O Racing suma a cuarta consecutiva e o Viveiro a primeira con Fabri

Duodécimo Trío de Ases Panadería O Cantón da temporada, que nos deixa dúas vitorias lucenses en Terceira RFEF. O Racing Vilalbés venceu ao Alondras na Madelana, cuarto triunfo consecutivo, que achega ao liderado aos de Alberto López. O Viveiro gañoulle ao Barbadás en Cantarrana, na que foi a primeira vitoria da ‘era Fabri‘. O Polvorín empatou como local fronte ao Silva e a Sarriana perdeu o liderado tras caer diante do Noia.

Na Preferente malos resultados para os conxuntos lucenses. O Lemos caeu con claridade no campo do San Tirso, mentres que Escairón e Pol perderon como locais diante de Negreira e Cidade de Ribeira, respectivamente. O econtro que tiña que disputar o Ribadeo no campo do Paiosaco foi aprazado ao suspender o concello de Laracha as actividades deportivas ao aire libre.

O tempraneiro gol da Sarriana non é dabondo fronte ao Noia (2-1)

Perdeu a Sarriana o liderado tras caer derrotado no campo do Noia. O encontro púxose de cara para os de Jaime Paz nada máis comezar co que puido ser o tanto máis rápido da historia da categoría. Non ían nin quince segundos de xogo cando Santi Gegunde aproveitou o erro de Chema para marcar. Boedo tivo nas súas botas o segundo, pero foi o Noia quen logrou a igualada nun lanzamento de falta de Hugo Losada.



No segundo tempo, xa con moita choiva, a Sarriana non foi quen de ter o control do xogo e a falta de vinte minutos para o final Axel rematou un centro lateral facendo o segundo para os de Iván Carril. O encontro foi moi trabado e a Sarriana non foi quen de levar a cabo o seu xogo combinativo.

O Racing Vilalbés suma a cuarta vitoria consecutiva fronte ao Alondras (1-0)

Achégase á primeira praza o conxunto chairego logo de sumar os doce últimos puntos en xogo. Diante do Alondras o encontro resultou moi parello e cunha primeira metade de escasas ocasións. Nunha boa xogada combinativa entre Javi Rey, Asier e Fito chegou o único tanto do encontro, cun remate de Make no segundo pao. Corría o minuto 34 de xogo e os de Alberto López souberon manter a vantaxe ata o final.



O Alondras levou a iniciativa no segundo tempo e o Racing buscou saír con perigo á contra. Cañi, Borja Míguez e Anthony contaron con boas ocasións para facer o segundo. A falta de profundidade dos visitantes e a boa labor da zaga local evitaron que o triunfo perigara.

O Polvorín non amosa a súa mellor cara e salva un punto fronte ao Silva (1-1)

Non foi o mellor día do filial albivermello. Os de Dani Galán non estiveron cómodos diante do Silva, pero aos corenta segundos Sobrido contou cunha ocasión moi clara para marcar ao rematar un centro de Padín que se envenenou. Sobrido e Rubal tiveron coas máis claras dos locais na primeira metade. O Silva contou con algún achegamento a balón parado para marcar e cando parecía que o encontro xa ía sen goles ao descanso, no lanzamento dunha falta lonxana, Antonio rematou ao fondo da portería.

No segundo tempo, o Polvorín igualou nada máis comezar. Víctor Casais marcou tras unha boa xogada de Sobrido. A partir dos dez minutos de xogo o encontro convertiuse nunha tolemia, un ida e volta que puido caer para calquer lado. Herrero contou coa ocasión máis clara para o Polvorín, pero o seu disparo saiu desviado. No desconto, o Silva puido marcar nunha boa ocasión de Rodri Alonso que estrelou o balón no longueiro.

O Viveiro domina e vence ao Barbadás en Cantarrana (2-0)



Encontro dominado por completo polo conxunto mariñán que celebrou a primeira vitoria con Fabri no banquiño. Desde o comezo, o Viveiro foi superior ao Barbadás e o dominio non tardou en traducirse no marcador. Aos cinco minutos, unha boa xogada combinativa finalizouna con acerto Diego Santín. Co encontro en vantaxe, o Viveiro continuou levando a batuta do xogo e amosou un gran orde defensivo que impediu achegamentos con perigo do rival. Xa cos corenta e cinco minutos cumpridos, Adri Lombao aproveitou un bo servizo de Diego Santín para facer o segundo.

A segunda metade seguiu o mesmo guión, co Viveiro mandando no xogo, pero aínda con máis de media hora por diante Sylla viu o cartón vermello directo. Cun xogador menos, os celestes xogaron máis replegados e o Barbadás foi quen de xogar en campo contrario, pero sen xerar perigo a unha liña defensiva viveirense ben posicionada. Os locais contaron con algunha ocasión para lograr o terceiro no tramo final.

Un Lemos con moitas baixas perde no difícil campo do San Tirso (3-0)

Encontro condicionado polo forte vento no que o Lemos pagou caro un erro na saída de balón aos quince minutos de xogo. Segade sacou proveito del e batiu a Losada cun bo gol. Non foi capaz o conxunto monfortino de chegar con perigo á área rival no primeiro tempo e o San Tirso tampouco contou con ocasións para ampliar diferencias.

No segundo tempo, os de Juanlu Bernal saíron mellor e foron quen de xogar en campo contrario. Os locais souberon aproveitar á perfección os espazos á contra e Xian en dúas transicións rápidas marcou dous tantos que deixaron o partido visto para sentencia.

Un tanto do Cidade de Ribeira no 95 deixa ao Escairón sen puntuar (0-1)

Terceira derrota consecutiva para o Escairón nun encontro bastante igualado diante do Cidade de Ribeira. O conxunto visitante, con Jon como faro que alumeaba todas as xogadas de ataque, moveu ben o balón e puxo en apuros ao Escairón.

Na segunda metade os de Óscar Moure contrarrestaron o dominio ribeirán e contaron con varias ocasións moi claras para marcar. O gardameta visitantes realizou varias paradas de mérito. No tempo de desconto, unha falta lateral rasa lanzada por Teira convertiuse no tanto da vitoria dos ribeiráns.

Un Pol con dezpon fin a súa boa racha no Municipal diante do Negreira (1-3)

O Pol amosouse superior ao seu rival nos primeiros vinte minutos de xogo. Os de Roberto Fernández tiveron o dominio e foron quen de chegar con perigo á portería rival. No minuto 24 trocou o partido por completo. O colexiado expulsou con vermello directo a Laye ao entender que cortara unha acción manifesta de gol, acción que foi moi protestada polo Pol. O Negreira logrou adiantarse cun gol de Juan de Selia antes do descanso.

Tras o intermedio, o Pol comezou ben e contou con boas ocasións de Hamza, Nacho e Omar. Nunha delas, Hamza logrou o empate. A falta de doce minutos para o final, nunha xogada á espalda da defensa, Alberto Freire puxo por diante ao Negreira novamente. Preto do final, Xabier sentenciou cun bo disparo pola escadra.

O Racing suma a cuarta consecutiva e o Viveiro a primeira con Fabri

Os Máxicos dan o 100% nunha tarde

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *