ante o Antela pola mínima nun encontro que os medía ante un dos posibles rivais directos pola permanencia. Mentres tanto, os de Alberto Mariano venceron por 1-3 ao Estradense nun partido entre equipos da zona alta. Os resultados do primeiro encontro fan que un queira seguir sumando para o seu obxectivo do ascenso, mentres que o outro quere estrearse.

OS PROTAGONISTAS

Keko Vilariño, centrocampista da Sarriana

Estrea da Ribela: Levamos unha chea de anos limando os pés no campo vello. O cambio era necesario para Sarria e para que o club poida seguir crecendo é moi importante. Tamén están facendo o natural que, se queda ben, vai ser un aliciente e unha axuda de cara a preparar encontros como visitantes en tesituras diferentes. Estrear o novo verde é unha pasada, xa o vimos e é inmenso. Costaranos un pouco adaptarnos as medidas porque é xigante, pero creo que a longo prazo vainos vir moi ben.

Encontro ante o Estradense: Sabíamos que íamos a un contexto moi difícil nun campo que vai ser duro para todos. Tiñamos claro que queríamos competir e axudarnos entre nós cunha idea sólida en defensa. Arriba temos moita pólvora e creo que xa se viu algo no encontro. Saiu un partido redondo onde puidemos castigar os erros. É importante gañar, pero dicía no vestiario que hai que pensar no seguinte para sumar de tres e encarrilar unha boa dinámica desde o comezo para estar nos postos altos da táboa.

Obxectivo da tempada: Cando descendes, sempre queres facer algo para voltar a ascender e hai respecto. Esta categoría é moi competida e hai equipos como o Estradense, o Somozas ou o Boiro que van loitar por todo. Hai moita igualdade, máis que en anos anteriores onde había equipos como Compostela ou Arousa que sabías que ían estar arriba. Que nos vexan como favoritos ten que ser un aliciente desde a humildade.

Arturo Calvo, dianteiro do Viveiro

Afrontar un derbi: Afrontámolo sabendo que imos a xogar contra un dos favoritos e que teñen a motivación extra de estrear o campo. Para nós, é un encontro máis no que iremos a facer o noso traballo e intentar sacar algo positivo da Ribela.

Capitán nun cambio de proxecto: É un pouco diferente a anos anteriores. A aposta polos rapaces da zona que coñecen o club fai que a labor sexa diferente. Dá gusto estar rodeado de xente que quere ao club, que quere xogar no Viveiro. Necesitase a adaptación á categoría, pero é moi bonito ver que todos sinten o escudo. Ogallá sempre fose así e que sexa moitos anos.

Obxectivo da tempada: Nós somos conscientes do que somos e polo que loitamos. O foco está claro e pasa por acadar a permanencia. Non miramos máis aló e sabemos todo o que temos que facer.

A ANÉCDOTA DO ENCONTRO

Nas dúas últimas tempadas nas que estes equipos coincidiron deuse o mesmo fenómeno. Na 23/24, os resultados de ambos encontros foi un 0-1, beneficiando en ambas ocasións ao equipo visitante. Pola contra, na 24/25 o resultado foi de 3-1, sendo favorable ao conxunto local. Se engadimos a 19/20 e a 18/19, son catro tempadas consecutivas na que se alternaron as vitorias entre Sarriana e Viveiro no derbi.

A AXENDA

Terceira RFEF

Atlético Montañeros-Racing Villalbés (domingo ás 12:30 horas en Elviña): Os chairegos mídense ante un dos proxectos máis interesantes da Terceira RFEF nun encontro no que dous dos posibles candidatos a estar nos postos de honra do curso se medirán. Dúas propostas diferenciadas as de Jairo Arias e Juan Rodríguez, pero ambas con moito talento nas súas filas que pode facer que a balanza do encontro caia para o seu lado.

Preferente

Lemos-Alertanavia (domingo ás 19.00 horas na Pinguela): O cadro monfortino debutará na casa da forma máis rara posible para un encontro na Pinguela. O partido será a porta pechada por mor do que aconteceu na fase de ascenso do curso pasado. Iso non debe frear aos de Alberto López, que queren alimentar a vitoria ante o Beluso cun encontro convincente na casa que lles volva facer sumar de tres.

Primeira Futgal

Residencia-Atlético Escairón (domingo ás 18:30 horas na Cheda): Despois de que ambos sumasen un punto na primeira xornada, dous dos grandes proxectos da Primeira Futgal. Os lucenses queren superar un ano pasado no que quedaron a piques de xogar o playoff, mentres que o cadro do Saviñao ten claro que ten as armas necesarias para instalarse na zona alta da táboa unha vez remate o curso.

Segunda Futgal

Castro-Abadín (domingo ás 17:00 horas no Arturo Pereiro): A Segunda Futgal comeza polo norte cun encontro que medirá a todo un histórico como o Castro, que volve tras moitos anos á categoría tras descender, ante todo un ascendido como o Abadín. Unha primeira proba para dous conxuntos que queren dar que falar nesta campaña.

San Roque-A Piringalla (domingo ás 17:00 horas no Polvorín): O grupo sur, pola súa parte, xa ten o primeiro derbi do ano, neste caso en clave lucense. O San Roque ven de facer un gran ano, mentres que A Piringalla quere facer un debut no que demostre a forza coa que chega desde a Terceira Futgal.

Fútbol feminino

PM Friol-EFM Concello de Boiro (sábado ás 18:00 horas na Reigosa): O fútbol feminino arrinca esta fin de semana coas dúas categorías máis altas nas que hai equipos da provincia, a Terceira RFEF e a Primeira Futgal. O inicio para o PM Friol será na casa para un curso no que parten como un dos equipos aos que hai que botarlle o ollo na loita polo ascenso de categoría.

A Sarriana e o Viveiro estrean o novo verde da Ribela

A Sarriana e o Viveiro estrean o