O Racing Vilalbés gaña en Santa Isabel, mentres Viveiro e Polvorín agardan á vindeira semana

O Trío de Ases da sexta xornada de Terceira tráenos o triunfo do Racing Vilalbés na súa visita a Santa Isabel ante o Estudiantil. Viveiro e Polvorín viron como os seus encontros eran adiados por positivos por Covid-19 nos seus rivais, Silva e Bergantiños respectivamente.

O Racing Vilalbés acada un importante triunfo no campo do Estudiantil con gol de Bruno Caballero (0-1).

O conxunto chairego ofreceu unha gran imaxe en Santa Isabel, nun campo de herba sintética, e soubo adaptarse ao que o encontro pedía en cada momento. Comezou mandando o Racing diante dun conxunto que defendeu coas liñas adiantadas e que cedeu o balón ao rival. Antes dos dez minutos de xogo tivo que abandonar o encontro mancado Javi Varela. Este foi remprazado por Sandá, que tivo un papel protagonista na saída de balón dos vilalbeses. Dani Pedrosa gozou da ocasión máis clara na primeira metade, pero o gol non chegou ata o minuto 37 e foi nunha acción de estratexia. Ángel sacou unha falta lateral e Bruno Caballero rematou ao fondo da portería no segundo pao. O cadro santiagués, que estreaba no banquiño a Gelucho logo da destitución de Gonzalo Lestayo, non xerou perigo ante a meta de Javi Rumbo.

Na segunda metade, o conxunto local quixo ter máis protagonismo e controlou o balón, pero sen apenas profundidade e non contou con ningunha ocasión clara de gol. Santi Gegunde puido ampliar as diferencias, pero o colexiado sinalou un dubidoso fóra de xogo. O Racing Vilalbés administrou ben as diferencias e non sufriu para obter tres valiosos puntos nunha superficie á que tradicionalmente lle costa adaptarse. O Estudiantil rematou o encontro cun home menos pola expulsión de Trapero polas reiteradas protestas ao colexiado.

Con este triunfo, os chairegos son cuartos na clasificación cun encontro aínda por disputar ante o Polvorín, que se xogará o vindeiro 6 de xaneiro.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario