Despois de moitas semanas sen conseguilo, por fin xuntamos aos nosos dez equipos nunha mesma xornada. Todos xogaron, con resultados e sensacións dispares.

Unhas das mellores chegaron desde A Reigosa, onde o PM Friol confirmou o seu campionato ligueiro. As rapazas de Covi precisaban un só punto para alzarse co título pero quixeron facelo ao grande. O cadro lucense xa mandaba por 3-0 antes da media hora de xogo e fixo o cuarto antes do descanso. Alicia Martínez aportou un hat trick nun encontro no que o Olímpico de León deixou a súa impronta con dous tantos nos derradeiros dez minutos.
Na fase de ascenso da Primeira Galicia, as noticias non foron tan boas. O 5-2 foi en contra e non a favor dos intereses lucenses. O todopoderoso líder non deu opción a un Lugo que ve afastarse o soño do ascenso. As rapazas de Joaquín quedan a sete puntos do primeiro posto tras caer en Gondomar con claridade. As branquivermellas mostráronse imprecisas e precipitadas ante un rival con dinamita. O Lóstrego aproveitouse dos erros visitantes e o balón parado para sentenciar a un rival que non foi quen de desenvolver o seu xogo.
Na fase pola permanencia, o PM Friol B rozou a perfección nun encontro con desequilibrio patente. As rapazas de Diego Vivero fixeron unha grandísima actuación coral ante un Xuventú Aguiño desbordado. Anabel, Stefane e Nerea Rodríguez lograron sendos dobretes nesta goleada a domicilio. Pola súa parte, o Antas mostrou unha das súas peores versións no Castro Seoane. O conxunto de Melendo non pasou do empate ante o Chispa nun choque no que os goles de ambos equipos chegaron na primeira metade.


Resultados da xornada
PM Friol 5-2 Olímpico de León
Lóstrego 5-2 Lugo
Xuventú Aguiño 0-7 PM Friol B

Antas 1-1 Chispa
Bandeira 0-3 Chantada
Comercial 7-1 Monte Forte
San Roque 1-3 EF Lalín
Carballedo 4-2 Cruces

Santiso 5-1 Milagrosa
Punto e final a unha Segunda co peixe vendido

Pouco quedaba en xogo para a derradeira data da Segunda Galicia. Cos postos da fase de ascenso decididos, só quedaba o clásico orgullo de conseguir os tres puntos. No derbi lucense da xornada, saltou a sorpresa coa goleada da Comercial a un Monte Forte que viviu unha tarde para olvidar. Jenny fíxolle un sete ás monfortinas. Os sete goles foron da atacante lucense ante un rival que apostou polas suplentes e viu como a porteira Alexandra se lesionaba na primeira metade. Roble, gardamallas improvisada, foi do máis destacado dun conxunto no que a súa actitude deixou moito que desexar.

Outro dos triunfos da xornada chegou dun Chantada que se presenta lanzado na fase de ascenso. A pegada das de Álex Cambeiro tumbou ao Bandeira. Pola súa parte, as veciñas de Carballedo despediron a competición ligueira cunha vitoria cómoda na casa. Ana Lamas fixo un hat trick nun partido de ‘luva limpa’.
No capítulo de derrotas, a Milagrosa cedeu no feudo do Santiso. O líder pechou a Liga sen perder despois de impoñerse nun partido no que xa mandaba por 4-0 ao descanso. Leire fixo o gol da honra na segunda metade. Por último, o San Roque despediu a súa primeira competición doméstica cun revés en Montirón. O conxunto de Quiroga caeu nun partido igualado e que deixa boas sensacións de cara ao futuro. Nazaret, dianteira do Lalín, marcou as diferenzas. Saray fixo o gol das verdibrancas e mandou un balón ao pau.

así queda a fase de ascenso
A Milagrosa viaxará ao feudo do Meirás e o Chantada xogará no Sangoñedo ante o Umia B. No caso de gañar ambos encontros, os dous equipos lucenses mediranse o 1 de maio. Pola súa banda, o Monte Forte visitará ao Bueu na busca dun dos billetes para a segunda eliminatoria do ascenso.
