Na Terceira RFEF unha de cal e outra de area. O Racing Vilalés gañou con claridade na Madalena ao Arteixo, mentres que o Viveiro viuse superado polo Fabril en Abegondo. Na Preferente, triunfo da Sarriana na Ribela fronte ao San Tirso e da Residencia no derbi provincial co Portomarín. O Ribadeo gañou na súa visita ao Victoria, mentres que o Lemos non puido sumar no campo do Betanzos.
O Racing Vilalbés apreta o acelerador e consolida a cuarta praza logo de derrotar ao Arteixo (3-0)
O encontro comezou igualado, pero non tardou en poñerse do lado local con claras ocasións de gol. Santi Gegunde estrelou o balón no pao a Álex Pérez viu como un zagueiro sacaba o balón cando ía cara a portería. O ex racinguista Otero respostou poñendo a proba a Álex Santomé. Nun saque desde o curruncho Damián adiantou aos chairegos. Antes do intermedio o Racing ampliou diferencias por medio de Rares, logo dunha boa xogada combinativa.
A sentencia chegou axiña. Ao pouco de comezar o segundo tempo, un centro de Pablo Rey rematouno a gol Santi Gegunde. Os de Simón Lamas tiñan o encontro onde querían e estiveron cómodos ata o último cuarto de hora onde o Arteixo por medio de accións a balón parado tentaron recurtar diferencias.


Mal encontro do Viveiro, que caeu goleado na súa visita ao Fabril (6-0)
O Viveiro visuse superado desde o primeiro minuto por un rival con moita movilidade e que realizou un fútbol combinativo que desbordou a un conxunto celeste carente de actitude, sen intensidade e mal situado en defensa. Os de Alberto López apenas tiveron presencia en campo contrario. Dous tantos de cabeza de Mario Nájera e un de Martín Ochoa tras un bo remate sentenciaban ao Viveiro antes do descanso.
Tras o paso por vestiarios, os mariñáns comezaron mellor e dispuxeron de dúas ocasións de gol nas botas de Iker Hurtado e Juan. Pero co paso dos minutos, os de Óscar Gilsanz voltaron a facerse co control do encontro e lograron outros tres tantos. Mario Nájera, Martín Ochoa e Iván completaron a goleada.

A Sarriana olla de preto o liderado tras gañar na Ribela ao San Tirso (2-0)
Primeira metade cun ritmo baixo de xogo, na que a Sarriana costoulle dar profundidade ao seu fútbol, entre outras cousas, para tentar evitar as rápidas transicións do rival. Malia todo, Marino e Santín gozaron de dúas boas oportunidades para poñer por diante aos de Edu Rodríguez.
Na segunda metade a Sarriana foi moi superior ao San Tirso. Aos dez minutos un balón de David á espalda da defensa recolleuno Marino, e tras regatear ao defensor conectou un bo tiro cruzado coa zurda. O segundo non tardou en chegar. Un bo pase de Santín deixou só ante o porteiro a Diego Rey que definiu ben. Non xerou perigo o conxunto rival, mentras que a Sarriana puido ampliar diferencias nos últimos compases.
A Residencia foi mellor no derbi e rematou goleando ao Portomarín (4-0)
Os de Dani Galán dominaron o encontro e foron quen de poñerse por diante cun golazo de Iago Buján desde o borde da área. O propio Iago Buján e Txiki contaron con claras ocasións de gol, pero o segundo non chegou ata o minuto 42. Iago Buján centrou e Yago rematou na área pequena lonxe do alcance de Chumi.

A segunda metade seguiu o mesmo guión e Iago Buján, o mellor da Residencia no derbi, preto do ecuador do periodo final, conectou con Dani Renda que cunha gran vaselina sentenciou o choque. A falta dun cuarto de hora para o final, Yago fixo o cuarto, segundo na conta particular ao aproveitar un bo pase de Pedro. Preto do final Hugo puido recurtar diferencias, pero Marcos respostou con éxito.
O Ribadeo rachou a súa mala xeira tras gañar no campo do Victoria (0-1)
Triunfo moi necesario para o Ribadeo, que logrou vencer onde ata o de agora non o fixera ninguén nesta temporada. Ámbolos dous conxuntos optaron polo fútbol directo e os locales tentaron facer dano coa velocidade de Jorge Otero, pero apenas inquedaron a portería de Dos Santos, salvo nun testarazo de Samu Pardo. Roi, nun córner tivo a única ocasión para o Ribadeo nun primeiro tempo sen apenas chegadas ás áreas con claridade.
O Victoria tivo uns bos minutos no comezo da segunda metade e contaron con ocasións para poñerse por diante. Unha boa parada de Dos Santos e un tiro ao longueiro foron as máis claras, ademáis dun tanto anulado por fóra de xogo. Nun momento difícil no encontro para os de Dani Moirón, Xairo puxo por diante ao Ribadeo logo dunha boa xogada combinativa que rematou cun centro chut do da Pastoriza que superou ao gardameta Jano. O tanto fíxolle moito dano ao cadro local e os mariñáns acadaron tres puntos que se lle resistían nas catro últimas xornadas.
O Lemos non puido sumar na visita ao campo do intratable Betanzos (2-0)
Os monfortinos realizaron unha boa primeira metade na que souberon contrarrestar as contras do conxunto local e incluso dispuxo de dúas ocasións para poñerse pod diante.
Na primeira xogada do segundo tempo Juan de Dora abriu o marcador para o Betanzos nunha acción a balón parado. O encontro entrou nuns minutos de claro dominio betanceiro, aínda que sen inquedar a portería de Losada. O Lemos non lle perdeu a cara ao encontro e dominou o encontro ata que Juan de Dora sentenciou o choque preto do minuto 80.
