#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Polvorín non depende de si mesmo para rematar primeiro logo do empate no derbi

A Terceira disputou a súa antepenúltima xornada en Xoves Santo. O derbi entre o Polvorín e o Racing Vilalbés rematou en empate e o filial do CD Lugo xa non depende de si mesmo para rematar primeiro. Os chairegos quedan a tres puntos da quinta praza con dous encontros por disputar. O Viveiro colleitou outro empate diante do Noia e evitou de xeito matemático os postos de descenso directo e condicionado, pero deberá sumar na última xornada (descansa na penúltima), para evitar calquer problema cos arrastres.

Na Preferente a Sarriana deu boa conta do outro gran favorito polo ascenso, o Arteixo nun encontro superlativo dos de Edu Rodríguez. O Lemos non foi menos, e no seu mellor encontro da temporada goleou na Pinguela ao Fisterra. Na pelexa pola permanencia o Escairón prosegue coa súa aciaga xeira e caeu de xeito contundente diante do As Pontes.

O empate entre Polvorín e Racing Vilalbés non deixou contento a ningún dos dous (1-1).

O encontro resultou igualado como era de presaxiar. O Polvorín chegou con máis perigo nunha primeira metade na que o Racing Vilalbés, cun debuxo con cinco defensas, non se atopou cómodo. O filial albivermello tivo máis control de balón, pero non estivo atinado nos achegamentos á portería de Ángel Fraga.



Na segunda metade chegaron os goles. Adiantouse o Polvorín preto de cumprirse o cuarto de hora da reanudación, no que foron os mellores minutos dos de Álex Ortiz. Nunha xogada de estratexia, Luis Castro rematou desde a frontal e o balón rematou no fondo da portería. Co tanto en contra, Simón Lamas trocou de sistema a defensa de catro e presionou ao rival máis arriba. A entrada de Pedrosa revolucionou o ataque chairego e a falta de doce minutos logrou a igualada. O ribadense contou con dúas boas claras ocasións para darlle a volta ao encontro. Tomé cun testarazo na última xogada tamén puido facer o segundo. O Polvorín tamén tivo opcións de facer o segundo cun tiro desde a frontal de Álex Ramos que detivo Ángel Fraga, pero o rexeite logrou despexalo Tomé a córner.

O empate do Viveiro diante do Noia non deixa tranquilos aos celestes ata a derradeira xornada (1-1).

Nun encontro que serviu para homenaxear ao presidente Alfonso de Carlos, falecido a comezos de semana, o Viveiro non puido pasar do empate en Cantarrana. O sexto empate consecutivo dos de David Páez fixo que varios rivais podan superar ao Viveiro ao ter que afrontar este fin de semana xornada de descanso e terá que sumar diante dun Polvorín que pode xogarse o ascenso na derradeira xornada para fuxir dos posibles arrastres.



Na primeira metade apenas se viron ocasións de gol. O Noia logrou adiantarse no minuto vintecinco nunha falta lateral que rematou Rivas de cabeza. O Viveiro nos últimos compases do primeiro acto buscou a portería rival, pero a falta de fluidez no xogo impedíronlle chegar con perigo.

O paso por vestiarios resultou providencial para os celestes. Nada máis comezar chegou o empate. Marino combinou con Arturo e o dianteiro, de tiro cruzado, superou a Fedello no que foi o seu quinto tanto da temporada. O Viveiro viu posibilidades de remontada e lanzouse a por ela. Tichu tivo a ocasión máis clara cun remate ao pao e Asier rematou lixeiramente desviado. Xa no desconto, Dani cun testarazo tamén tivo a opción dun segundo tanto que nunca chegou.

A Sarriana desprega un fútbol espectacular e vence con claridade ao Arteixo (3-1).

Gran encontro da Sarriana, que con este triunfo abre unha fenda de tres puntos na clasificación sobre o Arteixo. Os de Edu Rodríguez realizaron unha hora dun fútbol sobresaínte, onde anularon por completo a un rival da entidade dos coruñeses. Dous goles chegaron xa na primeira metade. O primeiro naceu nunha recuperación de Diego Rey, que tras parede con Gerardo, remata con tanto de Omar. Xusto antes do descanso, nunha acción combinativa do cadro local, Omar definiu no man a man co porteiro.

Aos cinco minutos da reanudación a Sarriana sentenciou o encontro. Nunha boa combinación entre Omar e Gerardo rematou co tanto deste último a porta vacía. Nos últimos trinta minutos o Arteixo meteu atrás ao seu rival na procura de maquillar o marcador. O tanto visitante chegou a falta de trece minutos para o rival por medio do xuvenil Diego.



O gran partido do Lemos tradúcese en goleada diante do Fisterra (3-0).

Posiblemente o mellor encontro do Lemos en toda a temporada. Os de Alberto López foron moi superiores ao seu rival e racharon coa mala xeira nesta segunda fase. Os monfortinos tiveron a posesión do balón e souberon despregar un fútbol combinativo coa profundidade suficiente para xerar perigo diante da portería rival. Sidibé puido abrir o marcador cun remate ao pao, pero xa antes do descanso Dani Arias puxo en vantaxe ao Lemos.

A segunda metade foi de completo dominio local e sentenciou o encontro en dez minutos con tantos de Sidibé e Armesto. Tan só a gran actuación do gardameta visitante Bugy impediu un marcador máis abultado. O Fisterra apenas inquedou a portería de Losada. No comezo da segunda metade Aarón, na área pequena, rematou excesivamente cruzado.

O Escairón da a talla na primeira metade pero remata goleado polo As Pontes (0-4).

O visto na primeira metade non presaxiaba a goleada final. Os primeiros corenta e cinco minutos resultaron igualados sen apenas ocasións de gol. Os de Jorge Rodríguez impediron que o rival fixera o seu fútbol, pero a falta de un minuto para o intermedio o focense Aitor Moreda cabeceou só preto da área pequena unha falta lateral sacada por Vilela.

Co Escairón con dez pola expulsión por dobre amonestación de Moha, os de Rafa Casanova atoparon moitas facilidades nunha segunda metade na que lograron golear ao rival. No minuto 63 unha internada na área de Aitor Moreda rematou co pase deste a Lucky que cun bo lanzamento batiu a Álex Ávila. Tan só cinco minutos máis tarde Iván Pérez aproveitou un barullo da área logo dun córner para sentenciar o choque. Case sen tempo para respirar, Martín Traba anotou o cuarto e definitivo ao rematar un centro desde a banda esquerda.

O Polvorín non depende de si mesmo para rematar primeiro logo do empate no derbi

O PM Friol coróase campión con goleada

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *